A liberdade de pensar (2 de 3)

As organizacións sindicais do século XXI deben dar resposta á seguinte cuestión: a maior competitividade e produtividade económica nunha economía globalizada significa que un núcleo pequeno de traballador@s pode vivir do seu traballo, mentres a grande maioría deles vai perdendo unhas condicións de vida dignas?.

Por Fermín Paz | As Pontes | 06/07/2015

Comparte esta noticia
Se a saída da crise ten fundamento na resposta a  este paradigma, a miña  é non.  É máis:  calquera  política económica, fiscal e social deseñada para ser soportada nos ombreiros da clase traballadora -por moito que melloren os índices do crecemento económico- será inxusta e pouco democrática.
 
A través da historia, a economía de cada país foi evolucionando de acordo coas necesidades da xente, o desenvolvemento dos sectores produtivos e as decisións políticas. Pasamos dunha pegada moi importante no PIB estatal do sector primario coa produción de bens no agro, no mar e na minería á Revolución Industrial. O sector secundario, a industria, foi quen dun crecemento acelerado intensivo no emprego e na creación de riqueza e con axustes  cada certo tempo. Pasamos a instalarnos hoxe nunha crise permanente, considerada como a da globalización e  caracterizada por un sector terciario protagonista encravado nunha nova era  tecnolóxica disque presidida pola produtividade e a competitividade.
 
Dentro das actividades no sector terciario, as principais son o comercio e o transporte, verdadeiros eixos da actividade económica aos que debemos sumar o turismo e as finanzas. Xunto a estas, non esquecemos aquelas actividades de rango institucional e de servizo, nas que tiñan un papel básico as institucións que prestan servizos públicos tan precisos como a educación, a sanidade, a defensa ou a cultura e ás que debemos engadir todo o vinculado o I+D, tan de moda.  Tamén convén non esquecer que a terciarizacion da economía supón moitas outras cousas. Por exemplo, a cultura obreira tamén está a mudar.
 
No  ámbito laboral, como consecuencia do que está acontecendo, temos un tipo de empresa moi diferente á fábrica do modelo do século XX. Temos tamén  unha normativa laboral mesmo aceptada en moitos dos casos pola representación sindical, vía pacto social ou na negociación colectiva. Ademais de caldo de cultivo para a inestabilidade das condicións socioeconómicas, a precariedade no emprego e a desprotección social, supuxo unha colaboración para o fortalecemento na práctica da  ideoloxía dominante e a implantación dunhas novas relacións no eixo capital-traballo. 
 
Co rebordamento da feble defensa sindical tanto nacional como internacional,  cada vez máis traballadores -homes e mulleres- cualificados e non cualificados, profesionais e técnicos, caen na desprotección social. A normativa laboral xa foi  moi baleirada de contido na súa protección diante da perda masiva de emprego  nos axustes cíclicos que o capitalismo precisou. Isto explicaría que ás veces @s traballador@s, cansos da falla de respostas,  traten de se  inserir individualmente no chamado “mercado” cun obxectivo: conseguir unha solución converténdose en “autoempregadores”, proba  do confusionismo ideolóxico. Ao facerse forte o individualismo e mais feble a idea do colectivo e as formas de expresión e de organización colectiva, os mecanismos clásicos e a solidariedade  asociados á sociedade industrial móstranse cada vez máis fráxiles e ineficaces para cumprir con algúns mandatos da igualdade e xustiza social. 
 
Este é o marco en que se manifestan as contradición de clase que están inseridas nesta dinámica. Calquera outro que se formule, mesmo desde os sindicatos, é un engano.
 
Consecuentemente, deberiamos analizar por que os cambios estruturais son necesarios para o sistema hexemónico capitalista. Seguramente a conclusión non será outra:  alcanzar obxectivos de máis flexibilidade e precariedade para unha maior produtividadade. Velaí  a verdade de moitas das melloras nos índices da competitividade.
 
No Banco Central Europeo xa se recoñece que @s traballadores con salario (o desemprego preséntase como estrutural, aínda que con algunha careta) sofren unha perda de poder que  os sitúa nun nivel de retribución como no ano 1980. Aínda así, insisten nas receitas da flexibilidade e da precariedade. Queren -e talvez precisan- uns niveis altos de salarios e condicións laborais boas para os menos e todo o contrario para os mais. Queren -e talvez precisan- unha normativa legal axeitada aos seus plans de futuro. Queren e precisan do apoio e  dunha complicidade de certos sindicatos para deixaren facer aos gobernos e  ás grandes  organizacións internacionais que velan polo cumprimento das súas directrices e recomendacións. 
 
Se revisamos os textos e informes menos accesibles da Comisión Europea, a OCDE ou a European Round Table atoparemos outra verdade. O capitalismo pos-moderno iniciou outro axuste necesario entre a produtividade e a educación, do que temos a necesidade de falar e mesmo explicaría por que unha parte dos nosos moz@s -os mellor formados da nosa historia- teñen que facer unha emigración forzada para poderen traballar. Non é unha maldición; é froito de moitas decisións políticas erradas e viciadas no contexto español. A saída europea dalgúns empregos non cabe interpretala como unha posibilidade senón como un axuste coxuntural nos “mercados laborais” nacionais, entre oferta e demanda. Todos os informes dos expertos sinalan que a  tendencia da nova economía esixe -e cada vez máis- poucos especialistas técnicos. A tecnoloxía permite que uns poucos especialistas desenvolvan os sistemas necesarios para o funcionamento da empresa. Por outra banda, os procesos de fusión empresarial reducen as ofertas de traballo. Con outras palabras: cada vez máis farán falta mellores profesionais, pero en cantidade máis reducida. 
 
A lóxica destes obxectivos é abafante. Unha  “escola da ignorancia” (da que tanto nos falou Jean-Claude Michea), coa produción sistemática de consumidores, é outra das engrenaxes necesarias para que a roda da globalización siga avanzando.
 
Unha verdade universalmente aceptada é que na educación está a clave do éxito económico. Todo o mundo sabe que os empregos do futuro requirirán niveis de capacitación máis altos que nunca. 
 
Pero  o que todo mundo non sabe é  analizar onde está  o erro de tal formulación. 
O sistema económico non pode absorber unha masa de traballador@s ben preparados. A escola de calidade é necesaria, mais para uns poucos. O resto do sistema educativo é mellor que non funcione. A conflitividade derivada dun sistema educativo xeneralizado e de alta calidade non podería ser soportada polo sistema económico, onde moitos individuos ben preparados deberían competir por moi poucos postos de traballo.  A educación universal e de calidade non é un obxectivo político do sistema dominante. Estes argumentos non son política ficción, despréndense dos documentos antes mencionados. É o pensamento versus ideoloxía das elites económico-políticas da globalización.
 
Dareille unha volta a este asunto na derradeira parte deste artigo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.