O exemplo da normalidade

Desde hai vintecinco anos o xulgado de A Fonsagrada vén realizando a súa actividade xurisdicional en lingua galega. Un período tan dilatado no tempo recoñécelle a consideración de experiencia piloto de galeguidade xudicial sen precedentes. Os seus protagonistas foron xuíces e funcionarios que prestaron durante este tempo os seus servizos na oficina xudicial. Comezou esta andaina no ano 1990 co xuíz Xoán Montes, continuada posteriormente polos sucesivos titulares: Alberto Benéitez Antón, que malia ser vasco axiña aprendeu a escribir e falar no noso idioma; Luís Villares Naveira e Eladio Prieto Bellas, que é o xuíz actual. Estes son os funcionarios e funcionarias que fixeron posible este modelo: Concepción Couso, Marisa Fernández Camiña, Antonio López Valledor, Ana.Ferreiro Paredes e Ángeles Pernas. Todos eles pertencentes á Irmandade Xurídica Galega.Parabéns polo seu labor.

Por Xosé Glez. | Redondela | 25/04/2015

Comparte esta noticia
Como vintecinco anos dan para moito, a nota máis significativa é a naturalidade conque funcionarios e xustizables se relacionaron en  lingua galega. O exemplo contario protagonízano a inmensa maioría dos avogados que aínda non son quen de recoñeceren o réxime da cooficialidade lingüística. En todos estes anos non se  rexistrou  ningunha nota negativa que puidese cuestionar  esta experiencia que hoxe é un modelo para exportar ao resto da organización xudicial en Galicia. Que máis sosegada normalidade se pode pedir que non sexa extrapolable?.
 
O exemplo do Xulgado de A Fonsagrada ten forza de seu para  multiplicar as experiencias pilotos no mapa xudicial de Galicia tal e como propoñía  o ano na  asemblea da Irmandade Xurídica Galega o fiscal Carlos Varela García. Sobrarían xuíces  e funcionarios dispostos a se embarcaren no deseño deste proxecto galeguizador. O único que falta é vontade institucional para  poñelo en marcha. 
 
Nas orixes deste proceso de galeguidade xudicial rexístranse os nomes dos xuíces e fiscais precursores da normalización lingüística na Administración de Xustiza: Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Luciano Varela Castro, Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga, Carlos Varela, Benito Montero Prego, e os maxistrados da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fiudalgo, que foron os que ditaron  a primeira sentenza en lingua galega en 1985.
 
Na galeguización da Administración de Xustiza é decisiva a implicación dos  avogados que actúan representando ás administracións públicas. Neste sentido a Irmandade Xurídica Galega fixo algunhas propostas para incorporar a este proceso regaleguizador a un maior número deles. A última  é a que se lles propón ás centrais sindicais galegas  para que as súas asesorías xurídicas se impliquen  na utilización da lingua galega nos procedementos procesuais, ao tempo que introduzan nas demandas a invocación do art. 7.4 da Lei de Normalización Lingüística solicitando que os órganos xurisdicionais  diten sentanzas en lingua galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA