Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/06/2023 | Actualizada ás 17:29
A Mesa pola Normalización Lingüística emitiu un comunicado onde sinala que "o pobo galego defendeu estes últimos días a toponimia propia diante dunha campaña de deturpación dos nomes de Sanxenxo, Ourense e A Coruña". A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración no Obelisco para defender a lexislación vixente e publicou un manifesto na súa páxina web que recibiu máis de 7000 sinaturas de apoio en menos de 48 horas.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou esta mañá na Coruña que "a toponimia fala da Historia, da cultura e da lingua dos pobos" e que, polo tanto, "agredir a toponimia galega é agredir o pobo galego". Neste sentido, criticou duramente as "campañas de odio, vidas desde fóra, que pretenden borrar a pegada que o pobo galego deixou no seu territorio, no noso territorio" e salientou a rápida e contundente resposta do pobo galego, que "non está disposto a ser humillado por ninguén" e, por iso, "respostou masivamente rexeitando as campañas de odio contra o galego".
Maceira denunciou, sen embargo, a falta de resposta dos poderes públicos. "O máis preocupante", abundou, "é o amparo dos poderes públicos a estas agresións, como o apoio da xefatura do Estado ou da presidencia da Xunta ao Foro que deturpa a toponima da Toxa ao final de cada verán". Neste sentido, recordoulle ás administracións galega e española que "a cidadanía galega falou estes días alto e claro", recordando "que os nosos lugares se chaman en galego".
A Mesa recorda que os poderes públicos deben actuar en defensa da lei e contra o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas tanto nesta campaña publicitaria como na sinaléctica, nos medios de comunicación ou mesmo mapas dixitais como os de Google. "Atacar e ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos", defende un manifesto promovido na rede pola entidade de defensa da lingua.
E tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español e os concellos deben tomar todas as accións necesarias para garantir o cumprimento da legalidade na toponimia, instar as compañías de xeolocalización a que empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar e manifestarse contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.