Por Xurxo Salgado | A Coruña | 29/05/2023 | Actualizada ás 21:54
"Coñece ao teu opoñente, coñecete a ti mesmo e non porás en perigo a túa victoria"...O gran estratega chinés Sun Tsu escribía hai case 2.500 anos un magnífico manual sobre a 'arte da guerra'. Unha guerra moi diferente a de hoxe pero moi semellante en canto a estratexias. E, precisamente, con estratexias cuasi bélicas hai que ollar o que aconteceu nalgunhas cidades galegas o pasado 28M, especialmente, na de Ourense.
Os resultados do actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome foron a gran sorpresa nunha cidade e nunha provincia acostumada xa aos sobresaltos políticos. Ourense é sitio distinto, e ben se pode aplicar aquí aquilo que cantaban Os Resentidos nos anos 80, "Arde Galicia co lume forestal/ E con lume ou sen lume ti tamén podes arder/ Porque no inferno forestal non se está tan mal/ Ainda que a piromania non che me dá nada igual".
E é que Ourense xogou con lume e acabou incendiada de tal xeito que os pirómanos que o provocaron acabaron chamuscados e cuasi queimados pero para algúns, o "inferno forestal non está mal". Porque neste incendio político os que se queimaron foron os que xogaron co lume e non o piromano profesional.
A CAMPAÑA DOS MEDIOS
Jácome pasou de sete a dez concelleiros, sacou o 34% dos votos na cidade e máis do 10% en toda a provincia o que se traduce en tres deputados provinciais. Toda unha proeza se se ten en conta a forte presión mediatica á que estivo sometido durante toda a campaña electoral tras a publicación de audios moi compremetedores sobre as súas prácticas políticas nos xornais La Región e La Voz de Galicia.
Uns audios que el sempre enmarcou nunha campaña orquestrada polo PP en connivencia con eses poderes mediaticos que, finalmente, lonxe de ter un efecto disuasorio no electorado, acabaron funcionando como un efecto boomerang en contra dos instigadores do mesmo. E é que o 'caso Jácome' será digno de estudo nas principais facultades de Ciencias Políticas polas implicacións políticas que ten.
"É unha vergoña o que lle están facendo", "vai arrasar" ou "o PP e o PSOE presentan a condenados xudiciais". Son tres dos argumentos que este xornalista escoitou a tres rapazas novas nunha conversa nocturna nun bar. Unha delas, moi vinculada no seu día ao PSdeG e a outra ao PPdeG. Curiosamente, conversas que se fan en confianza porque publicamente ninguén parecía querer defender Jácome.
Son argumentos, o do "acoso" e o de "candidatos delincuentes", que o propio Jácome soubo hábilmente explotar durante a campaña electoral e que acabaron callando en boa parte dun electorado que xa non confía nos grandes medios de comunicación tradicionais.
Porque a vitoria de Jácome é a derrota de PPdeG e PSdeG, de La Región e La Voz, pero, principalmente, do PPdeG que foi o partido que creou o "monstro". Despois alimentouno e deixouno crecer ata que comprobou que xa non o podía dominar. E se dalgo sabe o fundador de Democracia Ourensana é de dar espectáculo e saír ben parado. Algo que aprendeu durante moitos anos en Auria TV, a súa propia televisión privada.
E AGORA QUE?
O "showman" Jácome seguirá dando que falar, para ben ou para mal, pero seguirá tendo unha publicidade gratuíta que semella que lle fai ben en Ourense. E se leu a Sun Tzu, o estratega de DO podería "someter ao inimigo sen loitar". E esa podería ser a súa próxima estratexia.
"Aínda que teña ao árbitro en contra e xogue contra equipos da Champions League xoga na casa e ten a case todo o estadio ao seu favor", apunta un cargo político do PSdeG que declara estar "completamente soprepasado" polo acontecido na súa cidade. Algo, obviamente, que non agardaban no Partido Socialista e, menos, no Partido Popular.
E, agora que?. O pacto non escrito acadado entre PPdeG e PSdeG apuntaba que deixarían gobernar á lista máis votada, suponse que a lista deles, non a de Jácome. Polo tanto, seguindo esta regra non escrita, Manuel Cabezas, o candidato popular tería que ser o vindeiro alcalde co apoio dos socialistas e o visto prace do BNG.
Pero quizais este escenario xa non é o máis desexable para ningún dos dous. O PP non quere gobernar en minoría unha cidade con sete concelleiros de 27 e tendo a todos o resto de partidos en contra. Un escenario que, ademais, depende do que vai pasar na Deputación de Ourense, cun PP sen maioría absoluta.
Así que, Jácome, novamente, xoga con ventaxa e pode "someter ao inimigo sen loitar". Pode deixar que socialistas e populares acaben loitando un contra o outro e boten por terra supostos pactos non escritos porque, ao final, será el quen decida o futuro do concello e da deputación.
BALTAR A MADRID OU BRUXELAS?
"Xa se fala de mandar a Baltar a un posto a Madrid ou a Bruxelas", apuntan fontes consultadas. Sería o único xeito de tentar calmar o apetito de vinganza de Jácome que apunta, senón directamente, a Baltar e ao seu partido do 'affaire' dos audios. Quizais, esta poida ser a única solución que poida salvar ao PP das gadoupas do monstro que creou hai catro anos. "Se utilizas ao inimigo para derrotar ao inimigo, serás poderoso en calquera lugar a onde vaias". Quizais esa poida ser a última grande estratexia de "Sun Tzu" Jácome.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.