“Nika”, unha voluntaria de Croacia en Ucraína: “Sentinme feliz cando souben que ía loitar en Bakhmut”

Non hai moitas mulleres soldado, pero grazas as súas habilidades de combate “Nika” gañouse o seu posto nun grupo das forzas especiais de Ucraína. Participou en perigosas misións durante máis de sete meses e estivo a menos de 100 metros dos soldados rusos na fronte de batalla. Unha nova crónica de Miriam González desde a guerra de Ucraína.

Por Miriam González | kiiv, Ucraína | 03/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os son das sirenas antiaéreas, os bombardeos e os asasinatos non eran alleos a esta muller. O seu país natal, Croacia, estaba en plena guerra cando ela era unha meniña. Esas vivencias foron as que a catapultaron a deixar unha vida cómoda na súa terra para arriscarse a morrer no Donbás ucraíno. “Vin porque eles [serbios e rusos] son igual de criminais. Eu tiña menos de 10 anos cando mataron a oito membros da miña familia materna: o máis vello tiña oitenta e seis anos e o máis novo era un bebé de dous meses. A todos eles cortáronlle a gorxa cun coitelo”, recorda esta soldado.

Nika amosando o escudo de Croacia do seu uniforme mentres loita na guerra de Ucraína
Nika amosando o escudo de Croacia do seu uniforme mentres loita na guerra de Ucraína | Fonte: Miriam González

Nika é un nome de guerra e, por motivos de seguridade, esta muller non pode mostrar a súa cara nin dar máis datos sobre a súa identidade. Tampouco pode revelar publicamente a súa especialidade militar. O oficio máis común das mulleres no exército de Ucraína é o de doutoras, enfermeiras, administradoras, cociñeiras... Pero tamén as hai que combaten, con todo, non é sinxelo atopar a forasteiras que estiveron pelexando na “liña cero”.  Nika escoitou as conversacións dos militares rusos cando era unha máis que loitaba na defensa de Bakhmut. A día de hoxe a localidade está ocupada polas forzas regulares rusas, despois da saída e “reagrupamento” dos  mercenarios da Empresa Militar Privada rusa “Wagner”. 

Esta voluntaria estranxeira recoñece que Rusia ten algún francotiradores bos e tamén soldados, pero a maioría non o son. “Moscova tiña unidades de elite en Bakhmut, pero nós liquidámolos a todos”, sentencia. Nika conta que a situación nesa cidade era extrema, tamén estivo alí durante o inverno, o que complicaba moito máis todas as tarefas debido ao frío implacable de Ucraína. Algúns dos seus compañeiros morreron: “é sempre difícil e triste, pero así é a guerra” sinala.  Na súa ultima misión no Donbás tivo unha lesión mentres cambiaba de posición, “ de súpeto comezaron os disparos, eu levaba 20 kilos de peso, e o meu nocello case se fractura”.

Acostumada o son constante da artellaría rusa, cando volveu a Kiív hai un par de semanas non era capaz de durmir debido o silencio da capital. Pero as cousas cambiaron durante as últimas xornadas e a cidade recibe ataques diarios de drones kamikazes (Shaheds de fabricación iraní) e mísiles de cruceiro. A maioría deles son interceptados pola defensa antiaérea de Kiív, pero os sustos que lles provocan ós veciños da urbe non se poden evitar de ningunha maneira. Case todos son a mesma hora, sobre as dúas da madrugada é case un ritual terrible.  Primeiro escoitase a alarma que esperta a toda cidade. Despois chegan os sons das explosións, as veces son varios consecutivos, e noutras ocasións o ceo pode estar ruxindo máis dunha hora con intervalos de dez ou quince minutos entre un estouro e o seguinte. Unha vez que pasou a última explosión da xornada hai unha pequena sensación de alivio cando se pode confirmar, por fin, que o teito segue intacto. 

UNHAS MULLER ROMÁNTICA

Nika é croata pero ten un sentido do humor que a calquera galego lle sería familiar. Afirma con retranca que ela só ve filmes románticos como por exemplo a obra do director estadounidense Ridley Scott, Black Howk Down. A súa película favorita. Recorda que para ela Bakhmut era un sitio “nice” e rise mentres conta como unha buraca nunha estrada en dirección a esta cidade fixo que a o seu vehículo saltase polos aires mais dun metro. Celebrou o seu aniversario nunha base cerca deste lugar: “Compráronme cinco tartas porque a misión a que fun saíu moi ben”, apunta orgullosa. 

Nika, voluntaria croata que loita na guerra de Ucraína
Nika, voluntaria croata que loita na guerra de Ucraína | Fonte: Miriam González

Con todo, o seu camiño no ámbito militar non foi sinxelo. Non tivo sorte na primeira unidade na que tentou integrase, rexeitárona. Volveu a Croacia e dende alí empezou a contactar con xente para poder alistarse. De volta no país o seu comandante ofreceulle se quería estar nun equipo médico ou participar nun grupo de forzas especiais. Ela non dubidou nin por un segundo. A segunda opción, era a súa. 

Aínda que traballou no sector relacionado coa seguridade no seu país, non tiña formación militar propia. Tocoulle aprender de golpe e moi rápido todas a habilidades precisas para poder facer ir loitar. Tamén tivo que arranxar a cuestión do idioma. En poucas semanas conseguiu dominar o  ucraíno e enténdese perfectamente con todos os locais: “Na lingua croata hai moitas similitudes con ucraíno, non foi de todo sinxelo pero encargueime de aprender todo o que puiden no pouco tempo que tiña”. 

A paciencia é un requisito fundamental para os que esperan ir a fronte. Poden pasar moitos días ata que chega o momento de trasladarse a algún punto da xeografía ucraína para combater o exército ruso. Nika afirma que se sentiu feliz cando por fin puido combater: “Non tiña medo, o medo non é bo na batalla. Teño estrés cando vexo que as cousas non están funcionando ben na liña de fronte”. Un bo equipo sempre é garante de ter maiores probabilidade de supervivencia, conta esta muller. Nunca pensou que loitaría nunha guerra pero de pequena sí tiña interese por ser militar. Ucraína, di, deulle esta oportunidade. Quere seguir loitando por este país, co que confesa que sentiu “amor a primeira vista”.

DE MODELO A GUERREIRA

É unha muller alta e ten un cabelo negro intenso. A pesar de ser fraca, ten forza xa que practicou artes marciais moito tempo e tamén foi modelo durante mais de quince anos. Admite que a guerra non lle gusta “por todo o sufrimento que esta implica”, pero si o seu traballo: “Non teño plans de volver a casa, alí é todo aburrido. Quero quedar aquí, seguir loitando e formándome mais”. 

Como acontece en moitas profesións e nalgún ámbitos sociais, ser unha muller pode ser un problema só polo feito de selo, sen medir sequera as capacidades. Pensamentos e actitudes deste tipo deberían estar desterradas, pero persisten a día de hoxe. Nika quebra todo isto. Esta soldado non sabe se os seus compañeiros a respectan, nunca lle dixeron nada, a pesares de demostrar moitas veces a súa valía. “Quen si me deu os parabéns foron os meus superiores”, subliña.

-Nika ¿que lles dirías a aquelas persoas que din que unha muller non pode ser igual de boa que un home na guerra?

-Que veñan comigo a fronte e vexan o que fago.

Esta voluntaria rompe esquemas pola súa seguridade e profesionalidade. É unha muller forte, valente e intelixente. Pero é unha muller e recoñece que cando ten que combater ca regra é duro: “Teño fortes dores”. De súpeto, saca o seu teléfono para ensinarme unha práctica de tiro: “Mira, eses dous disparos que se me escaparon foi porque me deu unha cambra fortísima cando estaba co período”. O resto das balas si foron o lugar que ela quería. 

A súa familia e amigos dixéronlle que estaba tola por vir a guerra. Fala todos os días que pode cos seus pais, que xa son maiores, e dende aquí axúdalles con todo o que lle é posible. “Só lles puiden contar que estaba traballando en Bakhmut, cando saín de alí. Dígolles que volverei pronto, pero non é certo”.

Cree na vitoria Ucraína e cun amplo sorriso afirma “se nos deixan chegamos ata Moscova”. Aínda terá que pasar algúns días máis recuperándose, pero xa ten ganas de volver a loita. Despídese dicindo que pronto me invitará a unha festa na súa casa fronte o mar na península ucraína de Crimea. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Joseva

GD tamen aliniandose co xornalimo da OTAN ...Ela unha voluntaria os da contrata(Wagner) Rusa uns mercenarios....obxetividade e coerencia da boa....

2 Besteiro_Bur

Canta tristeza desprende sentir felicidade por ir a combatir.

1 Sentidiño

Un modelo de vida para mulleres que, de seren homes, fliparían con Chuck Norris... Espero que a miña filla non sexa así.