Por Sue Rainbow | Santiago | 05/03/2015 | Actualizada ás 13:51
Esta é a descrición que atopamos nada máis entrar na web de Víctor Grande, onde tamén podemos ver as numerosas datas dos seus monólogos en diferentes puntos dentro e fóra de Galicia. Víctor leva dende principios de século traballando como cómico principalmente, pero tamén como presentador de eventos, locutor de radio… Na radio leva dende 2004 aproximadamente, en emisoras como Radio Nacional ou Cadena SER, á que sigue vinculado con Qué duda cabe, unha sección de humor semanal en Radio Coruña. No ámbito televisivo, foi finalista de Tú si que vales (Telecinco) e colaborador de Land Róver de TVG escribindo cancións dedicadas aos convidados, entre eles Boris Izaguirre e Manuel Manquiña. Vamos, un todoterreo galego.
Con que proxectos estás actualmente Victor?
Estou a preparar unha obra de teatro "Exitus", aínda que por agora non te podo contar moito porque estamos na fase de creación do guión e ensaios previos, pero será unha obra de teatro moi rechamante que vai dar bastante que falar porque é unha fusión entre o teatro e o mundo audiovisual e un compoñente de improvisación e interacción co público que non é habitual no teatro. Tamén che podo adiantar que terá finais alternativos e con decisións que vai ter que tomar o público que asista ao teatro.
Outro proxecto que teño en paralelo con Pepe Capelán é "Destino Comedia" que faremos cando as nosas axendas o permitan, e trátase dunha viaxe en busca da comedia por España nunha furgoneta e cargados cos nosos trebellos e cámaras de video para convertelo nun proxecto audiovisual.
Por outra parte a nivel persoal estou con outros dous proxectos que é pero poder facer ao longo deste ano, que é un segundo libro, que será a segunda parte de "Que dúbida cabe" e por outro lado quero facer un disco das miñas cancións cómicas, que será un disco de directo, imos facer un par de concertos e gravalos para logo sacar o disco de directo.
E logo diferentes actuacións non só por Galicia senón por toda España.
Que é o que che fai rir?
Pois mira, a verdade é que de todo, non teño un tipo de humor definido. Si que me gusta o humor que ten que ver coa lingua, o xogo de palabras faime moita graza e as casualidades da vida, que parecen como que estivesen guionizadas e son pura casualidade. A esencia da retranca, o dobre sentido e mesmo o triplo sentido en ocasións en xente moi profesional.
E falando dos dobres sentidos, o teu nome é moi dado a el, xogas con iso nos teus monólogos?
Pois mira, si, de feito fai tempo, agora xa non, pero nos meus primeiros monólogos o que dicía era que me chamaba Víctor Grande, que é en serio, repetíao moitas veces, de verdade, tedes que crelo e dicía, cando queirades ensínovolo... e referíame ao carné de identidade, claro! Efectivamente, o meu apelido dá xogo. Pero é apelido, é apelido, non é alarde!
Es de lapis e papel ou de ordenador?
Son un hibrido, as ideas iniciais gústanme máis escribilas en libretas, teño montóns de libretas, unha para case unha cousa diferente, pequenas, grandes, medianas... e entón aí é onde vou escribindo as ideas iniciais. Pero as cousas máis elaboradas, os textos que escribo para a radio, os monólogos, ou calquera outra cousa que este baseada nesas ideas iniciais pois si que as fago en ordenador, ademais son informático de carreira!
Pero vamos, teño de todo... notas de voz no móbil, unha tablet, un portátil, libretas de todos os tamaños, alá onde poida apunto, pero se que a libreta é máis cómoda.
Falando de informática, algunha vez tes hackeado a alguén ou algo?
Diría que non porque son tan bo informático. Aínda que tampouco o intentei! A informática é unha ferramenta máis, para estar metido no mundo "redes sociais", ter unha páxina web profesional e demais, porque creo que hai que estar aí, que é unha forma de publicidade moi barata e é onde ten que estar calquera profesional para non estar desconectado do mundo que o rodea.
Cres que funciona realmente a publicidade nas redes sociais?
Eu creo que se, hai que saber facelo, hai que saber onde e cando lanzar esa publicidade, eses anuncios, esas mensaxes que queres lanzar, pero sen saturar, encontrar un equilibrio entre contidos entretidos e de cando en vez meter algunhas das túas "cuñitas publicitarias", pero se, eu creo que é efectivo, simplemente hai que saber, como e cando, que é moi importante.
Como levas que te entren as fans ao saír dun espectáculo, o que vén sendo, "a vida de artista"?
Por sorte non son tan famoso, aínda que se que hei de recoñecer que un pouquiño me gusta e un pouquiño me incomoda. No fondo nos gusta que valoren o noso traballo e gustar, e nos sobe un pouco o ego, pero por outra parte, como adoita pasar a moitos cómicos e actores, temos un compoñente de timidez, que dalgunha forma se dilúe no escenario pero cando baixamos nos entra a timidez... Cando me piden sacarme unha foto ou asinar un autógrafo pois me dá un pouquiño de vergoña, hai un compoñente aí de timidez que hai que vencer,
A verdade é que ao saír das actuacións te vén xente de todo tipo, xente encantadora pero tamén hai xente un pouco tola, eh! Logo hai moita xente empeñada en que tes que meter no teu monólogo os seus chistes. Pero ben, normalmente é xente moi maja, que sabe ser boa fan.
Eu se vexo a un famoso que admiro, non son capaz de achegarme a el, porque penso que problablemente o vaia incomodar. Tería que ser nun momento no que non vaia presentarme, senón que esteamos a traballar no mesmo escenario, que de feito me pasou con moita xente...
Con algún en concreto?
Pois mira, eu creo que unha das noites máis impresionantes de subidón que tiven foi nunha gala na que participaba en Santiago de Compostela, no Teatro Principal, para uns premios que outorgaba un xornal local. Estaba Luis Tosar, porque lle daban a el un premio, e eu cantei unha canción, que era unha mestura de moitas cancións nunha, e ao rematar a canción veu Tosar a felicitarme, foi un subidón impresionante. Que veña Luis Tosar e te diga, "oe, que rin un montón coa túa canción", un tio majo e moi moi normal.
De onde sacas a inspiración para escribir os teus monólogos?
Pois mira, como case todos os cómicos, do que me rodea. Dalgunha forma temos un radar as 24 horas ao día e estamos atentos a todo. O cómico é o que se fixa nos pequenos detalles e sobre todo no absurdo dalgunhas cousas que temos ao noso arredor das que non nos damos conta. Case sempre damos por sentado que as cousas son como son, e o cómico sempre lle dá a volta á tortilla, por iso eu levo sempre a libreta a man, porque de súpeto estas sentado nun bar vendo un partido de fútbol e di o comentarista: "chega o tempo de desconto" e vou e digo eu... "como tempo de desconto? Como é desconto se o que fai é aumentar? " E ben, ese tipo de parvadas ocórrensenos sobre a marcha. E aí está o cómico non? Para decatarse.
Cal sería o regalo ideal para un cómico?
O mellor regalo para un cómico é poder seguir facendo rir ata o último día, como Gila.
E outro bo regalo é que a xente que che aprecia sexa capaz de facer unha crítica construtiva do teu traballo cando algo non lle gusta. Moi poucos amigos atrévense a dicirte que algo non lles gustou e o porque.
Falando de amigos... dirías que é difícil facer amigos de verdade no mundo da arte?
Como en todas as partes, é complicado. De todos os xeitos, no mundo da comedia hai moito colegueo e buen rollo. En xeral levámonos ben e botámonos unha man.
Agora, amigos de verdade, como na vida de calquera, os contas cos dedos dunha man.
Cóntanos que podemos esperar se imos a un dos teus cursos de comedia.
Pois mira, nos meus cursos de comedia trato de transmitir a miña experiencia de máis de 14 anos neste mundo dende a escritura dun guión de comedia ata a posta en escena, pasando por cousas como trucos para lidar con público hostil (borrachos) ou formas de promoverte en redes sociais.
É un curso moi divertido e interactivo, con deberes dende o primeiro día e moitas dinámicas de posta en común entre os participantes. E si, o reto é que ao finalizar o curso todos os alumnos poidan interpretar un pequeño monólogo creado por eles mesmos.
Cres que é bo cambiar de material ou pola contra ir tirando cun mesmo espectáculo sempre?
Non, o que si recoñezo é que tardamos moito en facer un novo espectáculo porque o que temos funciona tan ben que nos dá medo crear algo novo, aínda que ben, eu agora acabo de lanzar un novo monólogo e creo que é unha boa práctica cambiar cada certo tempo, unha vez ao ano sería o ideal. Os que realmente son profesionais son aqueles que poden ter un espectáculo novo ao ano, non falemos dun ao mes porque claro, para que algo colla forma tes que testalo e modificalo a medida que vai cambiando e crecendo, ao final o espectáculo cambia totalmente dende os seus inicios ata a súa forma final. Falando dun monólogo ben, de arriba abaixo. Eu teño un espectáculo novo que estreei en Setembro que agora mesmo non ten nada que ver co orixinal.
Pero si, eu creo que é bo cambiar de material cada certo tempo, sobre todo se tes público habitual, porque non vas estar a castigalos sempre cos mesmos chistes. De feito agora estou con este novo espectáculo, pero en canto me pique a afección farei outro novo, aínda que a este lle queda aínda moito recorrido, pero dende logo non vai quedar aí, un cómico debe madurar e un chiste que escribes cando tes 20 anos non ten nada que ver a cando tes 30, 40... etc. E tamén o tipo de humor, todo evoluciona e cambia.
Vexo sempre nas túas redes sociais que tes unha fixación coas cafetarías, ata o punto de crear o grupo do Cafeterismo, cal é a túa cafetaría favorita de Galicia?
Un sitio concreto en Coruña, é a cafetaría El Universal, vou menos do que quixera, pero gústame moito ir, moita xente da cultura reúnese alí, ademais é un sitio moi acolledor, é un sitio moi tranquilo, podes estar a ler, escribindo e escoitando boa música de fondo.
Máis do Obxectivo de Sue Rainbow:
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.