Condenado a 22 meses por chamar "parva" e dicirlle a súa parella que "non valía nada"

O condenado foi absolto de exercer "violencia física" sobre a denunciante.

Por E.P. | A CORUÑA | 09/05/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 22 meses de cárcere ao autor dun delito de malos tratos habituais sobre a súa parella, coa que mantivo unha relación entre 2012 e 2014.

Nunha sentenza con data do 4 de maio e da que informou este martes o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o tribunal considera probado que, a partir de abril de 2013, "comezou a insultar e a vexar frecuentemente á súa compañeira sentimental, á que dicía que era parva, que non valía para nada, que onde ía sen el, que calase ou que non sabía nada". Ademais, segundo indican os xuíces, dicíalle como se tiña vestir.

"Estes comportamentos producíanse cando estaban sós na vivenda que compartían e tamén cando estaban presentes amigos e familiares dela", subliñan os maxistrados, quen tamén lle impuxeron o pago dunha indemnización á vítima de 9.000 euros, así como a privación do dereito á tenencia e porte de armas durante tres anos e a prohibición de aproximación e de comunicación coa vítima durante cinco anos.

A Audiencia absolveuno do resto de delitos obxecto de acusación, pois afirma que non consta que "exercese violencia física sobre a denunciante nin que a obrigase a manter relacións sexuais". O tribunal tampouco entende probado que en dúas ocasións a ameazase con queimar a casa dos seus pais e o coche ou que lle dixese que "ía aparecer colgado no soportal da casa e que ela nunca máis ía ser feliz".

No fallo tamén asegura que "non consta que tivese que cambiar de domicilio, deixar o seu traballo, deixar de manter trato directo coas persoas da súa contorna e permanecer encerrada na súa casa por medo ao acusado".

"Atopámonos con que o contido da declaración da vítima é verosímil, continuado e crible no que se refire a os ataques estritamente verbais dirixidos contra ela", explican os xuíces, quen destacan que a conduta do condenado excedeu "o ámbito da discusión de parella ou dunha percepción esaxerada do seu contido real, de tal maneira que do conxunto probatorio conclúese que mantiña unha conduta agresiva destinada a manter á súa parella sometida á súa vontade".

Exterior dos Xulgados da Coruña
Exterior dos Xulgados da Coruña | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta