O Parlamento galego pide que o Goberno central traspase as competencias de sanidade penal

Pídese que, mentres non se realice este traspaso, se garanta de forma urxente a asistencia sanitaria idónea ás persoas reclusas nos centros penais polos seus propios medios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2023 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este xoves por unanimidade, tras unha transacción realizada polo grupo popular e o do BNG, a proposición non de lei a través da que se insiste na demanda ao Goberno de España da transferencia, acompañada dos medios humanos, económicos e materiais necesarios, da saúde penal a Galicia.

Así mesmo, pídese que, mentres non se realice este traspaso, se garanta de forma urxente a asistencia sanitaria idónea ás persoas reclusas nos centros penais polos seus propios medios, evitando a sobrecarga do persoal do Sergas dos centros de saúde e dos PAC próximos ás prisións, tal e como ocorreu no cárcere de Teixeiro.

Concretamente, a deputada popular Rosalía López lembrou que o centro penal de Teixeiro, en Curtis, cunha poboación de 1.200 reclusos, conta oficialmente con nove médicos no seu persoal, e que na actualidade sete destas nove prazas están vacantes e unha de próxima xubilación, "unha situación que deixa un panorama dun só facultativo real para cubrir o servizo as 24 horas do día os 365 días do ano".

"Así, nestes últimos meses o persoal médico tanto do PAC como do centro de saúde de Teixeiro foron requiridos en múltiples ocasións polo 061 para atender emerxencias debido a esa falta de persoal médico no centro penal", sinalou a popular, que tamén alertou de que o ocorrido en Curtis "pode repetirse en breve noutros centros penais, unha situación que o Goberno de Pedro Sánchez trata de paliar recorrendo aos servizos de empresas de sanidade privada".

Rosalía López considera que está "claro" que o problema de cobertura de médicos é o mesmo en toda España, con especial mención á situación do persoal sanitario nos cárceres, "derivado de laenorme tardanza do Ministerio do Interior en convocar as prazas necesarias e, ademais, das peores condicións económicas e de organización do persoal asignado aos centros penais".

Por outra banda, a deputada lembrou o acordo alcanzado en xuño de 2021 no Parlamento galego a través do que se solicita ao Goberno do Estado o traspaso a Galicia das competencias en materia de saúde penal para a súa asunción polo Servizo Galego de Saúde, "algo ao que o Ministerio nunca se comprometeu de forma efectiva, xa que se negou a dotar esta transferencia dos medios humanos, económicos e materiais necesarios e acomodados"

"A Xunta non vai aceptar unha transferencia que non estea adecuadamente dotada porque o traspaso ten que facerse nunhas condicións que agora mesmo o Goberno de España non é quen de garantir", sinalou Rosalía López.

"CINISMO INSOPORTABLE" DA XUNTA PARA O PSDEG

Pola súa banda, a deputada nacionalista, Mª Montserrat Prado, remarcou que multitude de organismos internacionais denunciaron as carencias na sanidade para presos. "Deberían ter garantidos os seus dereitos, e están presas entre o pim pam pum do Goberno galego e o estatal, que foxen das súas responsabilidades. Sométenos así a unha dobre pena, a de non ter unha asistencia sanitaria minimamente digna", argumentou.

Nesta liña, sinalou que "a premisa fundamental" do PP é "botar culpas" ao Goberno central, cando a Administración autonómica, asegurou, "podía pedir a competencia desde 2003". "Houbo acordos unánimes no Parlamento e o Goberno galego non o fixo", sinalou.

Na mesma liña expresouse o socialista Julio Torrado, que coincidiu na análise popular de que falta persoal polas malas condicións laborais, pero que a este respecto, preguntoulle aos populares se ese argumento non aplica para a falta de facultativos nos centros de saúde.

"O problema é que é cínico pretender dicir que este Goberno non escapa das súas responsabilidades. Teñen vostedes un cinismo insoportable en materia sanitaria. O Ministerio demándalles que se reúnan para facer o traspaso, pero vostedes non o fan", aseverou

Pleno do Parlamento. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta