Váiase señora conselleira

Recentemente dixo a conselleira de Medio Rural e do Mar que se “valera de algo una manifestación eu poríame á fronte”.

Por Antón Sánchez García | Compostela | 17/07/2015

Comparte esta noticia
Ademais dunha falla de respecto aos gandeiros aos que está acusando de levar a cabo accións inútiles, mostra a soberbia ignorante deste goberno, a falla de sensibilidade e autocrítica absoluta.
 
Pode resultar indiferente  que á señora Quintana non lle gusten as manifestacións e sería secundario se fixese o seu traballo.
 
Podería falar con algunha autoridade se dende que chegou levase a cabo unha política seria e rigorosa para solucionar algún dos problemas estruturais que ten o sector lácteo galego.
 
Podería presentar resultados das súas políticas de mellora da base territorial das explotacións, e o aumento da superficie agraria útil, que lles permitise competir en igualdade de condicións con aqueles países onde os seus gobernos levan anos facendo os deberes. Pero non pode, porque non existen tales políticas, porque o Bantegal está infradotado, porque  non hai política de ordenación do territorio, porque non se actúa contra a reforestación ilegal de terras agrarias e fundamentalmente porque segundo os últimos datos do INE retrocedemos de xeito acelerado neste aspecto.
 
Podería mostrar algún exemplo dalgunha actuación no campo industrial a respecto da transformación de alimentos con alto valor engadido, pero non pode, porque o que fixeron foi Alimentos Lácteos, é dicir, una chapuza para agasallar a amigos que nos custou a todos moitos millóns de euros dos orzamentos públicos, aos gandeiros débedas millonarias e ás cooperativas a quebra.
 
Podería presumir de ter creado un marco normativo legal que protexese aos gandeiros dos abusos e a extorsión continua de industria e distribución, pero o chamado paquete lácteo e a Lei da Cadea  Alimentaria  foron un fracaso na procura dese obxectivo e hoxe en día os gandeiros soportan prácticas semimafiosas e as grandes superficies seguen a vender a perdas e a utilizar o leite coma produto reclamo.
 
Podería falar de que, durante o seu mandato, se diversificou unha produción agraria galega moi dependente do leite, potenciando a horticultura ou fruticultura, pero non pode dicir nada porque non fixo nada. Había un proxecto de marcas de garantía galegas da época do bipartito, e seguen nun caixón.  O asesoramento técnico en mínimos históricos polo debilitamento continuado dos centros de investigación e das oficinas agrarias comarcais e ningunha idea sobre o apoio á comercialización dos produtos galegos.
 
Podería presumir de xestión dos fondos europeos, pero pecharemos o período actual batendo marcas históricas de baixa execución, e sen ter aprobado aínda o novo Programa de Desenvolvemento Rural que pechou á participación das organizacións e actores do rural.
 
Con esta folla de servizos, señora conselleira , polo menos un pouco de prudencia e respecto nas declaracións.
 
Con esta folla des servizos o máis lóxico, en vez de disparar contra as vítimas de, entre outras cousas a súa, política, o lóxico sería que presentase a súa dimisión ou a cesasen.
 
Razóns sobran.
 
Se para iso fixese  falla una manifestación eu poríame á fronte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA