Xenerosidade

Uns cantos días antes do 25 de Xullo deste ano, a través de Teresa Moure, chegou a min unha proposta para unha celebración conxunta desta efeméride. O escrito estaba dirixido a quen, organizad@s ou non, acreditamos nunha Galiza dona de si. Foi pasando o tempo e a concorrencia (disque sempre imperfecta) foi quen de facer outros chamamentos e logo pasou o que pasou. As dificultades de sempre estiveron presentes no dia da Patria. Vella ou nova política?, pregunteime.

Por Fermín Paz | As Pontes | 07/08/2015

Comparte esta noticia
Días despois, nos medios e nas redes sociais unha serie de plataformas facían chamamentos e mostraban deseños programáticos para enfrontar o proceso das eleccións xerais. Mirei  quen as facía e vin que as facían vellos coñocid@s. Daquela volvín a  facerme a mesma pregunta. 
 
Nun artigo  titulado “cinco eixos para un debate” dicía eu que “sigo defendendo, unha organización cos pés, o corazón e cabeza na nosa terra. Nova, si; democrática e integradora de sensibilidades tamén; mais  sempre galega”.  Por iso, proseguía: “son tempos para un proxecto novo para a nación galega. Un proxecto que, sen esquecer o vello, o actuante, tente de novo sumar esforzos e xente do común  nun novo Riazor”. O fundamental daquel proceso de moito traballo e tempo foi a xenerosidade duns e doutr@s (aínda que  nada proporcional) para construír unha nova ferramenta que fose dando respostas na conxuntura política daqueles anos. Dito doutro xeito: sen xenerosidade, pouco que se pode facer en favor do nacionalismo galego.
 
Non vin no 25 de Xullo -nin vexo nos movementos unitaristas- ningunha xenerosidade, senón un certo protagonismo e  unhas pingas de papanatismo coa nova política (que aínda non pasou do tempo da expectativa). Cheguei á conclusión de que cualificar a política como vella ou nova non deixa de ser un engano e un beneficio para algúns medios de comunicación interesados en establecer unha certa dialéctica.
 
Por certo,  a proposta de alianza do nacionalismo galego coa esquerda española non é ningunha novidade. Xa se deu noutra conxuntura política cando, mediados os 70 do pasado século, foi avalada  e recollida nalgúns dos idearios nacionalistas. O  federalismo versus pacto federal non deixa de ser unha fuxida, porque depende  dunha reforma constitucional en que a única soberanía nacional posible é a española. Non é nova a coartada do goberno de facer chamados diante das  continuas agresións á ética  e á lei. Apelar  á “legalidade” e ao “imperio da lei”, ás veces non é mais que faladorías e refuxio para agachar -ou ben tratar de xustificar- algúns dos actos de goberno (por exemplo, o nomeamento de Wert como embaixador na OCDE). O discurso de cambio tampouco é unha novidade. Semella máis unha constante desde a chamada transición política sendo bandeira para a socialdemocracia no 1982 e logo en calquera cambio de goberno.
 
O proceso político aberto en Cataluña, que ten unha proba de lume o 27 de setembro, é a novidade mais salientable en termos políticos. Fica claro que este proceso é un elemento que vai condicionar o conxunto da acción política nas vindeiras datas e desprazará outros fenómenos que aconteceron na dinámica política. O movemento principal vén dado polo confronto do par en contradición nacionalismo-españolismo. Sexan uns ou outros os resultados, haberá movementos secundarios de moita importancia política nas nacións sen soberanía e o nacionalismo galego terá que estar á altura que as circunstancias esixen.
 
España non é Canadá. Ademais de se fixar nos procesos electorais, ninguén debera descoidar a atención na situación política ambiental. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.