Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/02/2024 | Actualizada ás 14:32
A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, criticou á Xunta de Galicia e concretamente ao seu presidente, Alfonso Rueda, de "escapulirse" das súas competencias en materia de vivenda. A ministra protagonizou este mércores un paseo electoral polas rúas do centro urbano de Pontevedra marcado pola xornada festiva que vive a cidade tras a celebración de Entroido da 'Noite pirata', unhas celebracións que, segundo a ministra "forman parte da España que se divirte, que comparte, que ten expectativas de futuro e que se toma a vida de maneira moi distinta á que o fan algúns dirixentes no noso país".
"Estes non son tempos nos que un se poida conformar con xestionar unha herdanza", manifestou a ministra "é tempo de transformacións, tempo de cambios, tempo de oportunidades e precísase da forza", engadiu a ministra en referencia ao candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Isabel Rodríguez destacou do candidato socialista á presidencia da Xunta os "contactos" co Executivo central. "Besteiro é unha persoa capaz de descolgar o teléfono e que alén estea o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para axudar a Galicia", remarcou.
A ministra animou aos galegos a que elixan a "papeleta do cambio", unha petición que fai "coa cabeza ben alta" debido á xestión do Goberno presidido por Pedro Sánchez, do que fixo un balance das súas principais medidas con especial detalle nas políticas de emprego entre as que apuntou o impulso da construción de 1.200 vivendas en Galicia e "que 4.000 mozos galegos teñan ese bono de aluguer".
Segundo a ministra, "a política de vivenda en Galicia o é, sobre todo, grazas ao esforzo do goberno do presidente Pedro Sánchez" xa que, "dous de cada tres euros das políticas públicas de vivenda en Galicia veñen do Goberno de España". Pola contra, neste ámbito "o presidente Rueda e o Partido Popular", segundo a ministra, dedicáronse a "escaquearse da súa competencia" que é, dixo, "promover unha política pública de vivenda que permita o acceso a unha vivenda digna a un prezo alcanzable".
MANIFESTA QUE O "O PP CASOU CON VOX"
Isabel Rodríguez tamén manifestou que o Partido Popular "casou con Vox" e iso "lle impediu un novo matrimonio ou unha relación extramatrimonial co independentismo catalán". Sobre a participación do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, na campaña das autonómicas galegas dixo que "Galicia se merece políticos que lles digan a verdade, políticos que deixen de mentirlles" e que tampouco necesita "políticos que tenten alterar a convivencia entre os españois como fixo Feijóo".
Segundo Rodríguez, nos últimos días, o líder dos populares "o que fixo é desvelar o que xa se sabía". "E é que non deixou de ser presidente porque non quixo, senón que non foi presidente porque non puido aínda que estaba disposto a todo aquilo que critica, aquilo polo que nos perseguiron os socialistas, polo que asediaron as nosas sedes", asegurou.
Concretamente, a ministra socialista recalcou que o PP "estivo falando co independentismo" porque "lle gustou poder apoiarse neles". Algo que non puido facer porque, segundo apuntou, "tivo un inconveniente non menor e é que xa fixera unha aposta previa que tamén marcará o seu destino", afirmou en referencia a "ese matrimonio coa extrema dereita no noso país nada máis chegar á rúa Xénova".
CELEBRA A APOSTA DE BESTEIRO POR CONSTRUÍR 10.000 VIVENDAS PÚBLICAS
Ademais, a ministra de Vivenda participou este mércores nun acto en Vigo no que pediu o voto para o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, destacando a súa aposta por "as políticas públicas de vivenda" e o seu compromiso por construír 10.000 vivendas con algún tipo de protección en Galicia ao longo da lexislatura.
Nun acto no que estivo acompañada polo alcalde vigués, Abel Caballero, a ministra destacou tamén a promesa de Besteiro de "abordar os problemas dos mercados de aluguer", especialmente "nas cidades tensionadas" como Vigo, así como "abordar o problema dos apartamentos turísticos da man dos concellos" para "amortecer os custos do aluguer". Con iso, dixo a ministra, Besteiro "non vai dar as costas aos 8.000 mozos que demandan axudas" nin a "os 36.000 inscritos no rexistro de demandantes de vivenda".
O acto desenvolveuse fronte á "última gran construción de vivenda protexida en Vigo", no barrio de Navia que, tal e como lembrou Caballero, correspóndese coa presidencia da Xunta de Emilio Pérez Touriño, hai "14 anos". Para o alcalde vigués, a vivenda é "a política máis importante que se ten que facer neste momento" e, tras criticar a "calamidade" nesta materia dos gobernos de Feijóo e Rueda, pediu o voto para Besteiro "para que en Vigo se constrúa vivenda de protección".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.