Non o entenden non

As análises que fai Julio Anguita sobre a política española son xeralmente interesantes, porque o antigo líder se desprende da cacharrada que a súa organización foi reunindo de xeito máis litúrxico que útil ao longo de decenios. Inclúese nese anticuario a arcaica linguaxe, os sofismas e as verdades inmutábeis que conducen a ningures. E choca con Cayo Lara, que sinxelamente é doutro tempo e actúa como un conservador interno, como un retardatario. Por iso Anguita di del que non entende o que pasa. Estes conservadores, con carácteres paradoxalmente tradicionalistas, acusan cos anos aínda menos mobilidade, sen esquecer que hai xente nova moi vella tamén.

Por Xosé Manuel Sarille | Ourense | 04/08/2015

Comparte esta noticia
No fondo queren que a realidade se adapte ás súas teorías, en troca de elaborar análises partindo do que hai. E niso se esforzan, petando na peneda cargados de razón xusticeira. Ademais teñen vertixe a que o seu vello mundo se veña abaixo, como se os cambios de tempo borrasen o incuestionábel aporte das persoas no pasado. 
 
En Galicia pasa o mesmo entre as novas forzas que agroman, concretamente AGE e as mareas, que souberon interpretar os cambios, sendo escoitados por unha ampla franxa de cidadáns, e as vellas ofertas que van afundíndose. O mesmo pero duplicado, porque á cuestión social no caso de Izquierda Unida, súmaselle aquí a nacional, tan deteriorada no campo nacionalista. Poño o exemplo de Anguita non por ter simpatías especiais con el, que non as teño, senón porque ao actuar dentro do mesmo estado, comparte inevitabelmente con nós os galegos, esteamos na posición que esteamos, dinámicas políticas, perdas sociais e tamén beneficios.  
 
Vexámolo de maneira temporal. A partir dos anos sesenta os novos  nacionalismos de Galicia collen forma e van construíndo diversas teorías e aplicacións prácticas nunca antes ensaiadas. Son novos, e sono porque cuestionan o vello e se distancian del, de aquel nacionalismo anterior que estivera vixente durante os anos vinte e trinta no país. Tamén rompen co débil herdeiro, o que mal traballou nos anos corenta e cincuenta. En que se distancian? En que se distinguen? Son xa outros tempos, vese necesario o enfrontamento directo ao franquismo, aséntanse novas ideas de esquerda europea e mundial. Pura lei de vida. A linguaxe é outra e a pesar dos moitos disparates xa na orixe dalgunha tendencia, vaise consolidando un novo xeito de mirar Galicia. Evidentemente, os vellos non comprendían nada ou aborrecíano, con máis énfase ao vir as novas xeracións cargadas de ira, dispostas segundo moitos anticomunistas a entregar Galicia ás fauces de Stalin, e parte de razón non lles faltaba.
 
As últimas eleccións autonómicas e municipais marcaron o inicio dunha nova política. Parte da cidadanía que antes se amosaba indiferente organízase para defender o que lle están a arrebatar. Persoas indiferentes fanse activas lonxe de calquera romanticismo e articulan desde abaixo instrumentos para impedir o desfalco. E hai semellanzas das ferramentas en todas as nacións do estado, loxicamente, porque o espolio social xérase desde os mesmos centros de decisión. Sería absurdo que ante o mesmo inimigo non se observasen entre si e coordinasen as forzas. Esa é a causa do cambio, o seu cerne, o núcleo, e ningún outro o é. Non é o sentimento nacional. Ao cabo nada que o marxismo non teña ben analizado. 
 
Ese núcleo souberon interpretalo algúns, concretamente AGE e Podemos, e seguramente Compromís, mentres que outros persisten con soberbia nun discurso obsoleto, non exento de ataques e acusacións contra o novo, baseado nas vellas abstraccións e dogmas, que foron máis ou menos válidas noutros decenios. Pero trunfa a nova linguaxe, aínda que haxa retrocesos que apelan ao sentimentalismo, como o do chamamento á unidade nacionalista para as xerais. Mais o BNG segue a crer que os vellos instrumentos continúan sendo útiles sen mudar un só milímetro a análise, cando é a realidade a que lles pasa por riba. E non se entende moi ben que en pleno declive, sen ser ouvidos xa case por ninguén no país, o único que ofrezan sexa unidade, sen antes poñer enriba da mesa unha profunda revisión dos seus puntos de partida.
 
O BNG é o representante desa vella política en Galicia, pero material escrito dentro dese mundo para circular nos próximos meses, só está o da asociación de Anxo Quintana, que eu coñeza. Unhas bases para as próximas eleccións xerais. Recolle os principais obxectivos dun futuro grupo parlamentario galego no Congreso. O texto sería asinábel polo Bloque porque non presenta novidades. Asombra que o primeiro punto, a grande preocupación, sexa que a voz de Galicia (con perdón) sirva para a reformulación do Estado, antes que para a reconquista dos dereitos sociais, na que traballa prioritariamente a nova política. Que cidadán razoábel entenderá este troco nas súas preferencias? Viven nunha burbulla, na fronteira da marxinalidade.  
 
Un nacionalismo arcaico e inmaturo. A preferencia é rescatar os servizos públicos, facer fronte ao poder financeiro multinacional e ás mafias e todas as forzas serán poucas para conseguilo. E conseguilo pasa ademais por comprometerse en gobernar España, algo do que nunca se fala, procurando un proceso constituínte para lograr un estado federal, pero antes de nada para recuperar o que até hai uns anos era dos cidadáns e agora está sendo transferido aos gangsters. 
 
Por certo, o BNG está por un proceso constituínte que camiñe cara o estado federal? Está coa CUP? Con Bildu? Non sabe? Agardan que o estado o administren outros e eles ir só a Madrid a intentar arrincar demandas para Galicia?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA