O lobo: destapando o pastel da Xunta

A Xunta está a piques de rematar un censo oficial sobre a poboación de lobos. Hai máis grupos, pero necesariamente, non máis lobos que hai 12 anos. A últimas batidas contra esta especie demostran que as políticas para a súa recuperación están lonxe de ser cumpridas. Miguel Mosquera, secretario de ACOPO ( Asociación Coordinadora de Protectoras de Pontevedra) explica neste artigo o que hai detrás do lobo en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Arousa | 30/09/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A problemática do lobo en Galicia é clara, unha especie querida e admirada pola maioría da sociedade, e odiada e perseguida por uns poucos. Unha especie que tras anos onde o seu futuro estivo seriamente comprometido, recuperouse e sempre estivo presente ata hoxe na nosa terra. Pero esta aparente estabilidade non é tal, unha persecución silenciosa e infame, ameaza novamente o seu futuro.

Lobato pendurado dun sinal
Lobato pendurado dun sinal | Fonte: ACOPO

A Xunta leva anos facendo estudos para coñecer mellor á especie e para para garantir a viabilidade da poboación. Actualmente estase rematando a actualización do censo do lobo en Galicia, que sendo consecuentes por ter máis información acumulada dende o censo anterior debido aos estudos recentes, xunto coas zonas que agora se prospectaron completamente, debería ter coma resultado a localización dalgún grupo máis que hai 12 anos. Pero isto non diría que a poboación aumentase, podería ser todo o contrario, querería dicir que se localizaron máis grupos, que non é o mesmo que haxa máis.

Pero isto é a teoría sobre o “papel”, non é por desgraza co que nos atopamos os que co noso esforzo persoal, nos preocupamos e seguimos ao lobo, sendo coñecedores que a mortalidade ilegal é hoxe a maior ameaza para a especie.

Xa son varios os anos nos que presenciamos situacións tráxicas onde lobos e ata familias completas desaparecen por accións ilegais propiciadas pola propia administración. Zonas identificadas como lobagueiras (lugares de cría), zonas que debían estar estritamente protexidas, vólvense na época máis delicada do ano cos cachorros totalmente indefensos, en epicentros de batidas. Estas batidas autorízanse pola Xunta, ou dito doutro modo, son legais. Si, autorizan as batidas supostamente ao “xabarín”onde previamente teñen localizados aos lobos criando.

Recentemente fixemos público o caso dunha familia de lobos que foi acosada e expulsada do lugar de cría durante a celebración dunha destas batidas. Lobatos sendo arrastrados por cans, os pais fuxindo para salvar a vida tendo que deixar atrás aos seus fillos a mercé de cans e cazadores. Tamén vimos de facer pública unha foto dun lobato morto, despois dunha destas batidas, e exhibido coma un trofeo pendurado dunha sinal.

E isto é o que vimos denunciando nos derradeiros anos, cacerías encubertas ao lobo que teñen como consecuencia a desaparición de familias completas cada ano coa complicidade da Xunta. A administración a quen trasladamos a problemática reiteradamente, e quen ata hoxe deu hipocrisía e demagoxia coma resposta. Un goberno que nin está altura nin quere estalo. Políticos que compran os votos dos peores galegos, do máis baixo da sociedade, a cambio de permitir que se sigan matando lobos ilegalmente. 

O lobo precisa unión entre os que loitamos pola súa conservación, políticos valentes que aposten por conservar o noso patrimonio e o apoio de toda a sociedade.

Sempre estarei contigo Amigo Lobo.

Miguel Mosquera é autor do blog de A Lobagueira. Secretario de ACOPO e socio de varias asociacións ecoloxistas sempre relacionado co lobo. Defensor do lobo dende hai máis de 10 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Damián Porto

Pois grazas a Deus que existen mesías e redentores como Lobo Marley! Máxime nunha zona onde os propios funcionarios de "miedo ambiente" actuan de sicarios e mamporreiros de cazadores dispostos a pagar por matar un lobo. Acaso é mellor a apatía e inacción que caracteriza ao caso galego, no que (por certo) menos dun cento de sociedades de cazadores se reparten un suculento pastel e se permiten, toleran e mesmo se promoven batidas en calquera época do ano e lugar. Qué país!

1 José

A tal Asociación Coordinadora de Protectoras de Pontevedra-ACOPO debería mirar muito quen a representa ou reflexionar sobre qué obxectivos se perseguen con notas como esta. Nun conflito como o da problemática do lobo, ou se dispón dunha base ampla de coñecementos ou é mellor non dicir nada. Porque se cae no máis que óbvio papel de "urbanita" que pontifica desde a sua cómoda vida na cidade, estimulando a resposta aínda máis irracional do sector que se pretende combater. O último que necesita Galiza son mesías redentores do tipo Lobo Marley ou de tipo "freak", como nesta nota. Porque, ao final, quen o paga é o lobo.

1 blackmirror

Moito mellor non facer nada, claro, espera sentado enton a que as cousas cambien solas, pero tranquilo, menos mal que queda xente con valor que non cala e defende e denuncia, menos mal, se eso é ser friki vivan os frikis que cambiarán o mundo!