Resetear

Ogallá existise un botón que nos permitise resetear o sistema político para eliminar todo o malware que se foi instalado nel ao longo dos últimos anos. Refírome á LOMCE, o IVE cultural ou o que se aplica a algúns alimentos básicos, as sixilosas privatizacións da sanidade que socavan a universalidade orixinal, o re-pago, a manipulación dos medios de comunicación públicos, o recorte da liberdade de expresión e manifestación e así un longo etcétera ate o aborrecemento.

Por Gonzalo Rodríguez | Compostela | 19/06/2015

Comparte esta noticia
Case todas estas fazañas proceden do que eles denominaron “gobernos fortes”, expresión ambigüa que para o común dos cidadáns pretendía dicir gobernos enérxicos e que, en realidade, significaba gobernos autoritarios e sen contrapeso. É dicir, o caldo de cultivo adecuado para a arbitrariedade e a corrupción. É ben certo que a corrupción neste país non empezou co PP, nin foi cousa da última lexislatura, pero casos como o do Concello de Santiago ilustran ben como estas augas fangosas son aproveitadas polas especies oportunistas.
 
Non temos botón de reseteo, así que nos toca entrar no corazón do sistema e limpar peza a peza, repasar cada habitación, retirar todos os paos que trancan a roda da convivencia social e dar paso a normas xustas e integradoras. Máis aínda, que a política, máis aló dun determinado goberno, siga reflectindo o interese da maioría, dependerá de que sexamos capaces de acometer unha mudanza institucional pendente dende que na transición se instaurou a nosa limitada democracia. Dependerá por tanto da existencia dunha efectiva libertade de prensa por parte de medios públicos e privados, sen que a subordinación política ou a dependencia das subvencións impida o escrutinio das actuación públicas. Tamén a cidadanía e as súas organizacións deben poder exercer un control directo a través dun acceso amplo e profundo a toda clase de documentos, contratos e convenios das administracións. Os organismos de control, como o Tribunal de Contas, precisan ter medios, capacidade e autoridade para exercer a súa función. Son necesarios novos mecanismos de participación, que permitan canalizar tanto a creatividade e intelixencia colectivas como a esixencia cidadá. O exercicio da función pública, do mesmo modo que o éxito empresarial, deben ser froito do mérito e non do acceso privilexiado ao poder, evitando así o servilismo e o bloqueo do talento... E aínda non falamos do imprescindible reto de combatir a desigualdade.
 
E esta non é tarefa dun, nin duns poucos, nin tan sequera dun grupo. Tal transformación require dunha ampla concertación, da organizativa dos partidos e da centralidade cidadá, da creatividade que emerxe da diversidade, da xustiza que emana da pluralidade, do entusiasmo do traballo en común e desa alegría que as veces observamos nos nenos cando xogan coa auga e ven como a terra se transforma. O máis fantástico de todo esto é que o proceso xa está en marcha. Non nos deteñamos, que suba a Marea!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Gonzalo Rodríguez
Gonzalo Rodríguez Gonzalo Rodríguez Rodríguez é Profesor do Dpto. De Economía Aplicada da USC, coordenador do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e Co-Director do Master en Xestión Cultural. No ámbito extra-académico e co-responsable da sección de Economía e Calidade de Vida da revista Tempos Novos e membro de Attac-Galicia.