Rueda confirma que non fará coincidir as eleccións galegas coas xerais

En todo caso, di que non sabe se haberá coincidencia coas europeas, marcadas xa para o 6 de xuño do 2024.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 18/05/2023 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou este xoves que non dedicou tempo a pensar se as eleccións galegas poderían convocarse coincidindo coas próximas europeas, fixadas para o 9 de xuño de 2024, aínda que si descartou que os comicios autonómicos vaian adiantarse a este outono, para coincidir con eleccións xerais.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, durante un acto un Ferrol, onde manifestou: "Nin o pensei, aínda que esperaba a pregunta desde que se anunciou a data concreta das eleccións europeas".

Rueda sinalou que a data dos comicios europeos acaba de coñecerse, e que non dedicou "un momento" a pesar "se van coincidir ou non van coincidir". "Non o sei, non estou con iso neste momento, pero coas xerais non van coincidir", matizou.

Respecto diso, o titular do goberno galego si quixo ser "categórico" e descartou adiantar as eleccións autonómicas para facelas coincidir coas xerais. "Non vai haber esa coincidencia, queda moita lexislatura por diante, e quero aproveitala, entre outras cousas, para tentar botar unha man nunha cousa tan importante como isto", aseverou, en relación á súa visita a Ferrol, para reunirse coas directivas de AClunaga e Cluergal, e con representantes de Iberdrola e Windar.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente primeiro, Francisco Conde, en Ferrol, con motivo dunha reunión coas xuntas directivas de Aclunaga e Cluergal, e representantes de Iberdrola e Windar
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o vicepresidente primeiro, Francisco Conde, en Ferrol, con motivo dunha reunión coas xuntas directivas de Aclunaga e Cluergal, e representantes de Iberdrola e Windar | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

AS ELECCIÓNS DO "CAMBIO"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que cando teñan lugar as eleccións autonómicas en Galicia "haberá un cambio que vai liderar o BNG". Así se pronunciou ao ser preguntada pola posible coincidencia dos comicios galegos coas próximas eleccións europeas, fixadas para o 9 de xuño de 2024. "Agora estamos nas municipais e o que vai pasar dentro dun ano, xa se verá", respondeu a líder do Bloque, que si asegurou ter "moi claro" que nesa cita coas urnas "haberá un cambio que vai liderar o BNG".

DECISIÓN BASEADA NO "INTERESE XERAL"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lembrou que é o presidente da Xunta, quen ten a capacidade para fixar as eleccións autonómicas, unha data para a que pide que prime o "interese xeral" e non o "partidista". Formoso, que se mostrou partidario de que se esgote o mandato, sostivo que, por respecto á cidadanía, a decisión débese tomar "pensando no interese xeral e non precisamente no interese partidista".

"Barallar hoxe distintas opcións, en función do interese particular de Alfonso Rueda, non debe ser o motor desa decisión", sostivo Formoso, que subliñou que debe ser o "interese xeral o pobo" o que determine a data das eleccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta