Asasinato machista e xornalismo amarelo

Os medios de comunicación de masas deberían actuar como transmisores de mensaxes cara o cidadán da pé. A súa función principal debería ser informar, alimentar de noticias, análises, opinións e entretemento ao corpo social.

Por Óscar Lomba | Vigo | 18/09/2015

Comparte esta noticia
Con todo a maioría deles actúan como transmisores de mensaxes impregnadas de ideoloxía, valores e códigos de comportamento que propiciarán que os individuos se moldeen e adapten aos propósitos e intereses de determinados sectores dominantes. Todo iso vese reflectido no control exercido por determinadas corporacións e macroempresas de comunicación, que procuran o maior poderío sobre a cidadanía, que é cegada e distraída do esencial e conducida cara a argumentacións equívocas, desfiguradas ou disfrazadas. A manipulación mediática xorde do interese dos grupos dominantes por conformar unha conciencia colectiva ou pensamento social hexemónico.
 
E refírome a esta cuestión porque hai uns días lía en diversos xornais o relato dos feitos que rodearon o cruel asasinato machista que se produciu recentemente en Vigo. Nalgúns xornais puiden ler revelacións e datos de dubidoso interese xornalístico e escasa relevancia informativa e que daban un toque de morbosidade a tan tráxico suceso. Nunha das crónicas facíase referencia, por exemplo, á muller asasinada. Que se exercía á prostitución, que se existía unha gran diferenza de idade entre o asasino e a vítima, que se os pais do homicida pedíronlle en numerosas ocasións que deixase a relación, que se a avoa do criminal díxolle que esa relación ía acabar mal, que se a muller era unha inmigrante brasileira, que se o asasino tiña dous empregos...
 
Eses xornalistas irresponsábeis semella que pretendía dar a entender que no fondo as cousas acabaron así porque a muller alterou a existencia deste mozo e envolveuno nunha espiral de fascinación, obsesión e celos que conduciu ao fatal resultado.
 
Porén a realidade é outra. A violencia machista, que exerceu ese bárbaro ao golpear e patear a esta muller até a morte, é algo intrínseco á estrutura da propia sociedade patriarcal. A violencia no ámbito doméstico sucede porque a sociedade ensina que a violencia é algo tolerábel. A aceptación xeral da violencia como un método de resolución de conflitos, unida á desigualdade estrutural dentro da familia e da comunidade, serían algunhas causas das causas da violencia machista. A sociedade patriarcal alberga un modelo de «familia patriarcal», onde o pai é o núcleo da unidade familiar e o símbolo da autoridade no fogar. O obxectivo da violencia machista é perpetuar a orde machista e patriarcal, tanto no ámbito familiar como no social. A ideoloxía machista contamina toda a estrutura da colectividade e baséase na desigualdade e nas relacións de dominio que subordinan á muller aos desexos do home. A violencia machista existe como parte desta estrutura patriarcal e é un comportamento intencional utilizado para establecer e manter o poder e o control sobre as mulleres.
 
Non señores xornalistas! Non falen das cuestións tanxenciais deste crime que o único que fan é enredar e ocultar a raíz do problema. A clave non está nos datos accesorios senón no miolo das motivacións que envolveron a acción violenta deste asasino. Un home machista e violento que pretendía dominar e dobregar a vontade desta muller que só quería ser libre e decidir por si mesma con quen desexaba estar.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. É membro de ESCULCA.