O BNG reivindica "a forza dos mozos" nas súas candidaturas e Ana Pontón pídelles "ser o motor do cambio o 28M"

Os nacionalistas propoñen "unha política pública de vivenda protexida, en particular o aluguer a prezos que a mocidade poida pagar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2023 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado nun acto con máis de 200 mozos que participan nas listas electorais, cos que reivindicou "o peso da mocidade nas candidaturas municipais". Na sala Malatesta de Santiago, Pontón asegurou que "a mocidade será parte esencial do cambio galego e o seu compromiso de construír unha nova Galicia na que a xente nova teña futuro".

"Quero dicirvos que tedes o meu absoluto compromiso e o do BNG de que imos facer todo o posible para que Galicia sexa un país para os mozos, no que poidades desenvolver os vosos proxectos de vida e ter oportunidades", afirmou, tras o que engadiu que "unha nova Galicia en presente e futuro, na que as maletas se collan para viaxar, non para emigrar, porque só queremos que emigredes por amor, non para escapar da precariedade ou do paro".

A este respecto, a líder nacionalista lembrou que os mozos "creceron entre crises, sofren traballos precarios, baixos salarios e alugueres polas nubes, unha combinación que impide a emancipación e atrasa proxectos vitais". "Aínda por riba, Galicia ten unha ferida aberta: a dos 200.000 mozos e mozas que están fóra porque aquí non atoparon unha oportunidade a pesar de ser a xeración máis formada da historia", lamentou.

"Por iso é tan importante vosa participación nas candidaturas do 28M, a vosa implicación e compromiso para ser motores activos do cambio que representa o BNG para pór en marcha unha nova Galicia, concello a concello, con futuro para a mocidade", recalcou.

En canto ás medidas, "e fronte a un PP que dinamitou a política social de vivenda", propoñen "unha política pública de vivenda protexida, en particular o aluguer a prezos que a mocidade poida pagar". Considera tamén importante o regreso dos miles de mozos que se foron nos últimos 14 anos "por falta de oportunidades", cun Plan retorna "que apoie a volta dos mozos emigrados, en particular o talento científico e investigador".

Pontón tamén destacou o compromiso da mocidade, "sempre en primeira liña ante os grandes retos e loitas: feminismo, cambio climático, defensa dunha sociedade inclusiva na que cada un teña dereito a amar e a ser quen queira ser" e defensa dos servizos públicos, "sabendo que ninguén se salva só".

"Sodes unha mocidade orgullosa dun país orgulloso. Por iso, pídovos que este 28M saiades a gañar, que non vos poñades límites, que sexades ambiciosos en todos e cada un dos vosos concellos, que sexades motor activo do cambio, sabendo que tedes todo o apoio do BNG e todo o meu compromiso para construír unha Galicia que vos converta en protagonistas", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto con mozos na Sala Malatesta, en Santiago de Compostela. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto con mozos na Sala Malatesta, en Santiago de Compostela. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta