Cómprenos máis audacia

A vida está chea de xestos. Uns inútiles, caricaturescos, e outros cargados de simbolismo, imperecedeiros, que acaban sendo modelos a imitar. O xurista e diplomático galeguista, Lois Tobio, deixounos unha anécdota reveladora da súa rexa personalidade intelectual.

Por Xosé Glez. | Redondela | 11/03/2015

Comparte esta noticia
Ocorreu no curso escolar 1930-31, na Facultade de Dereito de Santiago onde debutaba como profesor. Así a contou el. “Rematei un  cursiño de historia do dereito que dei na nosa lingua, pois xa non había pexas para o emprego dela porque estabamos na República. Tan contentos quedaron os alumnos que me organizaron unha festa”.  Decidirse a impartir aulas de Dereito na nosa lingua requiría dunha boa dose de audacia naqueles tempos. 
 
Este xesto de Lois Tobio había ter, moitas décadas despois, dous  imitadores: o notario Victorino Gutiérrez Aller, que redatou milleiros de documentos notariais no noso idioma, e o catedrático de dereito mercantil Xosé A. Gómez Segade. Cóntanse por milleiros os alumnos que foron formados  en lingua galega por unha das autoridades de maior recoñecemento no mundo desta rama do dereito. Deixou bos discípulos que hoxe seguen o ronsel do seu maxisterio.  Un exemplo, sen dúbida, que figurará para sempre nos anais da ciencia xurídica galega. Veñen a conto  estas referencias agora que estamos a preparar os actos conmemorativos do trixésimo aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega.
 
 Din os historiadores que  a lingua galega ten dous anos fundamentais: un en 1228, ano no que se escribe o primeiro documento xurídico no  noso idioma nunha notaría alaricana outorgando o “Foral de Castro Caldelas”, e outro, en 1532, que foi cando se rexistrou o derradeiro instrumento oficial en galego. Despois habían vir  máis de cinco séculos de marxinación, relegado aos usos coloquiais, e algunha que outra ocasional manifestación literaria. 1985 é o ano do rexurdimento da lingua nos usos xurídicos.
 
Coa aprobación da constitución española de 1978 que establecía o réxime da cooficialidade lingüística, posteriormente recoñecido polo Estatuto de Autonomía para Galicia de 1981, só algúns xuristas se decidiron utilizar o noso idioma nos procedementos procesuais e actos xurídicos documentados. As inercias do pasado eran de tal natureza que das liberdades reconquistadas excluíase a lingüística. Nese contexto  histórico e institucional procuramos rachar coa claudicante indiferencia e  atopamos no maxistrado Claudio Movilla Álvarez un aliado disposto  a secundar o exemplo de Lois Tobio e Gómez Segade. O 2 de abril de 1985 escríbeme  unha carta anunciándome  a primeira sentenza en lingua galega. Gárdoa como ouro en pano. Di así: “Envíoche copia da sentenza en galego, tal como che dixen na nosa conversa telefónica. Os atrancos para facelas todas na nosa lingua xorden fundamentalmente da ignorancia que teñen do galego os funcionarios. Agardemos que nun futuro próximo, o que agora é un acontecemento -que triste considerar isto como un acontecemento!- se convirta en rutina. Unha forte aperta do teu amigo.”
 
Desde entón é certo que se ten avanzado algo, pero non todo o debido. Grazas ao esforzo dun número cada vez maior de operadores xurídicos, funcionarios xudiciais, xuíces e fiscais, aglutinados pola Irmandade Xurídica Galega, hoxe xa empeza a ser normal o uso do galego na administración de xustiza. 
 
Este mes celebraremos  dous actos de natureza ben singular. O día 17 en Redondela, porque foi este Concello o que lle solicitou á Audiencia Territorial da Coruña o xesto histórico de ditar esa sentenza en galego; e despois, o 28, en Castro Caldelas, concello do que era oriundo o maxistrado Claudio Movilla. En ambos os dous actos faremos copartícipes aos operadores xurídicos e cidadáns desta nova ofensiva regaleguizadora. Uns e outros anunciando o compromiso coa lingua galega nos usos xurídicos. A maiores,  nas terras de Caldelas, procuraremos que un bo número de alcaldes participen activiamente facendo un pronunciamento de galeguización das asesorías xurídicas dos seus concellos.
 
A forza da audacia é a  que fai progresar aos pobos e dignificar os seus sinais de identidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA