Pero... De que ía eso da confluencia?

Con todo o enxordecedor ruído xerado nas últimas dúas semanas en torno á eventual fusión entre o Encontro Cidadán por unha Marea Galega (marea.gal) e a Iniciativa pola Unión, as cuestións centrais, as que nos levaron a construír o Encontro, desapareceron por completo do plano de visión. Perdemos a perspectiva de qué era o que queríamos e para qué, deixamos de mirar ao horizonte e empezamos a mirarnos os pés e o que no inicio non eran máis que unhas posibles ferramentas pasaron a converterse no único fin.

Por Gonzalo Rodríguez | Compostela | 29/09/2015

Comparte esta noticia
Compre levantar a vista, tomar alento e seguir o rumbo. A confluencia é un proceso no que plataformas cidadás e os partidos se artellan para procurar novas formas de facer política. Coalicións de partidos de diverso tipo existiron de toda a vida, por tanto esta non pode ser a novidade. Efectivamente, a innovación está na resposta á demanda da cidadanía non partidista de abrir novas canles para a participación nos asunto públicos, canles que removan os tranquilos estanques da política partidaria. Espazos onde os cidadáns se sintan escoitados e se escoiten, onde a vida flúa de abaixo a arriba e onde, finalmente, o pulso das esixencias cidadáns turre das pulsións conservadoras que aparecen coas lóxicas de goberno.
 
Isto non supón unha negación da lexitimidade dos partidos, supón que as súas lóxicas operativas non poden ser adoptadas en plataformas cidadáns ou mareas e, máis en concreto, non deben ser incorporados nas dinámicas do Encontro. En particular, quería facer referencia ás radicais consecuencias de optar pola democracia participativa ou pola representativa, pola lóxica do consenso ou pola da votación. Non son diferenzas de matiz, a dinámica de maiorías e minorías, a imposición de uns sobre outros deriva en gañadores e perdedores, en propietarios e excluídos, prima a confrontación sobre os coidados, o vencer sobre o convencer. Unha dinámica que remata inexorablemente na centrifugación dos menos resistentes na batalla, no afastamento ao fin e ao cabo do que todxs entendemos que é a cidadanía non partidaria.
 
Os pasos que ate o momento leva dados o Encontro poden ser acertados ou errados pero indubidablemente teñen o obxectivo de xerar espazos que faciliten a toma de decisións por consenso. Sen embargo, nos procesos de aproximación a outras organizacións en aras do proceso de confluencia apareceron inmediatamente dinámicas de mobilización de militantes para gañar votacións. Dinámicas que son lexítimas (unha persoa un voto, etc), pero inadecuadas para as plataformas cidadáns. E aí onde, ao meu ver, xurde un dos principais puntos de fricción con Iniciativa pola Unión. Non ten sentido facer o Encontro para que deixe de ser o Encontro.
 
Os avances feitos por distintos actores cara a confluencia son importantes, compre non desprezalos, aproveitar o que nos multiplica e cooperar en aras do ben común. Pero isto debe ser compatible coa preservación da natureza que nos define e, consecuentemente, dos valores que aportamos. O tempo da integración entre plataformas aínda non chegou, pero outras formas de cooperación son posibles. Iniciativas concretas nas que compartamos mesa, nas que desenvolvamos as formas de coidarnos mutuamente e nas que a enerxía se oriente a derrotar ao neoliberalismo e non a derrotarnos a nos mesmos. O tempo da confluencia non acabou, esta empezando. Cooperemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Gonzalo Rodríguez
Gonzalo Rodríguez Gonzalo Rodríguez Rodríguez é Profesor do Dpto. De Economía Aplicada da USC, coordenador do Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e Co-Director do Master en Xestión Cultural. No ámbito extra-académico e co-responsable da sección de Economía e Calidade de Vida da revista Tempos Novos e membro de Attac-Galicia.