Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/01/2024 | Actualizada ás 16:43
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), fixo un novo chamamento á oposición para "permitir que o Concello funcione e de non facelo, coherentemente, presenten unha moción de censura", unha posibilidade que el considera "factible".
"Non é algo baladí, repito: estou a pór o meu cargo a disposición desta Corporación", sinalou o alcalde de Pontevedra nunha comparecencia celebrada este mércores, 3 de xaneiro, para dar conta da Xunta de Portavoces convocada á primeira hora da mañá co obxectivo de organizar o pleno extraordinario do próximo 8 de xaneiro no que serán sometidos a unha cuestión de confianza os orzamentos para o ano 2024, elaborados polo goberno local do BNG.
Este pleno será no Teatro Principal e iniciarase ás 11.00 horas. Contará cunha intervención inicial do rexedor, dúas quendas para os distintos grupos políticos da Corporación e os seus portavoces, así como unha intervención final do alcalde. A día de hoxe, o Concello de Pontevedra funciona cuns orzamentos prorrogados do ano 2022, "algo do que se está resentindo profundamente xa, comprometendo as prestacións e os servizos municipais", alertou.
"Se tomei a decisión de presentar unha cuestión de confianza é porque hai unha confluencia á hora de obstruir o funcionamento do Concello", indicou. "Ante a situación de que o Concello estea paralizado, o máis importante é que este funcione, sexa eu alcalde ou non", dixo. O rexedor nacionalista opina que "hai que ser moi inxenuo para pensar que, tendo a capacidade que teñen o PSOE e o PP de Pontevedra para coincidir en diferentes temas, non se poidan pór de acordo nunha moción de censura".
Lores lembra tres exemplos distintos como son: a apertura ao tráfico da rúa Raíña Vitoria, o traslado da feira ambulante á Alameda ou "a subida salarial por encima do 10 % aos funcionarios, chamada RPT polos outros grupos". Tres temas que PP e PSOE consideran "moi relevantes" e nos que xa se puxeron de acordo. Por iso, Lores considera "factible" que se chegue a presentar unha moción de censura apoiada polo PP e polo PSOE, despois de "demostrar" ao longo destes meses "o rápido que se poñen de acordo en certas cuestións".
Aínda que o portavoz do PSOE local, Iván Puentes, reiterou que non faría alcalde ao líder do PP, Rafa Domínguez, Miguel Anxo Fernández Lores entende que "desde logo será porque non lle deixan, pois na práctica están a chegar a acordos con frecuencia para boicotear o funcionamento do Concello".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.