BNG e PSdeG cargan contra os anuncios de Rueda: propaganda, fume e inicio da súa campaña cara as autonómicas

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reduciu a "máis propaganda" o anuncio realizado polo presidente galego, Alfonso Rueda, relativo a un bono deportivo de 120 euros para escolares federados de entre 6 e 16 anos. O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, coincide e ve no anuncio "o inicio da campaña electoral" do líder do PPdeG nun curso no que se celebrarán os comicios autonómicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2023 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reduciu a "máis propaganda" o anuncio realizado polo presidente galego, Alfonso Rueda, relativo a un bono deportivo de 120 euros para escolares federados de entre 6 e 16 anos. O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, coincide e ve no anuncio "o inicio da campaña electoral" do líder do PPdeG nun curso no que se celebrarán os comicios autonómicos.

Segundo declaracións difundidas polo BNG, Pontón considera que este é "outro acto máis de propaganda de Rueda". "Pero a propaganda non pode tapar que estamos ante o goberno do PP máis irrelevante da historia: esgotado, sen ideas, incapaz de pór sobre a mesa ningunha medida de calado nun contexto de crise de prezos", esgrimiu. "Aínda por riba, temos a un presidente de reposto que actúa como peón do PP de Madrid colocando intereses partidistas por encima de Galicia, deixando unha Galicia peor da que atopou. A día de hoxe, Rueda non traballa para Galicia senón para a investidura de Feijóo seguindo o que lle mandan desde Madrid", reprochou.

Pontón salientou que, a día de hoxe, aínda non se coñece cal será o teito de gasto dos Orzamentos de 2024, e incidiu en que destacar a aprobación das contas nunha conxuntura na que ten maioría absoluta e trátase dunha cuestión de xestión ordinaria constitúe "puro fume". A dirixente nacionalista resumiu a xestión de Rueda en "obviedades e propaganda", e exemplificou con outras cuestións destacadas esta xornada polo presidente galego como as medidas en materia de vivenda. De feito, acusou aos populares de levar "14 anos dinamitando a política pública de vivenda". Tamén identificou con "propaganda" as proclamas de Rueda sobre emprego.

"Propaganda e submisión a Madrid: ese é o resumo deste Goberno de Rueda, que está nas últimas, esgotado e sen ideas para sacar a Galicia adiante, incapaz de defender este país ante o Estado, como demostra que non lograse nin un só proxecto estratéxico con cargo aos fondos Next Generation. A propaganda de Rueda vale para conseguir un titular, pero non soluciona os problemas dos galegos e das galegas", resolveu.

"INICIO DA CAMPAÑA ELECTORAL

Na mesma liña, o socialista Julio Torrado xa esgrimiu que este anuncio do bono deportivo "é o inicio da campaña electoral" para as autonómicas de Rueda, a quen ve "pensando noutras cousas" porque xa "dá por amortizada" a súa etapa como presidente. Torrado contrapuxo a medida coa da gratuidade dos libros de texto que instaurou o Executivo de coalición de PSdeG e BNG, dirixido por Emilio Pérez Touriño, e que "retirou nada máis chegar a San Caetano o Goberno de Núñez Alberto Feijóo, co propio Rueda como vicepresidente".

Respecto diso, subliñou que hai "unha clara falta de coherencia", xa que "os mesmos argumentos que empregaban os populares naquel momento poderían esgrimirse neste caso". Así, lembrou que o principal argumento do PP foi entón que "non se podía pagar o mesmo aos fillos dun gran empresario que aos fillos dun traballador". "Parece que agora se esqueceron da defensa da súa propia idea e que nesta campaña electoral do señor Rueda vale todo, porque cando non hai ningún criterio, valen todos os criterios", afeou, antes de incidir no carácter "pomposo de fastos" do propio acto deste luns.

"Xa é unha tendencia por parte de Alfonso Rueda a de facer actos de moita mercadotecnia e moita pompa, que empezan a ter ademais un carácter moito máis electoralista que de xestión", subliñou o deputado socialista, antes de apuntar que parece que "desde o PP galego poden estar a se preparar para un novo escenario".

Varios nenos xogan ao fútbol nun patio de colexio, a 25 de outubro de 2021
Varios nenos xogan ao fútbol nun patio de colexio, a 25 de outubro de 2021 | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta