Xoán Báscuas: “A pluralidade partidaria pode restarlle voto ao PP”

O líder de Compromiso por Galicia deixa claro nesta entrevista que a súa formación se presenta para gobernar alcaldías ou para ser o motor do cambio noutras. Insiste que non haberá unha política de pactos nacional e que o gran activo da súa organización é a xente, os seus militantes. Destaca, tamén, que na súa lista non haxa ningún imputado porque “é un principio reitor” da súa política.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/04/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Compromiso por Galicia- Concellos Transparentes. Así se denominarán as listas que CxG presentará nos vindeiros comicios municipais. O seu Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, presentaba este mércores a relación de candidaturas. Finalmente serán un total de 40 listas en solitario (16 na Coruña, 9 en Lugo, 8 en Pontevedra e 7 en Lugo) e unha en coalición (As Pontes) ademais de participar “os afiliados e afiliadas a titulo individual”, en 18 candidaturas cidadás e veciñais. 

Entrevista con Xoán Báscuas
Entrevista con Xoán Báscuas | Fonte: Sara Torreiro

"Está claro que somos a alternativa real con máis implantación aos partidos tradicionais”, apunta ao lembra que teñen listas “de xeito diversificado en practicamente todas as comarcas do País”. En todo caso, aclara que non haberá unha política nacional de pactos, xa que «a xente está farta de que se goberne dende a cúpula dos partidos en lugar de ter en conta as especifidades de cada concello”. Así, Xoán Bascuas anunciou que será cada Agrupación Local a que determine a política de pactos, «baixo os eixos de transparencia, creación de emprego e rexeneración democrática”. 

Finalmente conseguichedes presentar listas en todas as provincias e en lugares importantes. Cal é o obxectivo que vos marcades nestes comicios?

O obxectivo que tiñamos era do de ter a maior presenza nas localidades galegas nestas eleccións municipais, en concellos de distinto tamaño e nos diferentes territorios galegos. E certamente, somos a alternativa de país ás forzas políticas clásicas e tradicionais con máis presenza nos concellos.

Estades en catro cidades, pero non en Ferrol, A Coruña e Lugo. Que pasou nestas cidades?

Nesas tres cidades Compromiso por Galicia non se presenta, certamente. Con todo, as compañeiros e compañeiras, afiliadas a Compromiso, que participan, a título particular, en candidaturas veciñais nestas cidades. Por certo, son listas que non están integradas en coalicións que si levan o sinal e marca doutros partidos.

Hai quen di que as municipais son a vosa última gran esperanza. Que pasaría se non se dan bos resultados?

Seguramente iso o di xente que confunde desexos con realidade. Xente que desexa que esta sexa a nosa última esperanza e que fracase. Iso non vai acontecer, en modo algún. Sobre todo nun momento no que hai 314 eleccións e xa, que logo, tamén haberá unha lectura moi variada dos resultados electorais. 

 E que é o que considerados por bos resultados?

A nosa humilde ambición é a de ser a forza política galega sobre a que pivote a configuración de gobernos municipais de progreso.

Contades con conseguir algunha alcaldía? 

Por suposto que contamos con conseguir varias alcaldías e estamos convencidos de que así será, como que tamén participaremos de diferentes gobernos municipais.

Agora que se fala moito de pactos, supoño que vós tamén estaredes dispostos a pactar, non? 

Compromiso é unha forza política de diálogo e de acordo. Pero adianto que non imos ter unha política de acordos nacionais. A xente está farta de que, despois de ter expresada a pluralidade política nunhas eleccións, veña xente de Santiago a dicirlle con quen ten que gobernar ou non. 

E con quen sodes máis proclives?

Serán as nosas agrupacións locais as que decidan. Evidentemente terá que ser sobre unhas bases programáticas, centradas na transparencia, a xeración de emprego e a rexeneración democrática.

Nas Pontes ides con Anova e EU, porque non foi posible esta unidade de acción noutras localidades?

Quen sabe de nós, sabe que Compromiso é forza de falar con todo o mundo. Sen prexuízos e vetos. O que aconteceu nas Pontes puido ter acontecido nalgún outro concello, onde as diferentes partes chegaron a ter un acordo local, pero sempre había alguén en Santiago que lles impedía materializar unha coalición. Quizás a pregunta debería ser, como conseguiron os das Pontes o que non se consiste facer noutros lugares. Con todo, quero insistir na idea de que nós cremos firmemente na organización local, non puxemos nunca un atranco á configuración de coalicións municipais. Velaí que Compromiso celebre esta excepción e que poda ser a porta que se abra para outras posibilidades futuras.

Non cres que esta división pode favorecer ao PP?

Aínda que de partida poda parecer que si, coido que isto hai que valoralo en chave local. Primeiramente, a fragmentación é maior ou menor segundo cada un dos concellos. Seguidamente, que esa fragmentación non só vén da man de forzas políticas de esquerdas ou galeguistas; tamén hai candidaturas independentes locais, tamén hai outras listas de forzas de dereitas e outras, moi de moda, que fan do españolismo a súa bandeira. Xa que logo, esa “división” que mencionas vai por barrios. E tamén hai que dicir que nunhas eleccións municipais entran en xogo outras variábeis, non só as ideolóxicas ou as de identidade de partido. Velaí que a pluralidade partidaria mesmo poda ser un xeito de restarlle voto ao PP.

Fálame do que pasou en Ourense?

En Ourense hai unha candidatura de Compromiso por Galicia, encabezada por Xosé Mosquera e participada por xente excelente e competente. Como secretario xeral de Compromiso é polo que eu respondo persoalmente e polo que podo responder. Non o digo por refugar da pregunta que me fas; dígoo porque non respondo por cousas que lle son alleas a Compromiso.

Os partidos tradicionais contan con cartos e medios, como fará a súa campaña Compromiso? 

Como non somos un partido tradicional non contamos cos cartos e os medios dun partido tradicional. Afortunadamente contamos co maior dos capitais que poda contar unha organización humana: as persoas que fan Compromiso. Que imos ter menos cartos e menos acceso a medios de comunicación? Seguramente. Pero ninguén nos vai gañar en contacto directo coa veciñanza, na empatía e en coñecer de primeira man os problemas da cidadanía.

En todo caso, e a pesar da xente, houbo dificultades para formar as candidaturas? 

E quen non as tivo? Son malos tempos para a política, para a implicación, para dar a cara. Velaí que as listaxes de Compromiso están inzadas de heroes e heroínas. Certamente todo o mellorable, e tamén é verdade que podíamos ter presentado máis candidaturas (mesmo algunha caeu a última hora). Pero estamos moi satisfeitos de que, a pesar das dificultades e das limitacións poidamos ofertar Compromiso en 40 e máis 1 concellos.

Que criterios se seguiron?

Non admitimos persoas imputadas nas nosas candidaturas. As nosas son listaxes de “ficha limpa”. E, por suposto, que asuman os principios de Compromiso: galeguismo, progresismo e socialdemocracia. E tamén que saiban que deberán a proposta programática de Compromiso.

Quero preguntarte por un caso concreto, o e Arzúa. Que pasou para que non houbera unha única lista entre Compromiso e a lista que montou o actual rexedor?

Compromiso por Galicia non leva persoas que, xusta ou inxustamente, estean en situación de imputación. É un principio básico, reitor e motor da nosa práctica política. 

E, aproveitando, que opinas de que haxa concelleiros e ex altos cargos que saíron do BNG e que agora apoien ao PSdeG, aínda que algún deles milite ou formara parte de Compromiso como foi o ex rexedor do Porriño?

Eu non vou cargar as tintas nesta cuestión. O importante é o xuízo que teña a cidadanía. Nos últimos tempos hai xente que se ten achegado a Compromiso desde outras procedencias partidarias e nós non lle preguntamos de onde veñen, senón se comparten os nosos obxectivos. E se así é, benvidos serán.

Compromiso por Galicia celebrará este sábado ás 12.00 horas no Hotel Peregrino de Santiago de Compostela a súa Convención Nacional baixo o lema “O concello es ti!”, con motivo das próximas eleccións municipais do vindeiro 24 de maio. Nela tomarán a palabra todos os e as cabezas de lista que concorrerán aos comicios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 19 comentarios

5 Antonio Moral

Ciertamente, ya sois una de las sorpresas en estos comicios.

4 TicTac

Estimado Xoán. En política, como na vida, sempre é mellor quedarse na casa que traicioar uns principios éticos. A que chamas ficha limpa? Párate a analizar as traxectorias dos postulantes que se arrimaron a CxG. Seguro que te deprimes. En política, non vale todo! Galicia merece outro compromiso, non o dos arribistas. Deus te pille confesado!

3 votar opcion nacionalistas

NON,favorece o pp pois pola chamada regra dehont os restos, o existir moitos partidos van parar a opción maioritaria chamada pp, o unico interesante tamen a sinalar que citatans non se presenta polas presións recibidas desde madrid (a burguesia expañola na galiza quere prefigurar unha victoria pepeira) asi pois sera como a outra vez onde o pp perde centos de miles de votos pero saca mais deputados!!!! SEÑORES VOTAR -VIEIRAS E VOTAR PP NON PODER!!!!

2 De Lalín

Cando vexo a lista de Lalín pregúntome se CXG é un partido ou un chiringuito. Famiglia Cuiña e achegados ao completo. Ata a nai do cacique herdeiro puxeron e "a vella garda do PP" que xa sabemos o que é. Bascuas cáeme ben, pero cada día dáme máis pena

1 Enton que facemos?

Cal é a outra opção? O Bloco? Ou o caleidoscopio nacionalista espanhol e os seus segmentos cada um có seu tono distintivo? o PoPularra, o PSoeiro, o Poidamos-ou-poideran, ou eses CidadansVilinguesSenGayego...

2 De Lalín

Ti verás. Non será por falta de partidos. Pero eu, de caciques do PP, PSOE, BNG, CG ou CXG estou ata os...

3 un de Catasós

A lista de Cuiña en Lalín é boa, moi boa. A nai de suplente é bo detalle e moita xente do rural. A que é patética é a do BNG co tolo do carteiro e un candidato que non coñece ninguén e os independentes que veñen da FPG

1 Alan Turing

C x G = 0.95%

1 Arousa

SEntidocho moito pequeno Alan. Desta vez Compromiso vai. CxG: 50/60 concelleiros