Bibliotecas en moitas linguas

O debate sobre vínculos e pertenzas entre galego e portugués, que tantas enerxías leva consumido en Galicia, desprázase definitivamente desde o campo estrito da lingüística para outro máis amplo, o da semiótica, ou se prefiren vostedes o da comunicación, aínda que non é igual. Un aire novo permite desbloquear a paleolítica inmobilidade.

Por Xosé Manuel Sarille | Ourense | 08/05/2015

Comparte esta noticia
A concepción social da lingua galega tende a instalarse nun terreo práctico, que ademais é o do sentido común. A nova observación parte dunha pura evidencia, segundo a cal unha persoa que fale galego pode comunicar con 250 millóns de portugueses, brasileiros e angolanos. A  constatación utilitaria foise afianzando a medida que a rapidez dos transportes, o acceso aos medios de información, a desaparición das fronteiras comerciais, a simultaneidade das comunicacións, a redución das distancias de todo tipo nola fixeron entrar polos ollos e xa é imposíbel abstraerse diso que se chama globalización. Todo está próximo. 
  
Como consecuencia, en febreiro deste ano aprobaron que o portugués pase a ser materia optativa no ensino de Galicia, o cal suporá un extraordinario avance e un cambio na nosa percepción á hora de mirar para Mozambique, Brasil e Cabo Verde. Todas as forzas políticas e sociais saudaron a medida, e deféndese sen prexuízos a potencialidade do galego como un utensilio para aumentar as capacidades sociais, culturais e económicas de Galicia. Estamos de festa. É a brillantez do sentido común e da xente común, non especializada, que razoa con equilibrio, indiferente aos fantasmas creados polos gramáticos. 
 
O Proxecto Alén Miño, un documento da Mesa pola Normalización Lingüística publicado en 1997, alertaba sobre a perda de todos os trens. Estes mesmos principios defendinos máis amplamente en A impostura e a desorientación na normalización lingüística, editado dez anos despois. Valentim Fagim e José Ramom Pichel en O galego é unha oportunidade, afondaron dun xeito moi didáctico e sutil no galego como instrumento práctico. O reintegracionismo afirmouno coa iniciativa lexislativa popular Valentim Paz Andrade, centrada con exactitude e suceso en tres azos: o portugués no ensino galego, a relación institucional e a recepción dos mass media portugueses en Galicia. 
 
Non hai razón para deterse. Todos estamos de acordo en que se pode conseguir un país con maiores capacidades, tanto na proxección exterior como no desenvolvemento interno. E temos moita materia prima, entre a que figura a potencialidade políglota da nación; só cómpre crelo e tender pontes con todas as grandes linguas que nos resulten practicábeis.
 
Seguindo ese camiño podemos poñer en marcha planos de traballo para lograr que todas as bibliotecas de Galicia incorporen obra de carácter universal e científico en inglés e nas variantes do portugués, de xeito sistemático e abundante, formando bibliotecas plurilingües para un público que dominará indistintamente calquera destes idiomas, superando o estado actual de carencia e apoucamento. Linguas e variábeis lingüísticas nas que xa arestora os estudantes e a xente nova son capaces de ler, aínda co paradoxo de que despois de estudar Lingua e Literatura Galegas no ensino, ao longo de moitos anos, non saiban que saben ler en portugués. 
 
A iniciativa pode partir dos concellos, dos centros de ensino, universidades, Xunta de Galicia, asociacións de bibliotecarios. Pero os municipios das grandes cidades ocupan lugares propicios para afirmar a vocación e o soño de conseguir cidades políglotas. Trátase de adquirir o compromiso e de crer nel, porque o desembolso económico é cero, abonda cos recursos humanos existentes. 
Cómpren, iso si, estratexias institucionais, rutas organizativas para lograr a efectividade do plan. Os actores serán os responsábeis institucionais de todas as bibliotecas da cidade, pero tamén as librarías fornecedoras, que buscarán novas canles de distribución, esoutras librarías que venden en inglés e portugués, a empresa Biblos Clube de Lectores, vendedora de libro en galego e portugués desde a súa orixe, os sindicatos e asociacións do ensino e por suposto, antes de nada, as dos bibliotecarios. 
 
Esta xeira traerá consigo unha apertura de relacións con axentes culturais do mundo lusófono e anglosaxón que resultarán impagábeis. 
 
Unha fermosa aventura perfectamente practicábel.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA