O vello bipartidismo non resiste

A importancia das eleccións ao Parlamento de Andalucía derivaba da súa condición de primeiro test do amplo catálogo de consultas que van ter lugar neste ano.

Por Xesús Veiga | Compostela | 06/04/2015

Comparte esta noticia
As especificidades do mapa político andaluz deben ser consideradas para evitar automatismos interpretativos e conclusións precipitadas.O principal factor diferencial daquel territorio é a ríxida continuidade do PSOE no goberno das institucións autonómicas.Estamos, sen dúbida, ante un fenómeno que non ten precedentes no ámbito do Estado español.Para atopar unha explicación desta hexemonía indiscutíbel do socialismo andaluz habería que combinar varios factores:a existencia dunha ampla rede social de contrastada eficacia na captación de apoios electorais; as reiteradas deficiencias das forzas políticas opositoras (singularmente, os contumaces fracasos do PP como teórica alternativa de recambio) e, por último pero non o menos importante, a percepción do Partido Socialista como expresión destacada dos sentimentos de autoidentificación andaluza presentes en amplos sectores da poboación.
 
Os resultados deste 22 de Marzo certificaron que o bipartidismo comeza a presentar relevantes síntomas de erosión no seu dominio hexemónico.O PP levou unha espectacular labazada que, dada a súa situación como forza opositora ao goberno andaluz, só cabe entender como unha notábel moción de censura ás políticas e ao comportamento do Executivo que preside Mariano Rajoy.O Partido Socialista resistiu mellor debido aos factores diferenciais que posúe o mapa político de Andalucía dende hai mais de trinta anos pero non foi quen de evitar o peor resultado da súa historia.Ademais, as características do sistema electoral vixente propiciou unha circunstancia que xa acontecera noutros comicios:a pesar de retroceder catro puntos porcentuais no volume de votantes recibido, mantivo o mesmo número de escanos.No outono do 2012, Feijoo tamén se beneficiou deste agasallo á forza mais votada:baixando case un punto na cifra de votos obtivo tres deputados mais na Cámara do Hórreo.
 
A entrada de Podemos na vida parlamentaria andaluza pode suscitar avaliacións contraditorias dependendo do ángulo analítico utilizado.Obter 15 actas partindo de cero sería considerado un grande éxito en calquera parte.O problema aparece cando se compara a cifra coas expectativas anunciadas previamente pola propia formación política e por algúns inquéritos.Tal e como acontecera co BNG nas eleccións xerais do ano 200, un bo resultado (daquela, tres deputados nacionalistas no Congreso) é transformado nunha experiencia frustrante (non acadar, por pouco, o desexado obxectivo do Grupo Parlamentar).A pretensión do partido de Pablo Iglesias –facer efectivo un medre transversal que lle permitira superar ao PP e achegarse ao PSOE- non saíu adiante.Aínda que non existen estudos solventes sobre as transferencias de voto rexistradas nesta ocasión, semella razoábel pensar que as fontes que alimentaron o medre de Podemos estiveron, sobre todo, no electorado de IU, antigos abstencionistas e novos votantes (sen desprezar os aportes, menores, procedentes do Partido Socialista e do propio PP). 
 
O resultado obtido por Ciudadanos alterou significativamente o cadro político anterior e pode constituír un anticipo do que suceda nos comicios previstos para este ano (singularmente, na convocatoria das eleccións ás Cortes do Estado).A formación que preside Albert  Rivera consegue, polo momento, os dous obxectivos básicos buscados polos seus importantes simpatizantes empresariais e mediáticos:ofrecer unha opción de voto aos descontentos co PP e co PSOE que non incremente o peso potencial de Podemos e propiciar, no futuro, un eventual pacto de gobernabilidade entre o novo partido e algún do binomio clásico do bipartidismo.Ciudadanos, ao cabo, representa unha alternativa para os “indignados” que non queren cuestionar o esquelete do actual réxime e non gustan da radicalidade verbal dos dirixentes de Podemos.
 
O novo mapa que suxire este primeiro test electoral do 2015 rexistra dúas vítimas ilustres:UPyD e IU.A primeira semella estar condenada á desaparición por mor da soberbia e prepotencia exhibidas por Rosa Díez.A segunda padeceu o efecto combinado do fenómeno Podemos e a penalización habitual que experimentan os socios menores das coalicións de goberno.O futuro desta forza política está cheo de incertidumes.A pesar de que mantén unha estrutura organizativa mais consolidada da que, neste momento, dispón Podemos, non semella estar en condicións de resistir a presión derivada da nova lóxica invocada polos grupos emerxentes (confrontación entre “nova” e “vella” política).
 
No ámbito do Estado español, o bipartidismo, tal e como funcionou nos últimos anos, semella ter os días contados.Se hai certo tempo, alguén podía pensar que a debilidade de PP e PSOE ía reforzar o papel de UPyD e IU, hoxe tal hipótese é pouco verosímil.Nos vindeiros meses saberemos se, ademais das formacións nacionalistas de Catalunya, Euskadi e Galiza, Podemos e Ciudadanos conforman un taboleiro político que non tivemos ocasión de coñecer nas tres últimas décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.