A deriva totalitaria da revolución bolivariana

Un grupo de ex-presidentes latinoamericanos acaban de asinar un manifesto reclamándolle ao réxime bolivariano de Venezuela unha rectificación do rumo na súa deriva totalitaria. Tal é o consenso, que este manifesto logrou reunir as sinaturas de Felipe González e José María Aznar. Tamén recentemente, o Parlamento Europeo reclamoulle ao goberno de Maduro o respecto pola liberdades civís. Todos os grandes grupos políticos da cámara europea secundaron a reclamación. Só a extrema esquerda ficou á marxe.

Por Fernando del Río | Compostela | 11/04/2015

Comparte esta noticia

O Banco Mundial fornece de indicadores de gobernanza para unha ampla mostra de países desde mediados dos anos noventa. Se lle botamos unha ollada á Figura 1, o empioramento da calidade da gobernanza venezolana revélase nítido. A situación é crítica porque os valores deste indicadores sitúan Venezuela nos postos de cola a nivel mundial. O imperio da lei brilla pola súa ausencia, o Estado está capturado por elites corruptas, as regulacións afogan a iniciativa privada,...Venezuela, de acordo con estes dados, sitúase entre o 10% de países con peor gobernanza nunha mostra de 215.

[FIGURA 1 (prema aqui)]

Os dados do Banco Mundial vense confirmados por aqueles fornecidos por Freedom House que tentan transmitir unha idea da situación dos dereitos políticos e as liberdades civís. Freedom House elabora estes dados desde comezos dos anos setenta. O seu rigor tenos convertido nos mais amplamente usados na investigación económica e social. Na Figura 2 preséntase a comparativa entre o ano 2006 e o 2015 da situación de varias variábeis que determinan a situación dos dereitos políticos e as liberdade civís das persoas. Empioramento do proceso electoral, mingua do pluralismo político e das posibilidades de participación política, redución da liberdade de expresión, limitación dos dereitos de organización e asociación, ausencia do imperio da lei,...Todos os sinais propios dunha deriva totalitaria.

[FIGURA 2 (prema aqui)]

Se reparamos na liberdade económica dos venezolanos a situación aínda é pior. E xa é difícil! O Instituto Fraser do Canadá elabora un índice de liberdade económica para unha mostra de aproximadamente 150 países. O índice do Instituto Fraser é amplamente utilizado xunto co da Heritage Foundation. Os resultados que proporcionan ambos índices son semellantes. O índice para Venezuela e os seus compoñentes nos anos 2000 e 2012 preséntanse na Figura 3. No ano 2012 Venezuela era o país da mostra cun menor índice de liberdade económica (non están Cuba ou Korea do Norte, claro). Non é moco de pavo.  Todas as variábeis empioraron no período analizado. A moeda non cesa de deteriorarse, as regulacións atenazan os mercados, importar e exportar é un suplicio,... Porén, chama poderosamente a atención – e confírmanse de novo os dados do Banco Mundial e Freedom House- o deterioro da estrutura legal e a protección dos dereitos de propiedade. Que se podía esperar nun país no que un ex-presidente hoxe defunto se paseaba polas rúas clamando “Exprópiese!”.

[FIGURA 3 (prema aqui)]

A ruína da estrutura legal do Estao venezolano ilústraa a Figura 4. As variábeis presentadas son usadas para construír o índice da estrutura legal e a protección dos dereitos de propiedade do Instituto Fraser (presentado na Figura 3). Non se pode confiar nas leis, a independencia xudicial é unha brincadeira, a imparcialidade dos tribunais unha quimera, e a conculcación dos dereitos de propiedade sistemática nun país no que os militares impoñen as súas condicións.

[FIGURA 4 (prema aqui)]

Ante a evidencia que se acumula, un non pode menos que preguntarse, mais quen vai querer investir nun inferno así? Quen pode desenvolver dignamente o seu negocio? Quen pode confiar en que a súa propiedade sexa respeitada? Quen pode acreditar na xustiza? Quen pode non temer ser atropelado arbitrariamente polo goberno? Quen pode expresarse sen recelo? A quen pode estrañar o desabastecimento?

A deriva totalitaria e o fracaso económico son resultados inherentes ao socialismo. Os argumentos mais cabais próbano, mentres que a historia teno profusamente acreditado. Quizás alguén poda non compartillar estas afirmacións. Compréndoo. O que non acabo de interiorizar é a insistencia na obcecada defensa de réximes miserábeis.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).