A concesión do Álvaro Cunqueiro ou como perverter o público

O PP sempre saca peito de ser un partido defensor da familia. E en parte, é certo. Sempre foron grandes defensores das súas familias, ampliando habitualmente a xenerosidade e a solidariedade a amizades, compañeiros de facultade e demais achegados. Cando a lei supón un impedimento para defender os intereses familiares, o PP, cando non a salta, reláxaa.

Por Sigrid Campo | Lugo | 04/09/2015

Comparte esta noticia
A adxudicación do Novo Hospital de Vigo, agora tamén coñecido como Álvaro Cunqueiro, non é unha excepción nesta dinámica de defensa dos valores familiares. De feito, estamos ante un dos casos máis salvaxes do “pelotazo” perpetrados na nosa terra.
 
A apertura do novo hospital de Vigo non debía supoñer un problema especial. O bipartito PSOE-BNG aprobara o 26 de febreiro do 2009 un Plan Económico- Financeiro polo que a empresa pública SPI (Sociedade Pública de Inversións) acometería o financiamento do hospital, que se abriría en 2013, cun custe final de 457,6 millóns de euros. Unha proposta razoable, cun custe razoable, e que garantía que o novo hospital de Vigo fose 100% público.
 
Porén, Feijóo botou por terra este proxecto, apostando por un modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Non só tocou o financiamento: reduciu o número de camas en case 500 unidades, a superficie do complexo hospitalario reduciuse en 70.000 metros cadrados, elimináronse módulos e modalidades de cirurxía. Todos estes cambios tiñan dous obxectivos: abaratar custes para facer máis atractivo o proxecto ás empresas, e manter ao hospital privado Povisa como referencia especializada. Cousa que non debe estrañar a ninguén xa que Rocío Mosquera, a Conselleira de Sanidade de Feijóo, foi xerente dun hospital en Santiago pertencente ao mesmo grupo empresarial ao que pertence Povisa.
 
A privatización do hospital tivo que realizarse a toda présa para evitar a obrigación de realizar un informe sobre as repercusións orzamentarias do proxecto. A Xunta esquivou por apenas 10 días a obrigación de realizar un informe sobre as repercusións orzamentarias do proxecto, anticipándose á publicación do Real Decreto que lle obrigaría a presentalo (BOE 24 de maio de 2010). Dende o primeiro momento, a Xunta deixaba claro que xestionaría o proxecto co maior escurantismo posible para intentar ocultar o sobrecuste e a estafa á cidadanía que supón o seu modelo.
 
En setembro de 2010, o SERGAS adxudica a Price Waterhouse Coopers (en adiante, PWC) un contrato para asesorar a avaliación das ofertas de licitación do novo hospital. PWC realizou un informe de avaliación que xamais se fixo público, a pesar de que a oposición o solicitou no Parlamento Galego. O que escuro comezou, escuro seguiu.
 
Sobre os motivos polos que calquera Administración transparente e democrática se negaría a contratar xamais a PWC poderíase escribir unha colección de 28 tomos. En abril deste mesmo ano a Audiencia Nacional iniciaba o xuízo contra 61 membros da firma por fraude na venda dunha empresa. En 2012 foi condenada a pagar 21 millóns de euros por unha auditoría defectuosa. En 2013, PWC realizaba un informe para a Generalitat catalana instándolle a privatizar 18 hospitais e 45 centros de atención primaria. O seu responsable en España para temas de Sanidade, Ignacio Riesgo, foi destituído da Xerencia do Ramón e Cajal por un problema de mortalidade en Cirurxía Cardíaca.
 
Ademais, Olga García Frey, ex- directora do ICO, foi inhabilitada polo Ministerio de Facenda para ocupar altos cargos públicos durante 7 anos por non inhibirse na concesión de contratos públicos a PWC, xa que traballara na consultora previamente.
 
A cousa non queda aí: auténticas “xoias” como Luis Maldonado, número 2 de Rato en Bankia, ou Luis de Guindos, actual Ministro de Economía, nutren os despachos de PWC.
 
Un último detalle: a que tamén sabe o que é cobrar nóminas de PWC é a filla de Rocío Mosquera, Conselleira de Sanidade. Casualidades da vida.
 
O caso é que PWC adxudica o contrato a unha UTE integrada por Acciona, Altair Ingeniería, Concessia Cartera, Puentes e Calzadas e OCASA, e por un grupo de entidades financeiras entre as que destacaba a CAM, na época na que o Banco de España a poñía de exemplo de todo o que unha Caixa non debía facer.
 
O negocio para as empresas concesionarias era, e é, realmente apetecible: as condicións fixadas por PWC obrigan á Consellería a aboar en total 1.566,4 millóns a ditas empresas, a razón dun canon de 71 millóns ao ano, ao que habería que engadir os beneficios da explotación do aparcadoiro e outros negocios. Pero por se isto non fora suficiente, ás empresas concesionarias garantíaselles un beneficio do 8%, pasase o que pasase.
 
E así comezaron as obras, con Feijóo inaugurándoas varias veces, unha delas, casualmente, a pouco tempo das eleccións xerais do 2011. Porén, as obras deberon paralizarse ante o incumprimento da parte privada do financiamento. E é que boa parte das entidades financeiras que formaban a UTE sufriron procesos de fusión ou de nacionalización debido ao su ruinoso estado.
 
Para solucionalo, nada mellor que seguir aumentando as notas da infamia deste proceso. Dos 250 millóns que a UTE debía obter no mercado bancario, 140 proviñeron de instancias públicas (110 do BEI e 30 do ICO). Os 110 restante proviñeron dun préstamo outorgado por varios bancos, entre eles Nova Galicia Banco, que tiña extremas dificultades para pagar aos afectados polas preferentes, pero ningunha para meterse a financiar un pelotazo privatizador.
 
Este problema de financiamento levou a que unha obra que debería estar rematada en 31 meses, isto é, a mediados do 2013, finalizara no 2015, co lóxico contratempo que isto tivo para a atención sanitaria viguesa.
 
Ante este desastre, a Xunta podería haber dado marcha atrás, resolto o contrato, e esixido una indemnización por danos e prexuízos á UTE. O artigo 37 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares, anexo ao contrato, amparábao, ao prever como causa de resolución o “retraso no prazo total ou en prazos parciais previstos”. Ademais, se o contrato fose anulado por causa imputable á concesionaria, a Administración incautaría unha garantía de 18,7 millóns de euros e recibiría unha indemnización por danos e prexuízos.
 
Calquera con dous dedos de fronte pensaría que se a obra se retrasou pola actividade infame das financeiras que conformaban a UTE, a culpa podería ser imputada á mesma. Ou quizais non bastarían dous dedos de fronte, senón que se necesitaría tamén sentido da decencia, independencia con respecto ás empresas da UTE e vocación de servizo público. É tan seguro que a Feijóo, Mosquera e compañía non lles falta o primeiro como seguro é que lles falta o segundo.
 
Así se chegou ata este punto, onde os vigueses contan cun hospital con 500 camas menos das previstas, menos servizos, e os pacientes que deben acudir a quimioterapia deben pagar 60 euros en semana de tratamento se queren estacionar o seu coche no aparcadoiro. Quizais non fixeran nada ilegal, pero o realizado polo PpdeG co Novo Hospital de Vigo indigna a calquera persoa cun mínimo de decencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Sigrid Campo Regueiro Sigrid Campo Regueiro, naceu en Ourense e está afincada en Lugo dende ben pequena. Membro de Podemos, responsable da Secretaría de Auditoría da Democracia en Podemos Galiza.