Temas: ECIMAT MAR

Vigo, á cabeza na explotación sostible dos recursos mariños

A Ecimat coordinará a busca de respaldo institucional e económico da rede europea EMBRC. Contará cun orzamento de máis de 100.000 euros para unir a máis de 150 rexións europeas na busca de iniciativas investigadoras que xeren emprego.

Por GC Emprende | Vigo | 14/10/2015 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Encimat), dependente da Universidade de Vigo, pode dar un salto internacional importante coa súa participación nun proxecto europeo para promover a explotación sostible dos recursos biolóxicos mariños e da biotecnoloxía azul como camiño de desenvolvemento rexional e económico e contribuír, así, ao crecemento e á cohesión. 

A Ecimat traballará de forma activa na posta en marcha definitiva da rede EMBRC
A Ecimat traballará de forma activa na posta en marcha definitiva da rede EMBRC | Fonte: Uvigo

Financiado pola UE, o EMBRC (European Marine Biological Resource Centre ou Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños) nacía hai sete anos coa idea de situar a Europa á vangarda mundial das ciencias mariñas mediante unha rede diversificada de recursos físicos e humanos da que a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla forma parte. 

Agora esa rede busca a súa posta en marcha definitiva nunha nova fase na que a Ecimat participará de forma activa no que é o seu primeiro proxecto europeo: a Universidade de Vigo será a encargada de coordinar xunto á Estación Mariña de Plentzia da Universidad do País Vasco, PiE-UPV, a tarefa de establecer vínculos coa conferencia de rexións periféricas marítimas de Europa, que representa a máis de 200 millóns de habitantes.

Esta rede vai dar aos seus investigadores acceso á maior parte dos ecosistemas costeiros europeos e aos equipamentos máis avanzados, ademais de permitirlles interactuar cunha ampla comunidade de científicos, entre os que se atopan algúns dos principais grupos de investigación en bioloxía mariña do mundo. Por outra banda, a maioría das estacións que participan na rede EMBRC están situadas en rexións periféricas, habitualmente afastadas das principais concentracións de industria e dos grandes circuítos comerciais, con economías en recesión con “pesqueiras en regresión, problemas legais para establecer novas industrias acuícolas na costa, un sector naval en decadencia…, o que se traduce en taxas de desemprego superiores á media europea. 

A Ecimat e PiE-UPV terán que “traballar para asegurar tanto o respaldo institucional como económico dos estados nos que se localizan os nodos de EMBRC”, como explica Antonio Villanueva, xestor da Ecimat, no xornal da Uvigo. Acadar ese apoio é un dos requisitos fundamentais para dar os pasos que concedan á rede o estatus ERIC, unha fórmula xurídica europea común coa que dar marco legal ás infraestruturas de investigación nas que participan varios países e facilitar a súa creación e funcionamento.

Cun orzamento de 50.000 euros cada unha, xunto cunha partida especial para realizar un workshop con representantes de todas as zonas implicadas, ambas institucións terán que traballar para conseguir unir a máis de 150 rexións europeas e facer de EMBRC a infraestrutura máis avanzada en Europa para o estudo dos recursos biolóxicos e biotecnolóxicos mariños.

A implantación nestas rexións de infraestruturas pertencentes a EMBRC pode axudar a crear postos de traballo de alta calidade, novas capacidades e incluso dar lugar a iniciativas innovadoras relacionadas coa biotecnoloxía mariña”. 

Temas: ECIMAT MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta