Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/05/2023 | Actualizada ás 15:32
O "affaire Baltar" está causando moitas dores dentro do Partido Popular de Galicia e, especialmente, ao seu presidente. Non hai rolda de prensa que non se lle pregunte a Alfonso Rueda polo destino do barón ourensán, especialmente, tras a decisión deste de non asumir responsabilidades políticas logo de ser cazado a 216km/hora nunha vía limitada a 120.
Por iso, cando trascendeu que o procurador de Baltar estaba tentando adiar novamente a súa comparecencia, atrasada a este xoves, tras a decisión do seu avogado de non acudir á primeira sesión prevista para o martes, todas as alarmas se acenderon na dirección do PP. O Tribunal Superior de Justicia de Catilla y León mandou nota de prensa a última hora do mércores afirmando que a xuíza podería "multar" a Baltar por un novo atraso. Unha decisión que volvía crear un gran problema ao PPdeG e, especialmente, a Rueda que este xoves ten un acto electoral con Baltar.
Finalmente, fontes populares informaron que o presidente provincial do PP de Ourense ía comparecer telemáticamente, como así fixo. A xuíza decidiu que sexa sometido a xuízo o vindeiro 31 de maio. A decisión alivia, un pouco, a presión que hai sobre Rueda e todo o PPdeG, xusto cando se inicia oficialmente a campaña electoral do 28M este venres ás 00.00 horas.
Ante este novo procedemento xudicial, Rueda decidiu non pronunciarse ata que se saiba se Baltar é ou non condenado e, de ser sancionado, que penalización xudicial ten. "Tomarase unha decisión, se procede, en función do resultado --do xuízo--", dixo Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que tentou, novamente, evitar todas as prenguntas ao respecto.
"O máis importante é que hoxe compareceu. É un procedemento derivado dunha infracción e estase facendo con todas as garantías e iso é máis importante", indicou. Tamén evitou comentar as maniobras dilatorias da defensa de Baltar. "Non sei os acontecemento e o importante é que xa compareceu dentro do proceso penal no que está", limitouse a responder.
JÁCOME E BALTAR
Tampouco quixo falar públicamente sobre os efectos que a crise política aberta en Ourense, co caso da multa de Baltar, e os audios do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, terán nas expectativas electorais do PPdeG. Tal e como xa adiantou Galicia Confidencial, estas expectativas eran moi importantes hai un mes e medio e os populares apostaban por acadar dúas deputacións e tres grandes cidades. Hoxe conformanse cunha gran cidade e unha deputación.
"Os cidadáns de Ourense teñen o veredicto e eles decidirán a quen votar. Desde logo, teñen un gran candidato que é Manuel Cabezas", dixo sobre o candidato do PP na cidade. Un candidato, lembrou, que xa dixo que non vai pactar con Jácome como si fixo o PP de Baltar.
Por iso, volveu descartar un novo pacto entre o PP e Jácome e insistiu en que en Ourense a lista máis votada vai ser a de Cabezas. "E esperemos que o PSOE cumpra a súa palabra e deixe gobernar á lista máis votada", dixo.
FOTO CON BALTAR
Sobre a coincidencia na tarde deste xoves con Baltar nun acto no Pereiro de Aguiar, Rueda tamén tentou desvinculalo dun apoio ao barón ourensán. Así dixo que a "foto" co presidente provincial ven dada polo compromiso que tiña co candidato popular na localidade, "ex director xeral de Interior comigo". "Eu dixera que ía ir e o presidente provincial tamén estará alí", limitouse a contestar.
RETIRADA DO PERMISO DE CONDUCIR
O presidente da Deputación de Ourense e líder do PP na provincia, Manuel Baltar, confirmou que Fiscalía pide por mor do seu exceso de velocidade, que lle retiren o carné e que abone unha sanción económica, unha pena coa que está desconforme ao entender que está sustentada en argumentos xurídicos "perfectamente recurribles". De feito, confía en parar o proceso sen chegar ao xuízo.
Por iso, en declaracións aos medios no Pereiro de Aguiar (Ourense), transmitiu "absoluta tranquilidade" e mostrouse convencido de que, tras as súas "desculpas públicas", e pagar a multa administrativa, ser 'cazado' a 215 quilómetros por hora un domingo nun vehículo oficial da Deputación "non" terá custo electoral na cita coas urnas do próximo 28 de maio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.