28M: Formoso anima aos galegos a "gozar con paixón" da "festa da democracia"

Rueda e Pontón tamén animaron á cidadanía a acudir a votar

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2023 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, animou a todos os galegos a votar este 28 de maio e a "gozar con paixón, normalidade e con respecto por todas as formacións políticas".

Tras depositar o seu voto nas Pontes, Formoso reivindicou o que para el é "un día de celebración". "A festa da democracia, na que expresar o seu sentimento político, as súas conviccións, de forma tranquila", comentou. O secretario dos socialistas galegos lembrou que houbo tempos nos que "non sempre se tivo a oportunidade de ir votar", motivo polo que fixo un chamamento á participación.

"A cidadanía é madura, solvente e responsable. Sabe que o dereito a voto é máis unha obrigación. A posibilidade de cambiar o país, o municipio, tense que concretar metendo un papel nunha urna. E non sempre estivo garantido. Así que por aqueles que o deron todo para garantir o dereito a votar, temos que buscar un oco e cumprir co pasado, o presente e o futuro do país", argumentou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vota nas Pontes (A Coruña). PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vota nas Pontes (A Coruña). PSDEG | Fonte: Europa Press

RUEDA

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, animou á cidadanía galega a votar para decidir "o goberno de 313 concellos durante catro anos". Por iso, destacou como "fundamental" a participación, así como que sexa "unha xornada tranquila".

O líder dos populares galegos acudiu a exercer o seu dereito a voto no colexio electoral localizado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acompañado da súa familia.

Segundo destacou, hoxe é un día "especial" para el, xa que por primeira vez as súas fillas puideron votar tras cumprir a maioría de idade. "Hoxe para min era un día especial. As miñas fillas, que me acompañaron sempre, hoxe votaron por primeira vez. Dedicándome á política non deixa de ser unha satisfacción ver como as miñas fillas participan dun dereito cidadán", celebrou. Así mesmo, agradeceu aos interventores de todos os partidos o seu labor e desexoulles "un bo traballo e que todo transcorra con normalidade".

PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou este domingo a votar á candidata nacionalista á alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e animou aos galegos a votar este 28 de maio "porque teñen o poder de decidir o tipo de políticas que queren para os seus concellos".

"O voto é o poder que hoxe a xente ten para decidir as políticas que quere para loitar contra o cambio climático, para que haxa concellos que poñan no centro a vida das persoas, para poder defender a nosa lingua, o noso idioma, o noso patrimonio, as políticas para construír concellos onde haxa máis futuro e máis oportunidades para as persoas", defendeu.

A lider nacionalista tamén reivindicou a importancia de que todos exerzan o seu voto. "Que a xente se achegue ás urnas a votar con coñecemento, que este sexa un día grande para a democracia", desexou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta