A teoría dos patróns

Se esa persoa que tanto nos gusta tivera a beleza que lle vemos nós, todo o mundo quedaría abraiado e faría un círculo arredor dela ou del. Isto non sucede así porque en realidade eles responden ó noso gusto, ó patrón que temos individualmente.

Por Ramón Torrado | Noia | 11/07/2015

Comparte esta noticia
Aínda que non xurdiu así, a non ser que fora de xeito inconsciente, pódese pensar que se trata dunha sinxela variante do dito de José Ortega y Gasset “yo soy yo y mi circunstancia”, pero a teoría dos patróns é unha idea que non vin antes. 
 
A miña teoría consiste en que os gustos de cadaquén son unha sorte de edificio invisible que se constrúe sobre a base do que experimentamos dende o día en que nacemos. Se nos fascina certo rostro, por exemplo, igual se debe a que é semellante ó de veciñas, primas, ou estrelas do cine e da televisión que nos chamaron a atención na infancia e na adolescencia.
 
Pode suceder ó revés, que unha cara nova non nos agrade porque nos lembra a alguén que foi negativo para nós, o cal non deixa de ser inxusto xa que así a persoa ten unha desvantaxe de partida.
 
A teoría esténdese aos demais gustos, como o culinario e o estético. Isto explica que se a alguén nacido en Xamaica lle gusta a música reggae máis que ningunha outra non é por chauvinismo senón debido aos seus patróns.
 
O campo dos ulidos coido que non está suficientemente estudado, cando se trata dun factor esencial nas nosas vidas e en especial no campo das relacións amorosas. Por que nos resulta tan turbadora esa fragrancia que a outro non lle di nada? O motivo seguramente radica no noso rexistro persoal de aromas, na nosa memoria de recendos.
 
No caso da pintura e da literatura, serán máis atractivas para nós as obras que inclúan elementos familiares, cores e detalles que causan o pracer do recoñecemento, como cando os mitos da música chegan nun concerto ó momento esperado: Mark Knopfler toca os primeiros compases de “Sultans Of Swing” no estadio Multiusos do Sar en Santiago.
 
Esa anticipación presente-pasado pode darse de cara ao futuro. Cando estamos no cine contemplando unha película que non víramos nunca antes, é posible que poidamos predicir o final, porque encontramos elos recoñecibles dunha cadea lóxica, o cal tamén explicaría as premonicións ou presentimentos.
 
Cando o capitalismo que ameaza a Grecia ou a Compostela e as cidades galegas ou a calquera de nós se dá de conta da existencia dun patrón común, explota esa mina ata esgotar as súas posibilidades. Non é doado abstraerse dos diluvios publicitarios, das modas e dos trucos do materialismo.
 
No campo da creación e do pensamento, só os xenios conseguen entrar nos patróns de forma universal e fóra do tempo. Leonardo da Vinci, por exemplo, fascinará á maioría das persoas século tras século e a tódolos niveis de comprensión e esixencia.
 
Contemplando por un intre os patróns de forma universal e non individual, chégase á conclusión de que o ser humano non aprendeu moito da Historia e segue abocado a cometer os mesmos erros: guerras, fanatismos, inxustizas e atrocidades sen fin. Por certo que debido aos rumores que despois do sucedido coas Torres Xemelgas en Manhattan apuntan a un posible atentado terrorista en Compostela, sería de suma importancia facer un investimento moi grande en seguridade e prevención na Catedral, cando menos durante o tempo en que estea activo o temible Estado Islámico.
 
A nivel individual, hai un certo misterio no feito de que caiamos unha e outra vez coa mesma pedra, cos mesmos pensamentos e xeitos de actuar que nos prexudican. Unha parte de nós que tal vez podemos chamar a nosa sombra espiritual permanece allea ás ensinanzas que se poden extraer da propia traxectoria e así é posible, por dar un exemplo máis, que nos namoremos do mesmo tipo de persoa que nunca nos corresponderá, abrindo de novo coñecidos torrentes de sufrimento agudo. 
 
Xa para rematar, quere esta teoría dicir que somos todos unha especie de monicreques que bailamos suxeitos ás cordas que nos toquen na vida? Si e non. Estamos influídos por todo e por todos os que tocan as nosas vidas, pero se non hai impedimentos extraordinarios queda en nós, diante das continuas decisións que hai que tomar, o poder da intelixencia.     

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. Estas obras están todas inéditas.