Negocios galegos nas mans dos seus traballadores

"Facendo empresa" é a nova marca que promociona as firmas do país cuxas accións son maioritariamente propiedade dos que traballan nelas. Son compañías que cren "na economía das persoas e dos seus intereses comúns", en palabras de Leticia Jorge. Nesta entrevista coa xerente de AESGAL, abórdase o novo distintivo e as vantaxes que este tipo de empresas. O debate sobre a recuperación é outro dos temas da conversa. En opinión de Jorge non hai mellora nos servizos, pero si síntomas en industria e construcción.

Por Manuel Vilas | Santiago | 24/09/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Estes días presentaron a marca "Facendo empresa" para promocionar as sociedades laborais. Por que tomaron a iniciativa de crear este identificativo?
Unha marca identificativa é algo que as nosas empresas asociadas veñen reclamando dende hai tempo que lles dea sensación de pertenza. Trátase de facilitarlles ás empresas unha ferramenta para explicarse a si mesmas ante a sociedade, e serve para darlle difusión á forma xurídica a partir dos seus protagonistas: as sociedades laborais.

Que vantaxas aporta para o consumidor contratar cunha compañía identificada baixo "Facendo empresa"?
As vantaxes son saber que, independentemente do sector do que falemos, o público consumidor está a contribuír á economía local. Se escolle a unha empresa deste tipo sabe que esa empresa representa uns valores que teñen que ver coa economía social, que é a economía das persoas e dos seus intereses comúns.

E que pasos teñen que dar as compañías interesadas de sumarse a iniciativa e poder identificarse coa marca?
As sociedades laborais galegas que queiran usar a marca deben inscribirse no formulario a través da pestana “Únete”, na web de facendo empresa. Non é necesario ser socia de AESGAL para poder usar a marca, é gratuíta e está a disposición de todas as sociedades laborais galegas. A partir da inscrición, nós lle enviaremos o material gráfico para que o insira onde considere oportuno, cumprindo sempre as normas que figuran no regulamento da marca.

Como explicaría en palabras moi simples o que é unha sociedade laboral?
Trátase dunha sociedade mercantil na que a meirande parte do capital é propiedade das persoas que traballan nela.

Se un emprendedor está pensando constituír unha compañía como sociedade laboral, que vantaxes recomenda que teña en conta antes de adoptar esta fórmula xurídica?Falar de vantaxes ou de dificultades cando se fala dunha forma xurídica, na miña opinión non vai dar a perspectiva adecuada. As persoas emprendedoras teñen que escoller entre a forma xurídica que máis se adapta ás súas necesidades. Por exemplo, unha soa persoa non pode constituír unha sociedade laboral, teñen que ser mínimo tres socias, das cales dúas teñen que ser tamén traballadoras.

Unha sociedade laboral, coma sociedade de propiedade colectiva, é unha forma de entender o que é unha compañía, é vivir os valores diferenciais que encarna, esa proximidade e compromiso coa comunidade na que se insire ou o reforzo da comunicación e acordo entre as persoas socias. Ademais está concibida para que as persoas que se contraten pasen a ser co tempo socias da empresa (a lei pon límites á contratación de indefinidos se non son socios) porque sempre as persoas traballadoras deben posuír en conxunto a maioría do capital social. ¿Trátase isto dunha barreira? Pode parecer que si, pero eu o vexo coma unha oportunidade para, entre outras cousas, involucrar a todas as persoas que forman parte da empresa.

Coma vantaxes, a sociedade laboral está protexida pola Constitución (artigo 129.2: “os poderes públicos facilitarán o acceso dos traballadores á propiedade dos medios de produción”), polo que recibe uns apoios económicos específicos na súa constitución, na incorporación de persoas socias traballadoras, etc. Ademais, é posible capitalizar o 100% do paro para aportalo á empresa coma capital social.

As persoas socias traballadoras son consideradas a efectos da Seguridade Social, salvo algunhas excepcións concretas, coma traballadoras por conta allea, polo que cotizan ao paro. Isto tamén é algo que pode considerarse unha vantaxe ou unha barreira.

A sociedade laboral tamén é unha boa oportunidade para empresas mercantís nas que os traballadores queren facerse cargo da empresa e aportar capital. 

Entrega de premios Proxectos Visibles de Aesgal
Entrega de premios Proxectos Visibles de Aesgal

Algunha outra barreira?
Coma barreira diría que a constitución deste tipo de empresas non é tan rápida coma outras, leva un proceso burocrático un pouquiño máis longo.

Cando naceu Aesgal, cantos socios ten e cales son os seus obxectivos?
Aesgal naceu no ano 2009 impulsada por nove sociedades laborais de tamaño grande, entre todas sumaban unhas 200 persoas traballadoras. Os seus obxectivos tiñan que ver coa visibilización da forma xurídica en Galicia, que non recibía ningún tipo de atención nin institucional nin por parte do público xeral. O nacemento de AESGAL foi impulsado pola nosa confederación nacional (Confesal), posto que Galicia era a única comunidade autónoma no que este colectivo non estaba asociado aínda.

Existe algún perfil tipo do socios que se suman a Aesgal?
Se por perfil queres dicir sector ou tamaño, non existe perfil en absoluto, temos socias de todos os tamaños e de moitos sectores distintos. Pero para min teñen en común que son empresas que miran ao seu redor, ao mundo no que fan a súa actividade, que están convencidas de que a sociedade laboral é unha resposta axeitada para un mundo económico cada vez máis globalizado e impersoal. Son conscientes de que xuntas conseguen máis que unha por unha, e apostan por AESGAL.

Vostedes organizan unha primeira Xornada de networking e speedmeetings o vindeiro martes 29 de setembro no Hotel Ruta Jacobea. En que consiste? Quen pode acudir?
Trátase dunha oportunidade de coñecer de forma directa a sociedades laborais de sectores variados, a nivel totalmente comercial, no que as empresas poderán ofrecer e demandar produtos e servizos. A xornada está dirixida a sociedades laborais exclusivamente.

Moito se está a falar de se existe ou non recuperación económica, que están a percibir ao respecto os socios de Aesgal?
A crise levouse por diante a moitas sociedades laborais, e a moitas socias de AESGAL. Aínda que as empresas de economía social son máis resistentes á crise por que o interese das socias soe ser manter o posto de traballo o máximo tempo posible, esta crise é tan longa que moitos non foron quen de soportala. No tocante á recuperación, nalgúns sectores (o industrial ou o da construción) si que perciben máis actividade ou a lo menos máis expectativas. Noutros sectores, sobre todo de servizos, a crise continúa.

Marca Facendo Empresa
Marca Facendo Empresa
Leticia Jorge
Leticia Jorge
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta