Acó e acolá

Falarei hoxe dun Poemario que só eu coñezo. O título recolle unha suma de vivencias e sensacións que percorren os camiños infinitos do ser, eses camiños en que o pequeno faise grande de xeito que palabras, xestos, miradas, decorados e escenas individuais ou colectivas axudan a descubrir claves. Trátase de comprender algúns dos misterios que os seres humanos gardamos no acó e acolá das nosas vidas.

Por Fermín Paz | As Pontes | 25/06/2015

Comparte esta noticia
Non atoparás nos poemas territorios íntimos. Certo é que se debuxan, iso si, alixeirados, coa excepción dun en que se mostra resistencia a carecer de espazo de identidade. O nº 2, intitulado “Costumes”, non quere permanecer no anonimato. En fin, con esta salvidade, os textos fan unha mistura do relativo co constante, subliñan o etéreo dos sentimentos universais de quen habitamos este planeta, para experimentar con eles no laboratorio da expresión. É o froito condensado dalgúns vivires espremidos.
 
No proceso de elaboración -como na lentitude do  facer unha boa augardente-, unha pinga caeu no chan e axudou ao artesán a comprender a importancia do circunstancial. Os acós e os acolás non deixan de ser labirintos con moitas entradas e só unha saída.
 
A escrita reflicte ontes rapsódicos que hoxe pousan nuns repousos de amor, de perspectivas xeométricas, de camiños e lameiras entroncadas nos adentros, coa maxia e a imprevisibilidade dun mañá desexable.
 
Non hai nada que non se corresponda con algo e todo é dalgunha parte,  aínda que a liberdade creativa dispón ao seu antollo e coa súa querenza.
 
Non sei se algún camiño nos leva a paraísos perdidos, imaxinados ou imaxinarios, mais sei que a escolla é de cada quen. As encrucilladas son posibilidades abertas, aínda que lles chamemos destino para achegármonos á realidade.
 
Todo forma parte da procura constante que desde sempre facemos os seres humanos. 
 
Unha refoleada de vento fixo voar todo o traballo. Espallados polo chan,  recollín un dos poemas que pousou cara abaixo. Sentín que debía publicalo.
 
 
A ONDE VAN?
 
Os suspiros son doces sopros, son aire
 
 
a onde van?
 
 
Algúns  móvense coas nubes
 
 
harmoniosos, suaves, resistentes,
 
 
sensuais. Uns son como aguias
 
 
voando á espreita; outros como mouchos de ollos seguidistas
 
 
erguidos naquel nocturno de lúa chea
 
 
que coa súa áurea vermella silenciou o barullo do xentío no lindo miradoiro da Pena Tombada
 
 
 
 
 
Outros  quedan  enguedellados, 
 
 
como na malla dun tramallo ou dunha silveira
 
 
por aqueles que os precederon e  obrigados
 
 
a convivir no día a día nun regueiro de amor,
 
 
ou de rebumbios apaixonados de sol, area e sal.
 
 
Tamén na casa das bonecas,
 
 
volvín a escoitalos
 
 
 na compaña de quen nega ser obxecto de propiedade
 
 
 
 
 
E mentres Ibsen
 
 
 desenvolve a trama familiar,
 
 
sobe a miña expectación
 
 
pola historia e o seu desenlace,
 
 
namentres ti, 
 
 
sementas na amizade
 
 
con palabras de acó e acento de acolá,
 
 
 
 
 
Algúns son culebreiros como as bichas
 
 
que a forza descontrolada da mecánica modernista, elimina da súa existencia. 
 
 
Outros levantan voo chegando ás alturas 
 
 
dos cumes que rodean o val das Facendas,
 
 
coas súas igrexas de catro almas entregadas e posuídas pola súa fe,
 
 
Mulleres recias, desconfiadas de presenzas
 
 
de quen sabe onde e quen sabe que,
 
 
vomitando pobreza de inxustiza na terra do seu nacer e vivir
 
 
 
 
 
Outros entréganse sen  mais velame
 
 
que a xenerosidade dos amantes
 
 
que se saben dous e séntense un
 
 
e gozan no brinde
 
 
con viño de mil historias para ocasión merecedora,
 
 
de praceres desbocados e abalos en soños de independencia
 
 
 que aínda hoxe teñen envoltura
 
 
de excitación permanente, como no conto que nunca remata
 
 
 
 
 
Defumándose polas néboas da destrución artística
 
 
o buraco na parede aniña un acó  case inaccesible
 
 
que nos deixa mirar un plácido acolá cheo da vida emerxente 
 
 
no que misturan  outros suspiros,
 
 
algúns son queixumes,
 
 
algúns esperanzas sombrías,
 
 
algúns, talvez, cantareiras da luz,
 
 
e da ledicia.
 
 
 
 
 
E así, antes de poñer rumbo aos vagamundos,
 
 
regresamos ás preguntas
 
 
e respostas na encalmada de cada adentro
 
 
cun ata pronto,  á vez que silenciamos un novo  desexo
 
 
na despedida,
 
 
mentres un suspiro estremecedor
 
 
déixase oír na terra e no ar,
 
 
os nosos depositarios momentáneos,

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.