Galega internacional con Venezuela

A pivote viguesa Ana Román, de 32 anos, que ven de renovar un ano co Arxil de Pontevedra, xogará os Xogos Panamericanos e o preolímpico coa selección ‘vinotinto’.

Por gcdeportes | Pontevedra | 17/06/2015 | Actualizada ás 08:37

Comparte esta noticia

Unha galega na selección de Venezuela. Naceu en Caracas en 1982 pero leva toda a vida en Galicia. Xogou, entre outros, no Celta de Vigo, no Pío XII compostelán (ata 9 anos) e agora milita no Arxil de Pontevedra, con quen acaba de renovar por unha tempada. Dende o verán de 2013 conta tamén coa nacionalidade venezolana. E agora foi chamada pola selección ‘vinotinto’ para participar nos Xogos Panamericanos e no preolímpico, ámbolos dous en Canadá.

A pivote Ana Román, co 'seis' do Arxil.
A pivote Ana Román, co 'seis' do Arxil. | Fonte: pontevedraviva.com

A viguesa Ana Román, pivote de 1,92 e 32 anos, estrearase este verán como internacional… con Venezuela. De feito esta semana cruza o charco para comezar a concentración e catro semanas de adestramentos antes dos dous campionatos internacionais. O primeiro serán os Xogos Panamericanos en Toronto, entre o 10 e o 26 de xullo, e despois o Preolímpico en Edmonton, do 9 ao 16 de agosto, coa clasificación para Río’2016 en xogo.

“É unha honra para min poder competir coa selección de Venezuela. Levabamos un par de anos tentándoo pero non puido ser, pero este ano si. Son palabras maiores. É como un soño, un soño para calquer deportista poder vivir isto. É un ano redondo para min”, di Ana Román, irmá de Javi Román, ex de Breogán e Leyma Coruña entre outros, quen soña con disputar as vindeiras olimpiadas con Venezuela.

A viaxe coa selección ‘vinotinto’ chega xusto a mesma semana da súa renovación co Arxil pontevedrés cara a tempada 2015-16, na que volverá competir na Liga Femenina 2 despois da excelente tempada, na que chegaron a disputar a fase de ascenso en Lugo.

O caso de Ana Román é semellante ao do futbolista Andrés Túñez, fillo de emigrantes galegos en Caracas, ex xogador do Celta durante once tempadas e internacional con Venezuela, quen disputa estes días a Copa América coa 'vinotinto'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta