Temas: FUXIDAS

Celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente formándose gratis no Naturnova

Naturnova, un centro de educación ambiental interactivo único en Galicia, celebra o Día Mundial do Medio Ambiente cunha xornada de portas abertas no serán do sábado. Neste 2015, a ONU pón énfase no consumo responsábel.

Por GC Tendencias | Vigo | 05/06/2015 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental da Fundación Galicia Obra Social (Afundación), súmase á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente que, como cada ano, se conmemora mañá 5 de xuño, e o faino cunha xornada de portas abertas na que se dará acceso gratuíto ás súas instalacións.

Nenos aprendendo no centro Naturnova de Afundación en Vigo
Nenos aprendendo no centro Naturnova de Afundación en Vigo

 

Este sábado 6 de xuño, no horario habitual do centro, de 17.30 a 20.30 h, todos os que accedan a este espazo poderán descubrir, a través dos corenta módulos interactivos de Naturnova, algunhas das claves para modificar os nosos hábitos e responder así algunhas das cuestións que están detrás do lema do Día Mundial do Medio Ambiente 2015: «Sete mil millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación».

 

Nesta ocasión, con motivo desta efeméride, Nacións Unidas quere poñer o acento en que a humanidade segue consumindo moitos máis recursos naturais dos que o planeta pode proporcionar dun modo sostible: «Moitos dos ecosistemas da Terra están chegando a un punto de inflexión crítico. Celebremos o día Mundial do Medio Ambiente sendo máis conscientes do noso impacto ecolóxico –recolle na súa mensaxe o secretario xeral da ONU–, pensemos nas consecuencias que teñen para o medio ambiente as eleccións que facemos. Sexamos mellores custodios do noso planeta».

 

Ante estes datos, o espazo Naturnova de Afundación decide colaborar con esta causa e ofrece gratuitamente as súas propostas didácticas e os seus xogos ambientais para promover entre os máis pequenos e os adultos un cambio de actitude e para educar as súas conciencias na importancia de tomar decisións que fomenten unha xestión responsable dos recursos naturais do planeta. «Debemos ter en conta que, para o ano 2050, se continúan as actuais pautas de consumo e produción e co aumento da poboación a 9,6 mil millóns, necesitaremos tres planetas para manter os nosos modos de vida e consumo. A prosperidade humana non pode supoñer un custo á Terra. Vivir de forma sostible significa facer máis con menos», engaden na súa mensaxe desde Nacións Unidas. 

 

Naturnova

No ano 2003 inaugurouse este espazo co fin de ilustrar algúns dos aspectos máis interesantes da natureza mediante unha aprendizaxe lúdica. Para iso, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación dotouse de material informático anovador que propiciase a interacción e a posta en práctica dos coñecementos que se explican ao longo da exposición.

 

O centro, emprazado na rúa Velázquez Moreno, 20, en Vigo, está formado por tres salas de exposicións divididas en función da temática que se estuda en cada unha delas. A primeira fai referencia ao universo e nela explícanse, ademais da nosa galaxia e do sistema solar, tanto as formas de movemento dos planetas e a súa situación dentro do sistema, coma o nacemento das estrelas. O seguinte espazo da mostra está centrado na Terra e nos trazos característicos que presenta, coma o seu solo, a auga ou a atmosfera. Así mesmo, poderase observar a variedade de seres que habitan o noso planeta e que fan del un singular punto minúsculo da nosa galaxia, afectado en todo momento por diferentes fenómenos meteorolóxicos, que se poderán recrear no centro grazas aos xogos interactivos que se atopan na sala. Por outra banda, comprobarase por que a auga é un elemento indispensable para a nosa vida logo de observar como sería o noso planeta sen ela para o que tamén se botará man de ferramentas informáticas que estarán á disposición dos visitantes. Tras esta viaxe ao redor da Terra, Naturnova propón ao público unha viaxe aérea virtual por Galicia para visitar os seus diversos espazos naturais. 

 

Os seres humanos e a relación que mantemos co medio que nos rodea é o núcleo temático da terceira sala, en que xa a atención se centra na nosa realidade máis próxima e inmediata. Ademais de coñecer que tipo de convivencia existe entre todos os seres vivos, gozarase da oportunidade de escoitar unha ampla variedade dos sons da nosa contorna grazas á cámara enoica situada nesta zona da exposición. A importancia do aforro, do respecto polo medio e a aprendizaxe das medidas que contribúen a evitar a degradación do planeta son tres dos temas fundamentais que se analizan nesta última parte do percorrido. 

 

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta