28M BNG Ana Pontón ve a Feijóo convertido "nun imitador cutre" de Ayuso

A portavoz nacional do BNG fixo un chamamento á participación e á mobilización o 28M e pediu "encher as urnas de votos ao BNG como mellor antídoto contra o caciquismo 2.0".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2023 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que ve a Alberto Núñez Feijóo "desnortado" e "convertido nun imitador cutre" da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, sen nada que "achegar" a Galicia.

Pontón participou nun acto electoral en Verín, onde pediu o apoio masivo para o BNG nas urnas "para acabar co caciquismo 2.0 do PP". "O 28M tamén vai de rexenerar a política", remarcou. Así, augurou que o candidato nacionalista á alcaldía de Verín, Diego Lourenzo, será o próximo alcalde porque "o Bloque foi o gran motor de cambio e de transformación en positivo no concello".

Respecto da xira galega de Feijóo, considera Pontón que xa pasou de ser "o moderado" a "converterse nunha imitación cutre de Ayuso, e co seu discurso de confrontación, crispación, e división, nunha parodia de Ayuso". "Si que lle sentaron ben os aires madrileños", ironizou.

"O que deixou claro na súa xira electoral é que o PP non ten nada que ofrecerlle a Galicia", comentou a lider nacionalista. Nesta liña, sinalou que "o mesmo Feijóo que critica a débeda do Estado, triplicase a débeda en Galicia ao mesmo tempo que recortaba en educación e sanidade, por exemplo, 2.339 millóns de euros en atención primaria mentres estivo á fronte da Xunta".

Considera ademais "unha falta de respecto e un insulto á intelixencia da cidadanía galega" que "veña a prometer en campaña o que non fixo en 12 anos de maioría absoluta". Por iso mesmo, afirmou que a xira o que fai é "constatar que o PP é un proxecto esgotado e fracasado que nada ten que ofrecer a Galicia, o pasado, fronte a un BNG que é presente e futuro".

ACABAR CO "CACIQUISMO 2.0"

Por outra banda, Ana Pontón fixo un chamamento á participación e á mobilización o 28M e pediu "encher as urnas de votos ao BNG como mellor antídoto contra o caciquismo 2.0" do PP na provincia, "que ten como presidente en Ourense a Baltar, un señor que vai en coche oficial un domingo a Madrid non sabemos a que a 215 quilómetros convertido nun perigo público, e Rueda e Feijóo mirando para outro lado".

"O 28M tamén vai diso, de rexenerar a política, de democracia, porque non podemos aceptar que haxa quen actúe coma se as institucións fosen súas. É o momento de participar e de reivindicar a política con maiúsculas porque é a ferramenta que temos a xente normal para construír unha sociedade mellor", aseverou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto de campaña electoral en Verín. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto de campaña electoral en Verín. BNG | Fonte: Europa Press

NÉSTOR REGO

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, acudiu este sábado á localidade de Noia, onde destacou "a capacidade e o compromiso demostrados no últimos catro anos por Ricardo Suárez". Rego augurou uns "moi bos resultados" nas próximas eleccións municipais nas localidades da ría de Muros-Noia e de que serán "o principal cimento para desaloxar o Partido Popular das alcaldías".

Ademais, o deputado nacionalista mantivo unha reunión co sector marisqueiro na que lembrou a negativa do Goberno español a desenvolver as actuacións de rexeneración da ría de Muros-Noia que propuxo a través das emendas aos Orzamentos Xerais do Estado. "Tan só un BNG forte no Concello de Noia e no resto de institucións, neste caso no Congreso, é garante dunha aposta firme pola rexeneración das rías, especialmente no caso dunha tan produtiva como é a de Muros-Noia", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta