Dos couces, da yenka e outras musicas

Agardaremos un tempo polas decisións das organizacións políticas sobre os pactos de goberno. Todas dixeron que o seu posicionamento na conformación dos gobernos gardará relación co mandato popular recibido. No fondo é unha segunda volta reservada en exclusiva á interpretación das direccións políticas.

Por Fermín Paz | As Pontes | 03/06/2015

Comparte esta noticia
A seguir fago unha decena de consideracións dos resultados das eleccións municipais:
 
-Segundo van pasando os días, imos vendo que xestionar os resultados ten o seu aquel. O bipartidismo está tocado, mais non afundido.
 
- O PP está a dar mostras de infantilismo político. Foron a forza máis votada e, cando teñen que enfrontar a súa propia crise pola perda de poder, coucean. Foron  “milagreiros” coas finanzas tanto públicas como privadas mentres mantiveron a popularidade. Hoxe, algo mais impopulares, esquecen que o non saber perder ten moitas mais consecuencias que o desaloxo dalgún poder. Talvez a desfeita se agrande no tempo, cando vaiamos sabendo mais cousas da súa xestión.
 
-O PSOE recibe tamén unha boa quenta, aínda que o seu líder nos agasalle cun sorriso  diante da oportunidade de  aproveitarse do “naufraxio” do PP. Aínda así, parece que desta vez a alternancia no poder vai ter mais actores que están dispostos a rachar coa tradición hexemónica da socialdemocracia  na contorna da esquerda española.
 
- Quéirano ou non (PP-PSOE), rematou o baile da “yenka” (...esquerda-esquerda, dereita-dereita, adiante-atrás, un-dous-tres...), xa imos cansos do mesmo ritmo empobrecerdor para a maioría. Un novo tempo político abre as súas portas: outras músicas e outros bailes teñen unha posibilidade. 
 
- As demais organizacións que queren representar e facer protagonista á maioría social din que non é posible un remate da “película” da crise -e sobre todo das súas consecuencias- cun sinxelo “the end ”.  Compre, agora si, que os pactos sirvan para refacer o guión que se viña desenvolvendo polos dous  “grandes” partidos, ben para chegar os gobernos ou ben para gobernar. 
 
-É seguro que teñamos múltiples derivadas na conformación do poder nos concellos e nos gobernos autonómicos do Estado Español. Isto permitirá un retrato de todos os actores políticos tanto nas súas orientacións como nas súas contradicións,  sobre todo dos  chamados emerxentes que aínda manteñen unha atracción pola súa marca e liderado.
 
- Xa miraremos tamén como se concreta aquela máxima repetida polo líder de Podemos: "el cielo no se toma por consenso, se toma por asalto”. De existir ese lugar de gozo, paz e felicidade eterna e infinita, a loita polo poder non tería explicación xa que no ceo  non habería problemas. Os de verdade veñen agora.
 
- Outro mesmo opinamos do que dixo o líder de Ciudadanos: “la regeneración democrática y política de este país pasa por gente que haya nacido en democracia”. O valor democrático non se supón como na “mili”. Tense ou non se ten e,  xa que logo, as leccións de democracia non gardan ningunha relación coa idade. En política a mestría ten  moitos condicionantes. Coidadiño !!!
 
- Non teño dúbida, a  xente do común somos os mesmos que onte e que antonte; e pode que mañá non sexamos moi diferentes. Analicemos cantos dos votos son un berro favorable a outro xeito de facer -e de estar-  na representación e na xestión pública. O relato que conseguiu máis apoio electoral foi o da desigualdade e inxustiza social, parte do éxito dalgunhas Mareas. 
 
-  Non foi un acerto confundir a necesidade coa virtude pola banda da alternativa nacionalista. Nin o resistencialismo nin as necesidades do curto prazo, trabucando táctica  con estratexia, traerán solucións electorais.
 
Dentro de pouco voltaremos a ser preguntados nas urnas, así que  nin as festas nin os choros chegarán até á seguinte convocatoria. Cada quen é dono do seu facer. As expresións políticas na súa conformación actual deberán tomar decisións importantes tanto para  seguir aturando situacións herdadas como para as  que veñen derivadas deste proceso electoral. Por iso rematarei cun desexo que formulo do seguinte xeito: cómpre sumar esforzos para que nesta Terra o novo día chegue cos sons da Alborada de Veiga.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.