A Deputación de Pontevedra organiza charlas, contacontos e repartición de libros para o Día das Letras Galegas

A responsable do Departamento de Lingua da institución provincial, María Ortega, presentou este venres a programación deseñada pola administración provincial para celebrar o 60 aniversario desta efeméride.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Conferencias, contacontos, publicacións e repartición de libros serán algunhas das accións da Deputación de Pontevedra para celebrar o Día das Letras Galegas este 17 maio, que estará dedicado a Franscisco Fernández del Riego.

A responsable do Departamento de Lingua da institución provincial, María Ortega, presentou este venres a programación deseñada pola administración provincial para celebrar o 60 aniversario desta efeméride, que homenaxea ao seu inventor.

María Ortega fixo unha descrición deste escritor e intelectual como "unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil", creador de moitas iniciativas para pór en valor a lingua galega e a identidade de Galicia durante toda a súa vida. "Un militante vital da nosa lingua", destacou.

A Deputación de Pontevedra vai celebrar o sábado 13 de maio, ás 11,30 horas, no Pazo Provincial unha conferencia da man da editorial Galaxia, na que a docente e escritora Malores Villanueva, que pasou moitos días á beira de Del Riego para facer a súa tese doutoral, fará un percorrido pola súa vida e obra.

Será un acto aberto ao público, previa inscrición en lingua@depo.gal, que incluirá un 'showcooking' e petisco dedicado a Del Riego a cargo do cociñeiro Rubén González (O Cafetín), quen fará unha proposta gastronómica cos produtos favoritos do autor.

Así mesmo, repartirase un facsímile do artigo que Del Riego escribiu de mozo, cando era estudante de Dereito, no xornal 'A Nosa Terra' en 1932 co título 'Fiestra sobor dá lingua galega'.

O luns 22 de maio, ás 12,00 horas, tamén no Pazo Provincial haberá un acto dirixido aos alumnos de secundaria, que incluirá unha performance de Serafín Marcos sobre a vida e obra de Del Riego para descubrir a un "incansable loitador pola cultura galega" partindo da súa epistolario con Carvalho Calero no cárcere de Jaén.

Do 15 de maio ao 31 de xullo, os concellos da provincia que o soliciten poderán ofrecer un contacontos para divulgar entre o público infantil a biografía de Del Riego a cargo de 'Polo Correo do Vento'.

Ademais, o proxecto 'O camiño andado das letras' celebra o 60 aniversario das Letras Galegas cun percorrido polas 60 persoas autoras ás que se lles dedicou historicamente a data máis importante da literatura galega. A web e as redes da Deputación foron publicando unha ficha diaria e todo o material está recollido nunha publicación física que se distribuirá entre os centros de ensino e bibliotecas da provincia.

Por último, María Ortega tamén anunciou que diferentes obras realizadas sobre Francisco Fernández del Riego serán distribuídas pola Deputación entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía de Del Riego a disposición de toda a cidadanía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta