Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 17:45
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde que regula o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta do persoal laboral fixo do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Así, poderá exercer a opción para integrarse como persoal laboral da Xunta de Galicia ou persoal laboral do Consorcio, sempre que formalizase un contrato laboral fixo coa entidade de procedencia, celebrado despois de pasar un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.
Ademais, deberá de ter a titulación establecida e cumprir os demais requisitos esixidos para o acceso ao grupo e a categoría de homologación do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta e tamén estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.
Non poderá exercer a opción para integrarse como persoal laboral fixo da Xunta o persoal que estivese vinculado ao Consorcio por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral fixo da mencionada entidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.