O BNG di adeus á vila de Castelao

A pesares do grande incremento de votos experimentado polo Bloque, a formación nacionalista perdeu alcaldías históricas como Rianxo, Ribadeo ou Poio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2023 | Actualizada ás 21:22

Comparte esta noticia

Case 250.000 votos e 600 concelleiros en toda Galicia. O BNG foi unha das formacións que máis creceu nos comicios locais do pasado domingo. Obtivo 134 concelleiros máis que hai catro anos, un máis dos que subiu o PPdeG, e 54.000 votos máis con respecto ao 2019. Uns espectaculares resultados que farán que goberne en dúas grandes cidades e teña alcaldías nas catro provincias galegas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na ofrenda floral a Castelao en Rianxo que marcou o inicio do curso político de 2023
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na ofrenda floral a Castelao en Rianxo que marcou o inicio do curso político de 2023 | Fonte: BNG

Con todo, o bo resultado da formación nacionalista non oculta a decepción provocada en feudos históricos desta formación, entre eles, Rianxo, Ribadeo ou Poio. Nesta última localidade, gobernada polo BNG desde 1995, os nacionalistas perderon o poder logo da marcha do histórico rexedor Luciano Sobral. A súa substituta, Margarida Caldas, só conseguiu tres dos cinco edís que tiña o seu antecesor. Este histórico concello pasa agora a ser gobernado polo PPdeG con maioría absoluta.

A VILA DE CASTELAO

O mesmo aconteceu en Rianxo, unha icona para o nacionalismo galego e lugar de nacemento de Afonso Rodríguez Castelao. Este concello gobernado polo BNG durante dúas lexislaturas da man de Adolfo Muiños non foi quen de revalidar o goberno tras a súa substitución por Xusto Ordóñez. O Bloque perdeu catro dos seis edís que tiña.

Rianxo en Común, con Julián Bustelo á cabeza, foi o gran triunfador das eleccións municipais pois viu duplicados a súa cifra de votos respecto da cita coas urnas de fai catro anos. Sacou cinco concelleiros e ten moitas papeletas de ser o novo alcalde da localidade tras ser a lista máis votada, aínda que só por 30 votos, tras un triple empate técnico con PSOE e PP, que tamén sacaron cinco edís.

Outro dos feudos do Bloque onde haberá cambio é en Ribadeo. Tras a decisión de Fernando Suárez de non volver presentarse tras 16 anos como alcalde, o seu substituto, Pablo Vizoso, só foi quen de reter 5 escanos de quince, perdendo dous, o que provoca a entrada do PP no executivo local con maioría absoluta, oito edís, tras case duplicar os resultados de hai catro anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xanc

Alcaldía histórica do BNG en Rianxo?? O que escribe esta noticia non ten nin idea do que pasou en Rianxo nos últimos 30 anos. Parece que a algúns non lles gusta que o Bloque suba. Que tal as Mareas? E o PSOE? Está claro que Roma non paga a traidores, e hai que falar do que hai que falar

1 Gamela

E logo que pasou en Rianxo nos útimos 30 anos ? Os que non estamos atentos necesitamos que se nos expliquen mellor as cousas ? https://www.lavozdegalicia.es/elecc... Quenes son eses REC que gañaron con 1.810 votos ?