Premios Peña Novo

Cando un Real Decreto do Consello de Ministros presidido por Antonio Maura con data 24 de xuño de 1904 autorizaba o uso de calquera dos idiomas en España para as conferencias telefónicas e para os telefonemas e telegramas privados, faltoulle pouco a Lois Peña Novo para que en nome das Irmandades da Fala enviase un ao congreso que se celebraba en Iruña no que se acordara solicitar do Goberno a oficialidade dos “idiomas das nacións ibéricas”.

Por Xosé Glez. | Redondela | 17/06/2015

Comparte esta noticia
A anécdota ten a súa importancia polo feito de que un cidadán cualificado e interesado pola nosa cultura se prestase a redactalo nun idioma proscrito. Facer uso da liberdade establecida pola lexislación é aínda hoxe unha decisión que non está xeralizada no noso País. Como tantas outras que non se exercen malia teren  sanción constitucional. Velaí está a aconfensionalidade das nosas institucións públicas non sempre respectada polos nosos gobernantes. Aínda perviven medos atávicos para exercer os dereitos públicos en amplas capas sociais.
 
Lois Peña Novo, un dos pensadores máis lúcidos do século pasado, tiña a convicción de que o galeguismo só tiña sentido se contiña, en si mesmo, unha mensaxe de futuro para o pobo galego, sen acudir a perspectivas pasadistas ou culpabilizacións alleas, algo do que seguimos a necesitar. Deste parecer era tamén o empresario de maior proxección internacional que tivo Galicia, Enrique Peinador Lines, do que se cumpren o día vinte do mes que andamos o 75º cabodano do seu pasamento. Para estimular  a formulación de medidas inovadoras para unha Galicia máis dona de seu, creou o Balneario de Mondariz un concurso que gañara Lois Peña Novo coa obra “Mancomunidad Gallega”, unha proposta de autogoberno para Galicia. A súa ideoloxía municipalista albiscaba nas provincias unha organización territorial artifical, e nas deputacións “máquinas  electorais e sostén das organizacións políticas”, que ademais de non serviren para nada “viven depauperando a outros organismos”.
 
Os exemplos de Peña Novo e Enrique Peinador Lines son os que animan a convocatoria anual dos Premios Peña Novo coa finalidade de estimular a conciencia de galeguidade  na cidadanía e nos representantes institucionais, que poden  provocar a revolta mental que Galicia necesita.
 
O próximo día 25 entregaranse  os Premios Peña Novo no Castelo de Soutomaior  a tres personalidades sobranceiras  do pensamento e acción galeguistas.O catedrático da Facultade de Medicina da USC don Ángel Carracedo Álvarez, referente científico  en campos tan transcendentais como a farmacoxenética, oncoloxía e neuroxenética  “polo seu compromiso persoal a prol da nosa lingua que tingue moitos aspectos da súa vida pública na que, sempre que lle é posible,visibiliza con orgullo a súa orixe e galeguidade”.
 
Outra distinción é para dona Consuelo Castro Rey, Xefa Territorial da Avogacía do Estado en Galicia “polo seu valente, constante e coherente compromiso coa lingua galega” facendo posible que o noso idioma se normalice nos usos xurídicos. O seu exemplo é especialmente significativo para os operadores xurídicos aos que convida  a imitar dun xeito claro e contundente.
 
Ao profesor e historiador don Ricardo Gurriarán Rodríguez  “polo seus fundamentados estudos de investigación  da  historia do sindicalismo e movemento obreiro”, así como ser o autor dun rigoroso estudo sobre o labor científico desenvolvido polo profesorado da Universidade de Santiago de Compostela no período histórico comprendido entre 1900-1940, pioneira en moitos proxectos de investigación.  O xurado que lle concede o premio salienta a novidade das súas achegas na reconstrución da memoria colectiva.
 
O día 25  no patio de armas do Castelo de Soutomaior renderemos tributo de admiración a estas tres personalidades. Agardámolos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA