Por Moncho Mariño | Santiago | 07/06/2023 | Actualizada ás 22:55
A empresa Avincis, substituta de Babcock na propiedade dos helicópteros de rescate da Xunta, tería ofrecido a substitución dos modelos Sikorsky S-76C+ polos máis potentes e modernos Leonardo AW-139. Ambos os dous modelos presentan un aspecto físico moi similiar entre eles que pode levar a confusión. O caso é que a substitución dos helicópteros presuntamente non se ten realizado segundo apunta o empresario Javier Murua, CEO de Seprogal Servicios Aéreos, S.L. (SSA). Ese sería o caso do helicóptero Pesca 2 situado na base de Celeiro (Viveiro). “A fotografía saqueina o mes pasado e ese modelo (S-76C+) non tiña que estar aí, ese modelo debera estar xubilado desde 2017”.
En 2017 saíron dous concursos para contratación de helicópteros de rescate. O primeiro foi o 5/2017 que quedou deserto. “A ese presenteime eu só e non me foi concedido por non ter actualizados uns pagamentos con Facenda” segundo Murua, quen ademais indica que daquela, Babcock, pedira máis diñeiro ou non entraba no concurso. O segundo concurso, 10/2017, Bacock ofertou o Leonardo AW-139 segundo indica o CEO de SEPROGAL.
ONDE ESTÁ O LEONARDO?
A Consellería do Mar ofreceu a documentación “MAR-2023-0009:Servizo de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia”. A Consellería sinala que “o novo contrato do Servizo de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia só se anuncia no DOUE, tal e como pode verse na plataforma de Contratos de Galicia:
https://www.contratosdegalicia.gal/licitacion?OP=50&N=819962&lang=gl
Dentro de toda a documentación presentada pola Xunta de Galicia, no “Informe da necesidade e da idoneidade da contratación polo procedemento aberto suxeito a regulación harmonizada dos servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia”, pode verse que o valor estimado da contratación chega case aos 58 millóns de euros. Este informe foi elaborado pola Secretaria xeral técnica (PD: orde do 21/2/2022).
Porén, no documento faise unha comparación entre o servizo de helicópteros de Gardacostas da Xunta e os do Servicio de Salvamento Marítimo (SASEMAR) dependentes do Goberno central. A Xunta, no documento mencionado sinala que: “SASEMAR require que os helicópteros ofertados non teñan unha antigüidade superior a 11 años, mentres que a consellería non establece ningunha condición relativa á antigüidade das aeronaves (si o valora como mellora); e a segunda diferencia consiste en que SASEMAR esixe que os helicópteros teñan instalada unha segunda grúa de respaldo (back-up), e a consellería non a esixe nesta nova licitación”.
Non especifican un modelo en concreto, mais o documento, e na mesma páxina 13: “o helicóptero tipo mediano que presta servizo en SASEMAR en virtude da citada licitación (o modelo AW-139) cumpre perfectamente todos os requirimentos esixidos pola Consellería do Mar nesta nova licitación do servizo. E polo que se refire aos equipamentos de aviónica e as capacidades SAR e LCC dos helicópteros non existen diferencias substanciais entre ambas licitacións”. Este parágrafo estaría dando a entender que Avincis (antes Babcock) ofrecía o Leonardo AW-139 para o Servizo de Gardacostas de Galicia.
A cuestión é que segundo testemuños consultados por GC, a última vez que o Leonardo AW-139 estivo en Galicia foi en 2017. Nun vídeo subido a Youtube este Leonardo realiza un servizo de rescate. “Mais non hai constancia de que se usara ese helicóptero desde 2017”. Con anterioridade consta como última data 2013.
A confirmación vén da matrícula do Leonardo AW-139 que aparece no vídeo, EC-LIS, correspondente a un aparato Agusta, antigo nome da ítalo-americana Agusta Westland, fabricante do Leonardo. Este aparato, segundo informacións tanto recollidas na Internet como grupos de Whatsapp formados por profesionais do rescate aéreo, está circulando entre diferentes heliportos e aeródromos de toda España. A súa presenza pode verse na táboa de aeronaves matriculadas en España até o 1 de xuño de 2023 na Axencia Española de Seguridade Aérea (AESA).
Os aparatos que segundo as mesmas fontes están operando nestes momentos en Celeiro (helicóptero Pesca 2, matrícula EC-JET) e Vigo (helicóptero Pesca 1, matrícula EC-JES) son os vellos Sikorsky S-76 C+. Ambos os dous aparatos están operativos segundo consta tamén na listaxe de aeronaves matriculadas en AESA.
PAGAR MÁIS POLO MESMO
A Xunta de Galicia mercara en 2005 os aparatos Sikorsky S-76C+ cun custo para as arcas públicas de 27 millóns de euros. O mantemento e a xestión do servizo de Gardacostas recaeu na empresa Inaer, logo comprada por Babcock e agora comprada por un fondo de investimento británico, Ancala Partners, que rebautizou a empresa como Avincis.
En 2012 a Xunta vende a Babcock os dous helicópteros por 13 millóns de euros. O Consello de Contas denunciara irregularidades nesta venda. Daquela a Xunta xa puxera sobre a mesa a obsolescencia dos S-76. Aínda así, en todos os concursos Inaer, Babcock e agora Avincis está ofertando os mesmos S-76 mercados en EE UU de segunda man.
Todo isto, cando a mesma Consellería de Mar considera recomendable que os aparatos destinados a rescate non sobrepasen os 11 anos de fabricación, tal cal fai SASEMAR. Os anos de esamblaxe do Sikorsky son do CE-JET, 2005 e do CE-JES 2004. O novo contrato está obrigando á Xunta a pagar case sesenta millóns de euros por dous aparatos con case vinte anos de servizo “e o risco que iso pode ter”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.