A oposición acusa ao PP de abrir un "conflito" co galego con normas como o decreto do plurilingüismo

Os populares enxalzan o "biligüismo cordial" en Galicia durante o debate.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2023 | Actualizada ás 19:42

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición coincidiron este martes ao acusar o Partido Popular de abrir un "conflito" co galego por mor de normas como o decreto que "prohibe" impartir as matemáticas neste idioma mentres que os populares volveron a defender que hai un "bilingüismo cordial" en Galicia.

O debate tivo lugar no pleno do Parlamento na semana previa á celebración o próximo 17 de maio do Día das Letras Galegas, efeméride ante a que o Grupo Popular defendeu unha iniciativa que pedía que a Cámara reafirmase o seu compromiso co marco lingüístico recolleito na Constitución, no Estatuto, na Lei de Normalización Lingüística, desenvolvido no Plan Xeral de Normalización da Lingua galega e nos plans de dinamización do galego no tecido socioeconómico e na mocidade.

Ademais, a iniciativa defende o modelo bilingüe para o galego e o castelán, xunto coa aprendizaxe de linguas estranxeiras, que regula o Decreto para o plurilingüísmo porque "está a permitir asegurar no ámbito educativo plenas competencias en lingua galega do alumnado".

O encargado de presentar a proposición non de lei foi o deputado popular José Luís Ferro, quen destacou a posta en marcha de leis estatais e autonómica para conseguir que en Galicia non existisen conflitos lingüísticos e sostivo que o Goberno galego traballa para iso. Tras considerar que a oposición "non acerta" nos seus posicionamentos sobre o modelo lingüístico, incidiu en que a Xunta traballa para mellorar as cifras de falantes a través dun modelo con base en "liberdade e a convivencia".

Neste contexto, tamén sinalou que sen "regras do xogo" non pode existir a igualdade polo que destacou que o Grupo Popular e a Xunta sempre apostou por "cumprir" a lei e a Constitución. "Se non se respectan estariamos como en Cataluña", asegurou para incidir en que en Galicia non existe "ningún conflito" senón que hai un "modelo de bilingüismo cordial totalmente normalizado", que "busca a convivencia das linguas cooficiais en condicións de igualdade".

"Grazas a este marco, o alumnado aprende cun modelo referendado continuamente polos galegos", sostivo para incidir en que "a lingua é de toda Galicia", unha "riqueza de todos os galegos".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Tras o popular, a primeira en comparecer foi a deputada socialista Noa Díaz, quen acusou ao deputado do PP de partir de "uns marcos" en relación ao uso do galego "que non se corresponden á realidade". "Non propoñen nada novo e pretenden que apoiemos algo que apela a referendar o marco existente que desaprueban todas as institucións con responsabilidade e entidade na materia", reprochou. Dito isto acusou ao PP de defender unha iniciativa "chea de falsidades e interpretacións nesgadas", como a existencia do "bilingüismo cordial ou un modelo integrador".

"O galego está nunha situación de desequilibrio e non poden enganar", asegurou Noa Díaz, que lembrou o consenso que houbo ao redor do Plan de Normalización co PP de Fraga e asegurou que os que "abriron o conflito" foron os populares o seu decreto. "O seu modelo lingüístico non está a funcionar, non existe a igualdade de competencias e un idioma que non se coñece, dificilmente vai poder ser usado", sostivo.

Ademais, presentou unha emenda de substitución que o PP se abriu a negociar como un texto transaccionado de face ás votacións que terán lugar o mércores. Pola súa banda, o parlamentario do BNG Daniel Castro acusou ao PP de presentar unha iniciativa que xa levaran á Cámara hai "27 meses". "Tiñan que presentar algo con motivo das Letras e presentaron isto de hai 27 meses", censurou. Tras iso, rexeitou as afirmacións do PP en relación a que non existe ningún conflito lingüístico e lembrou que todos os entes relacionados coa defensa do galego están en contra do decreto do plurilingüismo.

Así mesmo, lembrou que o galego está en inferioridade de condicións en numerosos sectores, como a xustiza, onde só hai un 5% de sentenzas en galego; e sostivo que, fronte aos datos dados polo PP en relación ao uso maioritario do galego, nos últimos 27 meses xa houbo "unha chea de estudos" que "din o contrario". "O castelán por primeira vez na historia é a lingua máis usada en Galicia, non temos nin igualdade nin plurilingüismo e promoven a ignorancia", lamentou.

Ademais, acusou aos populares de acudir á Cámara a "presumir de ser os peores". "Non poder dar ciencias en galego é unha limitación, perseguir aos profesores por dar matemáticas en galego é unha limitación. Dálles igual o que di o Consello de Europa, o que di o Consello da Cultura, a RAG. Están tan a monte que lles dá absolutamente igual", lamentou.

Por último, sostivo que fronte a un PP que é "o pasado", o BNG "mira sempre para o futuro" e presentou unha emenda para iniciar a elaboración dun novo marco normativo que avance na igualdade lingüística da educación galega. Con todo, o deputado do PP xa avanzou o seu posicionamento en contra. A proposición non de lei será votada na xornada do mércores, na que previsiblemente sairá adiante tendo en conta que o PP é o grupo maioritario.

Parlamento Galego
Parlamento Galego | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta