“Non estou en política para ser rico, senón para cambiar o meu pobo”

Manuel Requeijo, alcalde nacionalista de Muras, rompeu unha barreira que semellaba infranqueable, a de derrotar a Isaam Algnam Azam, rexedor popular de orixe siria que gobernou este concello durante 24 anos. Nesta entrevista fala dos seus retos no novo período político que se abre neste concello lucense.

Por Xurxo Salgado | Muras | 01/07/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Non foi doado chegar a onde chegou Requeijo, pero a perseverancia e un traballo en contacto cos veciños conseguiron rematar co feudo de Azam. Polo camiño quedan anos de estacamento económico e numerosos procesos xudiciais do xa ex alcalde, entre eles os dunha aldea etnográfica que mercou a súa muller e que acabou mercando o concello.

Manuel Requeijo, do BNG, alcalde de Muras
Manuel Requeijo, do BNG, alcalde de Muras

O investimento realizado ronda os 6 millóns de euros, na compra dos terreos, na compra de inmobles, madeira… o Sr. Issam coa súa muller venderon 22 hectáreas e 6 inmobles ao concello do que era alcalde e ingresaron 341.000 euros, posteriormente venderían a madeira das mesmas propiedades por 50.000 euros”, apunta sobre esta cuestión. Por iso, anuncia vai revisar todos os papeis porque a adxudicación se fixo cun alcalde xa en funcións.

“O exalcalde quedouse só pola súa forma de gobernar, ditatorial, irrespectuosa, “barriobajera”, di sobre a súa caída en desgraza. Precisamente, este tipo de política é a que quere mudar Requeijo. “Por riba de todo está o benestar dos nosos veciños e veciñas , as persoas por riba de calquera outro interese, polo cal estamos a planificar xa as distintas medidas que queremos tomar”, suliña. 

E para iso conta no BNG de Muras cunha candidatura de xente moza “con gañas de cambiar as cousas, de transformar un concello rico en recursos para que estes redunden no beneficio da xente”. Por iso, unha das súas primeiras medidas será que todos os veciños censados teñan a luz gratis…

Empataches en concelleiros con Isaam Algnam Azam. Cal é o segredo para tumbar a un alcalde que levaba 24 anos no poder?

Bon, eu coido que non hai segredos, partíamos de ter un representante no Concello e contábamos cun grupo de persoas que levábamos moito tempo traballando xuntas con ganas de facer cousas por Muras, democratizalo, que fose transparente, participativo, aberto,…, se a iso lle sumamos que a xestión do Partido Popular durante os últimos 24 anos foi moi pobre, sen unhas inversión que redundasen na veciñanza e na calidade de vida das persoas, cun exalcalde que xestionaba o Concello de maneira pouco ética e indigna (refírome ás habituais visitas do Sr. Issam Algnam aos xulgados) para o que un Concello coma o de Muras se merece, pois xa imos contando cun contexto favorábel como se demostrou o día 24 de maio.

Por último a candidatura do BNG de Muras é unha candidatura de xente moza con gañas de cambiar as cousas, de transformar un concello rico en recursos para que estes redunden no beneficio da xente que o habita, para intentar darlle a volta ao proceso continuado de despoboamento que trouxo o anterior goberno, con ilusión para lograr que Muras mellore a tódolos niveis evitando as situacións vividas na pasado mandato, co alcalde continuamente nos xulgado. A xente entendeu a nosa mensaxe e na proposta do BNG un proxecto atractivo, o reto agora está en non defraudar esa confianza depositada e para iso traballaremos.

E non ten que ver no cambio electoral o feito de que houbera unha crise interna dentro do PPdeG?

Tamén axudou, certo, ao final o exalcalde quedouse só pola súa forma de gobernar, ditatorial, irrespectuosa, “barriobajera”… A súa filosofía era ou es amigo ou enemigo, os últimos catro anos foron moi duros para nós: ataques persoais, incumprimentos dos nosos dereitos como representantes públicos impedíndonos acceder á documentación cando a solicitábamos, ataques persoais  e, o mesmo que facía con nós chegados a certo punto tamén o fixo cos seus concelleiros. Con todo creo que os veciños e veciñas viron no noso traballo e na nosa candidatura  a posibilidade de que podíamos realizar algo por Muras, sácalo do adormecemento no que se atopaba, viron que levábamos propostas para transformalo, poñelo en valor, que nós sentísemos orgullosos de ser de Muras, que o rural non é malo, ao contrario ofrece oportunidades que se deben saber aproveitar, nós críamos e cremos no noso Concello e no seu potencial… Non creo que fose un único motivo o que fixo que Issam perdese a súa maioría.

E porque os concelleiros do PP xa non lle ían aos últimos plenos?

Pois iso habería que preguntárllelo a eles, máis entendo que de moitas das causas xa temos falado.

Unha das últimas decisións polémicas de Azam foi o a posta en marcha dunha aldea etnográfica que semella que comprou a muller e logo revendeu. Como está ese asunto?

Esta cuestión atópase nestes intres parada, a última información coa que contamos é que se sacou a concurso nós últimos días de Issam como Alcalde e hai unha empresa que foi escollida para xestionala cunha concesión por 5 anos e ata aí, de tódolos xeitos as chaves aínda non foron entregadas e nós queríamos revisar estas últimas decisións que se tomaron á presa e xa có alcalde en función, algo que entendemos non debería ter sucedido. 

A posta en marcha desa Aldea Etnográfica financiado con fondos do cánon eólico sen a realización de ningún estudio de viabilidade, elaboración dun proxecto serio e rigoroso, a elección do enclave a situarse e “o procedemento sospeitosamente espúreo da súa tramitación” era indicativo de todo o que veu logo. Para nós é evidente que con esta obra o Sr. Issam enriqueceuse a conta dos cartos de tódolos veciños e veciñas de Muras e que visto o acontecido probablemente non redunde en beneficio do Concello, teremos que revisar ese proxecto e buscarlle un contido coherente que beneficie á comunidade veciñal.

O investimento realizado ronda os 6 millóns de euros, na compra dos terreos, na compra de inmobles, madeira… o Sr. Issam coa súa muller venderon 22 hectáreas e 6 inmobles ao concello do que era alcalde e ingresaron 341.000 euros, posteriormente venderían a madeira das mesmas propiedades por 50.000 euros. Dubidamos moito da legalidade do procedemento e cando menos é eticamente reprochábel.

Dende o BNG de Muras sempre consideramos que se deberían ter feito as cousas doutra maneira, valorar cales eran os sectores clave na economía do Concello e a partir dunha planificación sería e con profesionais especializados elaborar unha serie de proxectos que revertesen a situación do Concello, fundamentalmente potenciando o sector   gandeiro, apícola e silvícola… que realmente por unha cuestión climática poderían converter a Muras nun referente nestes sectores, isto non entraría en contradición coa potenciación do turismo,…. Pero non a calquera prezo e de calquera maneira.

Supoño que ademais deste, terás outros temas urxentes que resolver na mesa. Cales son?

Os nosos primeiros pasos foron encamiñados a coñecer a situación na que se atopaba o Concello, persoal, orzamentos, expedientes iniciados…. A información que recibíamos na oposición era nula ou practicamente nula, as formas do Sr. Issam eran propias doutros tempos, e refírome a propias dunha ditadura, o que nos ocasionaba unha serie de inconvintes que tíñamos que ir suplindo con habilidade e moitas ganas de traballar polos veciños e veciñas de Muras. Agora chegou o cambio e debemos mirar para adiante.

E que obxectivos prioritarios tes, agora, para Muras?

Para o BNG de Muras por riba de todo está o benestar dos nosos veciños e veciñas , as persoas por riba de calquera outro interese, polo cal estamos a planificar xa as distintas medidas que queremos tomar; por poñer un exemplo en servizos sociais, contamos cun 40% da poboación maior de 65 anos e a inversión era mínima, a traballadora social do Concello estaba contratada a media xornada, o que para calquera que traballe no eido social é indicativo do escaso interese que supuña para o Partido Popular. Neste senso queremos poñer en marcha un Servizo de Transporte Público Gratuíto para que as veciñas e veciños que viven nas distintas parroquias podan achegárense á capitalidade do Concello luns e venres e tamén os días 9, día da feira a realizar aquelas xestións que doutro xeito terían complicado realizar, asemade queremos poñer en marcha o Servizo de Xantar no Fogar e outros que iremos definindo no futuro.

Por outro lado e de maneira inmediata estamos a traballar para que unha casa do Lugar de Beira do Río que carece de luz eléctrica a escasos 3 kms da capitalidade do Concello poda ter acceso a ela. Nesta liña a nosa proposta de campaña foi a da Gratuidade da Luz Eléctrica para os veciños e veciñas censados/as no Concello, e á palabra dada nós remitimos, estamos a traballar sobre ela.

Este é un dos concellos que máis cartos ingresa polo canon eólico. Que se facía con ese diñeiro ata agora? 

Certo, somos un dos concellos que máis ingresamos por esta cuestión e tamén é certo que  máis que poderíamos ingresar se o Partido Popular con Feijóo xa como presidente non tivese anulado de maneira ilegal e de maneira arbitraria, tal como acaba de confirmar o Tribunal Supremo fai dúas semanas o Decreto Eólico do Bipartito, ao final a historia e o tempo pon a cada quen no seu sitio, dende logo esta cuestión podería permitir que os veciños e veciñas de Muras contasen cuns ingresos que ata o momento non teñen nin tiveron e cunhas rendas moito maiores ás actuais. Tamén podo entender que nesta cuestión que ao Partido Popular nunca lle interesou que os beneficios fosen cara as persoas e si a grandes multinacionais como o confirma o abrazo co presidente de Iberdrola na súa primeira toma de posesión.

E que vas facer ti con el, agora?

Dentro do noso programa como xa comentei antes levábamos a proposta da Gratuidade da Luz Eléctrica para os veciños e veciñas censados no Concello e titulares dun recibo da luz, a nosa pretensión é por un lado que os beneficios da produción eólica redunden directamente nas persoas onde están instalados os parques eólicos tal como aparecía recollido no Decreto eólico da Consellería de Industria do BNG no goberno bipartito e pola outra facer atractivo o Concello para que a xente veña a vivir a Muras, dous dos problemas máis graves que ten o meu Concello é o despoboamento e o avellentamento da poboación, estas cuestións pretenden reverter esta situación.

Supoño que buscarás o apoio dos socialistas para gobernar. Hai algún pacto asinado? 

Dende logo, o entendemento cós socialistas de Muras sempre foi bó, de colaboración, apoio e respecto mutuo, temos moitas coincidencias nos nosos programas que deberían permitir ese pacto, estamos mantendo reunións e valorando posibles formas de colaboración, ate o momento non temos asinado ningún pacto , pero entendo que chegaremos a acordos.

Precisamente, falando de pactos, un dos debates abertos agora no mundo do nacionalismo é precisamente a posibilidade de facer unha lista conxunta para as xerais. Cal é a túa opinión ao respecto?

Entendo que de cara ás xerais sería positivo para Galiza que esa posibilidade se acadase, estase a falar moito e dende logo espero que se chegue a acordos, a nosa disposición dende o BNG é boa, espero que a filosofía destes debates sexa construtiva e de suma, para min é vital  ter grupo parlamentario propio en Madrid, tomando as decisións dende aquí  e velando polos intereses dos galegos e galegas e non supeditado a intereses externos a nós.

Volvendo ao ex rexedor. Unha das cousas que máis chamaba a atención deste concello é que estivera dirixido por un sirio. Entendía tan ben Algnam Azam o carácter dos galegos para gobernar durante tantos anos?

Nesta cuestión coido que a orixe estranxeira do Sr. Issam non afecta, isto non afecta cando falas dun médico, neste caso ocupando  un posto de traballo como é ser médico titular no Centro de Atención Primaria en Muras, cando Fraga era presidente da Xunta e de cara ás Municipais tirou para a elección de candidatos para as municipais de médicos de primaria, moi habilmente neste caso. 

Temos que pensar que nun Concello como Muras onde o 40% da poboación é maior de 65 anos, o médico é fundamental, o Sr. Issam aproveitouse desta cuestión e facía política tódolos días dende a consulta, cando un paciente se atopa aí está nunha posición de debilidade, o médico é o que manda…., tivo lexislaturas onde o traballo de médico e Alcalde ía parello, en función do seu interese. E aquí comezou a artellar o seu poder municipal… polo cal eu coido que a orixe non inflúe . 

A pesares de todo isto, o tempo igual que coa cuestión eólica pon a cadaquén no seu sitio, a lembranza que deixará en Muras non vai a ser boa.

Ti procedes do mundo do voluntariado e da cooperación. Estabas traballando no Secretariado Xitano, supoño que agora deixarás o traballo, non?

Si, aínda que son Licenciado en Historia Contemporánea, profesionalmente procedo dese mundo e é no que levo unha parte importante da miña vida laboral, na Fundación Secretariado Gitano levo dende o ano 2008 e nela foi onde aprendín todo o que sei deste sector e á cal lle estou moi agradecido por terme dado a posibilidade de desenrolarme profesionalmente. 

Se queremos facer un traballo profesional e rigoroso á fronte da Alcaldía coido que as persoas que alí están deben ter unha remuneración, eu non estou en política para enriquecerme, senón para cambiar o meu pobo, entendo que a remuneración debe permitir manter un nivel de vida digno.

Dende logo entendo a política como algo temporal, polo menos na primeira liña de traballo, non son profesional disto.

E falando de integración, que retos ten Muras neste ámbito para incluír a outras etnias ou razas.

Neste sentido Muras é un Concello moi tolerante e aberto non lembro ningunha situación neste senso da que tivésemos que avergoñarnos. 

Aínda que a min gústame falar máis de convivencia, calquera familia, homes,  mulleres que queiran vir vivir a Muras pois serán acollidos-as coas mans abertas, no noso Concello a emigración supuxo sempre unha sangría tanto a nivel estatal coma internacional, polo cal sabemos das dificultades nas que se pode atopar a xente que emigra.

Invito aproveitando esta entrevista a todas aquelas persoas , homes e mulleres que queiran visitarnos ou queiran mudar de aires e buscar un sitio distinto para vivir , que nós chamen e falen con nós, o noso Concello está moi ben comunicado a poucos 15 minutos de Viveiro, e a outros tantos 15 das Pontes e Vilalba, pero iso si cunha calidade de vida que non atoparán alí, natureza, tranquilidade, bó clima, ….ofrecerémoslles o que nunca pensarían atopar nun Concello coma o noso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 O califa de Muras

Moi ben o BNG, desmontando a falacia que dende certo sector nihilista do nacionalismo galego, despreciaba o rural, afirmando cun elitismo etnocentrista, que era feudo inalterable do PP. O BNG amosa que con traballo e coherencia, se poden rachar as barreiras de clientelismo e caciquismo ten impostas o PP. Algo fundamental, para botar o PP, dada a recente reforma electoral do PP. Un ponse ledo de que botaran a este corrupto impresentable, que cando era estudante becado polo seu gobernó, militaba no BNG, e cando chegou a médico, por interés persoal, fixose incondicional de Fraga e Aznar. Apoiando aa políticas mais reaccionarias, e a agresión imperialisra ianqui-sionista, contra seu propio pobo. Aproveitou o ser médico para acadar a alcaldía para facer do concello o seu feudo persoal.

1 eusi

24 anos para que a xente acordase son moitos anos, pero nunca é tarde, e mellor se é cun partido nacionalista. O que me chama a atención é que nun concello tan rural coma ese a sua xente nova fale tan mal o galego, parecen neofalantes de Lacuruña: gañas, desenrolar,etc. Escoitar á xente é tamén pór algo de atención...e enriba cunha poboación tan avenllentada, seguro que poden aprender moito