Un vídeo, un cantante e a acción gobernamental

Recentemente, o financiamento pola Xunta dun vídeo musical dun coñecido cantante encontrou moito eco nas redes sociais. Moitos encontraron estraño que a Xunta dedicase o diñeiro público a este fin. Mais tampouco faltou quen xustificou o gasto argumentando que há producir unha elevada rendibilidade. De todos os xeitos, teño a impresión de que moita xente fíxose a mesma pregunta: agora tamén teño que financiar vídeos musicais cos meus impostos? Parece xa un pouco excesivo, non é? Para xulgar esta política –ou calquera outra, claro- considero precisas varias reflexións sobre a natureza da acción gobernamental.

Por Fernando del Río | Compostela | 18/03/2015

Comparte esta noticia
O goberno non é omnisciente.  O goberno é un axente económico tan mal informado –ou tan ben- como calquera outro. O goberno non posúe unha información privilexiada que lle permita tomar mellores decisións que outros axentes económicos. Así, por exemplo, cando multitude de políticos proclaman a necesidade de fomentar os sectores estratéxicos dunha economía non teñen nen idea do que están a falar. Eles non saben cales serán os sectores que van ir canón no futuro, non saben onde se van dar as próximas grandes innovacións, non saben como van evoluír as preferencias dos consumidores, no saben cales van ser os novos competidores que han xurdir no contexto internacional, en que basearán as súas vantaxes...Están tan cegos como todos os demais. Se o souberan faríanse ricos coa súa labor empresarial. E non é así. 
 
A información precisa está dispersa e nunha economía descentralizada é adquirida nun continuo proceso de proba e erro por multitude de axentes económicos concorrendo entre si. Son estas accións non coordenadas as que descobren as solucións aos problemas. Pretender substituír este proceso por unha acción gobernamental planificada entraña dous riscos. 
 
Por un lado,  ao deter o proceso, frecuentemente detén tamén a innovación, pois só hai unha mente a pensar na solución, non multitude. E xa se sabe que dúas mentes han encontrar mais rapidamente a solución que unha soa. Cando penso neste problema asociado á acción gobernamental non deixa de virme a cabeza o sistema educativo tan regulado e controlado polo aparato gobernamental. Considero que  a preguiza evolutiva que está a experimentar non é independente desta regulación e control. 
 
Por outro lado, a ausencia de coordinación pode parecer un problema, mais todo o contrario, é unha virtude. Normalmente esta acción non coordenada implica que se ben hai xente que se equivoca tamén a hai que acerta. No agregado non se producen entón grandes erros. Pode un pensar, certamente, que en desafortunadas circunstancias a maioría dos individuos se coordinen en accións erróneas, guiados por eses espíritos dos animais keynesianos e producíndose, entón, a debacle. Pode ser, mais, en todo caso, é a excepción, non a regra. Porén, se temos un planificar tomando transcendentais decisións é moi probábel que se equivoque. E cada unha das súas equivocacións ha ter unha inmensa repercusión social. Nos réximes planificados non son excepcionais estas situacións nas que a acción gobernamental semella o resultado de iluminados. Venme á cabeza a Revolución Cultural maoísta.
 
O goberno non é benevolente.  Acreditar en que o goberno persegue sempre e en todo lugar o ben común sería dunha enorme inxenuidade. Isto significa que moito a miúdo a acción gobernamental non se ve guiada pola maximización dunha razoábel función de benestar social. Por tanto, as súas políticas non estarán orientadas a tal fin, mais a perpetuarse no poder, favorecer amiguetes, controlar a poboación, manter unha inxente burocracia,... Así que, nada lle garante a vostede que cando a Xunta financiou o vídeo dese popular cantante pretendese promover a nosa terra ou nada lle asegura que o mesmo se puidera ter feito con menos diñeiro.  
 
O deseño institucional debe estar orientado a aliñar os incentivos dos gobernantes coas preferencias dos seus cidadáns. Mais este obxectivo dista sempre de estar plenamente satisfeito. Así que sempre debemos esperar observar accións gobernamentais ilícitas ou mesmo corruptas. Mais aínda, canto mais ámbitos abranga a acción gobernamental, mais complexo será a estrutura institucional precisa para satisfacer este obxectivo. Mais complicado será entón o seu deseño, mais doado será que falle, mais frestas haberá para a picaresca e o escaqueo, mais complicado será obter a información para monotorizar a acción gobernamental,...e, así, menos certos podemos estar de que as políticas gobernamentais respondan aos desexos dos individuos e, mais aínda, mais corrupción debemos esperar. Hayek advertiunos no seu excepcional libro “Camiño de servidume”.
 
A acción gobernamental ten un custo oculto adicional. Compre non ignoralo. Este custo oculto fai que a acción gobernamental normalmente saia mais cara. O custo do vídeo musical non foron só 300.000 euros. Hai mais.  Para financiar a acción do goberno son precisos impostos. Estas taxas desincentivan o esforzo e a frugalidade, con, por tanto, consecuencias negativas sobre a produción. Esta redución da produción debe ser acrecentado ao custo directo da acción gobernamental. E a súa magnitude poder chegar a ser moi importante.
 
A acción gobernamental ten consecuencias redistributivas. A acción gobernamental non afecta a todos os individuos do mesmo xeito, beneficia mais a uns que a outros e, en moitas ocasións, prexudica a algúns. Ás veces estas consecuencias  redistributivas poden ser desexadas por  unha fracción significativa da sociedade e, consecuentemente, perseguidas explicitamente pola acción gobernamental. Mais non sempre é así. Promocionar Galicia pode favorecer aos propietarios de hoteis das Rías Baixas, mais tal vez non aos grupos medio-ambientalistas ou aos chabolistas do Carqueixo. En todo caso, un debe preguntarse se esta redistribución é desexábel e ser consciente de que a moito a miúdo é do mais insospeitada. 
 
En síntese, á hora de xulgar a acción pública un debe partir de que o goberno carece de toda a información necesaria para avaliar as consecuencias das súas accións e que tampouco é excepcionalmente virtuoso, o cal quere dicir que os seus actos están igualmente guiados polos mesmos baixos instintos que os meus. Ademais, debemos reparar nos custos ocultos das políticas gobernamentais e nas súas consecuencias redistributivas. Baseándose na análise de todos estes aspectos da acción gobernamental, sendo consciente de todas as contradicións e incertezas que implica, o liberalismo ten dado unha resposta que se axusta ao vello dito popular castellano “zapatero a tus zapatos” e reserva para o Estado ámbitos moi concretos da acción social. Despois de todo o dito, creo que fica claro o que penso de que o goberno ande financiando vídeos musicais de populares cantantes.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).