Por Galicia Confidencial | VIGO | 28/05/2023 | Actualizada ás 20:11
PP gañaría en 7 das cinco cidades galegas pero só podería chegar a gobernar en tres delas; Lugo, Ferrol e Ourense. Así o apunta a enquisa GAD3 para a CRTVG que destaca tamén unha baixada do PSdeG e un gran incremento de votos do BNG que mantería Pontevedra e podería gobernar en Santiago.
A sondaxe da CRTVG, que consiste en enquisas telefónicas 26 días previos á xornada electoral, e está centrada nas sete principais cidades galegas, sitúa ao PP tamén como o partido máis votado nas cidades da Coruña, Ourense e Santiago, mentres que Vigo sería a única praza na que os socialistas seguirían ostentando esa condición, cunha ampla maioría absoluta de 19-20 concelleiros.
Xunto con Vigo, a cidade de Ferrol é a única na que a sondaxe reflicte con seguridade que habería unha maioría absoluta do PP con 13 concelleiros, mentres que o PSdeG perdería a alcaldía con sete edís, o BNG subiría a tres actas e Ferrol en Común baixaría a dúas.
En Lugo, esta enquisa sitúa ao PP ao bordo da maioría absoluta cunha pinza de 12 a 13 concelleiros, mentres que ao PSdeG atribúelle entre 7 e 8 edís e ao BNG déixao co cinco que conseguiron nas municipais de 2019.
En Pontevedra, os populares pugnarían co BNG por ser a forza máis votada, xa que a ambos os partidos a enquisa atribúelles pinzas de 10 a 11 edís, mentres que ao PSdeG déixaos cos 4 que xa conseguiron en 2019. No entanto, con estes resultados, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores podería reter a alcaldía co apoio dos socialistas.
En Santiago, o PP desbancaría ao PSdeG como lista máis votada, con 9 ou 10 edís, segundo esta enquisa, que sitúa ao BNG con sete concelleiros, por diante dos socialistas, que quedarían con 6 actas e Compostela Aberta, con 2 ou 3 asentos no Pazo de Raxoi.
Os populares serían tamén os máis votados na Coruña, con 11 edís, pero a socialista Inés Rei podería reter a alcaldía porque obtería 10 concelleiros, que poderían sumar o apoio dos 4 edís do BNG, mentres que Marea Atlántica quedaría con dous asentos en María Pita.
En Vigo, Abel Caballero retería unha folgada maioría absoluta de 19 a 20 concelleiros, mentres que o PP subiría un ata o cinco e o BNG obtería 2 ou 3 edís. Desaparecería da corporación viguesa Marea de Vigo.
A situación máis incerta rexistraríase no Concello de Ourense, onde o PP sería a forza máis votada, con 9 ou 10 actas, por 7 ou 8 do PSdeG, 6 de Democracia Ourensá do actual alcalde, e 4 do BNG.
Ciudadadanos desaparecería das corporacións do sete grandes cidades galegas --en 2019 obtivera concelleiras na Coruña, en Lugo, en Ourense e en Pontevedra--. Vox seguiría sen ter ningún representante en niguna das grandes urbes de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.