O renovado protagonismo de Miñones e Besteiro na campaña electoral do PSdeG

Miñones arroupará a Bugallo e Besteiro a Lara Méndez na pegada de carteis que dará inicio á campaña electoral. A Galicia tamén acudirá a ministra Nadia Calviño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O ministro de Sanidade, José Miñones, arroupará ao alcalde de Santiago e candidato socialista á reelección, Xosé Sánchez Bugallo, no acto de pegada de carteis que terá lugar o xoves e que dará inicio á campaña electoral.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes socialistas, a este acto de pegada de carteis podería sumarse o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, aínda que a súa presenza está aínda por confirmar tendo en conta que tamén é candidato á Alcaldía nas Pontes, municipio no que se prevé que manteña axenda esa xornada.

Neste contexto no que o xefe de filas dos socialistas galegos é tamén candidato para as municipais que se celebran o 28 de maio, o PSdeG expón unha campaña na que terán protagonismo, ademais do propio Formoso, o novo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario de Organización, José Manuel Lage.

Precisamente, ambos participarán en senllas pegadas de carteis nas cidades de Lugo e A Coruña. Así, Besteiro arroupará á alcaldesa de Lugo e candidata á reelección, Lara Méndez, no acto de pegada na cidade da Muralla e Lage fará o propio coa rexedora da Coruña, Inés Rey, en cuxa candidatura ocupa o número dous.

De cara á campaña electoral que arrinca esta semana, os socialistas galegos prevén facer un especial esforzo nas cidades nas que consideran que necesitan mobilizar máis ao seu electorado, como o caso de Lugo e Santiago de Compostela. Ademais, prevese que arroupen aos candidatos galegos diferentes membros do Goberno central, como a vicepresidenta Nadia Calviño, quen estará en Galicia esta semana.

José Manuel Miñones e José Ramón Besteiro
José Manuel Miñones e José Ramón Besteiro | Fonte: ADiario-EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta