Reunión entre Xunta e Concello de Santiago o 7 de novembro para abordar a ampliación do Clínico

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia dirixiu este xoves unha convocatoria ao Concello de Santiago, concretamente á alcaldesa, Goretti Sanmartín, para reunirse o próximo 7 de novembro e abordar a ampliación do Hospital Clínico. No escrito dirixido á propia rexedora que difundiu o Goberno autonómico, remarcan que a Xunta "está comprometida coa ampliación e modernización" do Clínico.

Neste sentido, lembran que traballan nas obras de ampliación do CHUS, obra licitada con data do 11 de outubro de 2022 por importe de 72,8 millóns de euros e cuxa execución se está iniciando, e no Centro de protonterapia de Galicia, cuxo concurso de proxecto e obra foi licitado con data 30 de decembro de 2022 por importe de 22,28 millóns de euros. O contrato xa se asinou e estase redactando o proxecto de execución do novo edificio, informan.

"É necesario, por tanto, avanzar na humanización e ordenación en todo o ámbito do Hospital da cidade, para o que consideramos esencial establecer un marco de colaboración e cooperación entre as dúas Administracións", defenden. A este respecto, pon como exemplo o acordo alcanzado entre Xunta e Concello de Pontevedra coa ampliación do Hospital Montecelo, ou co da Coruña, co Novo CHUAC. Así as cousas, convocan á alcaldesa de Santiago a unha reunión cos conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o vindeiro martes 7 de novembro ás 13.30 horas.

Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS
Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS | Fonte: REMITIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta