Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/09/2015 | Actualizada ás 09:20
A Xunta quere mellorar as razas galegas para que sexan competitivas no mercado. Para iso, a Consellería do Medio Rural e do Mar asinou un convenio coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia para potenciar distintas razas autóctonas galegas en perigo de extinción.
O obxectivo, segundo especificou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, é facer a estas razas galegas “comercialmente máis viables”. Para iso, auméntase en 242.000 euros a dotación financeira para elaborar e difundir material promocional sobre as distintas razas.
En total serán 847.000 euros para accións dirixidas fundamentalmente aos criadores e tamén ao público en xeral, co obxectivo de conseguir a súa implicación nos programas de mellora das razas. “O que se pretende é difundir os resultados acadados no desenvolvemento das actuacións previstas na medida de conservación de razas autóctonas do Programa de desenvolvemento rural, tanto ao sector gandeiro como á sociedade en xeral”, apuntou Feijóo.
As actuacións que se realizarán a través desta addenda son vídeos promocionais sobre as accións de conservación de cada unha das razas autóctonas galegas en perigo de extinción na especie bovina (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa), ovina (Ovella Galega), caprina (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), porcina (Porco Celta) e equina (Cabalo de Pura Raza Galega). Tamén manuais dirixidos a novos gandeiros que se incorporen aos sistemas de cría con razas autóctonas con información das distintas razas relacionada coa súa historia, evolución dos censos e das áreas de dispersión, caracterización xenética e produtiva das poboacións e novos sistemas de explotación.
Ademais, a colaboración tamén inclúe a elaboración de catálogos fotográficos das razas autóctonas galegas en perigo de extinción e compilarase material infográfico que permita a elaboración dunha videoguía que incluirá aspectos relativos ao Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia e as súas actividades, así como aspectos formativos a novos gandeiros interesados e produtores actuais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.