Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2023 | Actualizada ás 19:47
A Xunta lanzará unha nova convocatoria de axudas dotada de 5,5 millóns de euros para fomentar o turismo enogastronómico con medidas que sufragarán o embelecemento dos establecementos de aloxamento, restauración e adegas. A iniciativa que foi aprobada este xoves na reunión semanal do Executivo galego enmárcase no Plan territorial de enogastronomía de Galicia.
As axudas teñen tres liñas de actuación. A primeira delas conta cun orzamento de máis de 2,6 millóns de euros e impulsará a adecuación e o embelecemento de establecementos turísticos que deberán estar vinculados a unha adega e/ou parte dos seus viñedos.
A segunda liña, con 590.000 euros, sufragará proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración que remarquen os produtos vitivinícolas e gastronómicos e favorezan a visita. A terceira liña, con 2,3 millóns de euros, custeará a ampliación e a mellora da capacidade de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamentos, respecto das inscritas no REAT e que estean vinculados á realización de experiencias enogastronómicas.
As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, uns produtos que conte con denominación de orixe protexida de Galicia, indicación xeográfica protexida de Galicia ou a certificación Viños da Terra. O procedemento de concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.
PORTOS DEPORTIVOS GALEGOS
Por outra banda, o Executivo galego autorizou a firma dun convenio de colaboración prol 1,8 millóns de euros entre Turismo de Galicia e a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (Asnauga) para o impulso do turismo náutico mediante a realización de diferentes actividades e a revalorización do potencial turístico dos portos galegos.
Con este convenio realzarán os activos turísticos vinculados ao turismo náutico, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias, a mellora dos servizos, a rehabilitación de infraestruturas e a dixitalización de recursos para optimizar a experiencia do visitante náutico en Galicia, ente outras accións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.