Temas: CAMPUS DO MAR

O Campus do Mar de Vigo exporta coñecemento a Cabo Verde

É o responsable da coordinación técnica, administrativa e financeira dun proxecto no que se contempla tamén o deseño e implementación de dous cursos de especialización para desenvolver o sector social, económico e ambiental.

Por GC Emprende | Vigo | 15/10/2015 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Unha localización estratéxica e posuír unha das zonas económicas exclusivas máis grandes de África Subsahariana fan de Cabo Verde un país abocado a sacarlle potencial á denominada economía do mar. Sen embargo, para seguir crecendo necesitaba crear un tecido docente e investigador no que apoiarse, un labor para o que o Campus do Mar converteuse no aliado estratéxico perfecto. 

Investigadores e profesores da Universidade de Cabo Verde e do Campus do Mar de Vigo traballan nun proxecto conxunto
Investigadores e profesores da Universidade de Cabo Verde e do Campus do Mar de Vigo traballan nun proxecto conxunto | Fonte: Uvigo

Por iso, Campus do Mar, Universidade de Cabo Verde e Instituto Nacional para o Desenvolvemento das Pescas do país africano traballan xa na segunda fase dun protocolo de colaboración que arrancaba en 2012 para o desenvolvemento sostible do sector do mar a través do reforzo das institucións académicas e de investigación caboverdianas.

Tal e como informa a Uvigo, unha delegación de representantes das entidades colaboradoras de Cabo Verde están esta semana en Vigo nunha misión institucional e técnica para afondar nun proxecto que pretende contribuír ao desenvolvemento social, económico e ambiental do sector mariño costeiro deste país africano. Entre os participantes nesta viaxe atópanse a reitora da Universidade de Cabo Verde, Judite Nascimento; a pro-reitora para a Pos-Graduación e Investigación, Sonia Silva; a presidenta do Instituto Nacional para o Desenvolvemento das Pescas, Osvaldina Silva; e a técnica do INDP Elisia Silva. Ademais dunha visita institucional ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, a delegación aproveitará a súa estancia para reunirse con representantes de Cetmar, Anfaco, da Cidade Tecnolóxica de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía, da Universidade de Santiago ou da Xunta de Galicia.

Financiado por Cooperación Galega e con enfoques de xénero, ambiente e dereitos humanos, nesta segunda fase consolidaranse os resultados obtidos ata o de agora, como un programa de doutoramento en Cabo Verde que xa deu os seus froitos: catro investigadores africanos formados no programa de doutoramento internacional do Campus do Mar que puxeron en marcha varias liñas de investigación aplicadas. Agora, todas as partes implicadas traballarán para reforzar as capacidades do persoal docente, científico e técnico a través de cursos especializados; para fortalecer a aplicación dos resultados das investigacións levadas a cabo ás necesidades de desenvolvemento do sector e para fomentar a extensión do coñecemento universitario cara os sectores públicos e privados vinculados ao medio mariño costeiro.

Entre os obxectivos deste proxecto de cooperación está o intercambio de coñecementos, fomentado a través de estancias de traballo dos catro doutorandos nas universidades dos seus directores de tese e dos propios directores en Cabo Verde. Ademais apoiarán o labor dos novos investigadores fomentando a súa asistencia a congresos internacionais e a estancias no estranxeiro e iniciarán a formación de dous novos doutorandos neste curso 2015-2016. Deste xeito, a Universidade de Cabo Verde e o INDP sairán fortalecidos grazas a seis novos doutores que serán especialistas en cada unha das áreas de investigación máis relevantes descubertas durante a primeira parte do proxecto.

O Campus do Mar é o responsable da coordinación técnica, administrativa e financeira dun proxecto no que se contempla tamén o deseño e implementación de dous cursos de especialización para contribuír a fortalecer a vinculación das institucións de investigación co desenvolvemento do sector social, económico e ambiental. A idea é promover a extensión universitaria implicando á Administración pública e ás empresas privadas relacionadas co turismo, a pesca ou a enerxía, entre outros. Neste sentido, o Clúster do Mar do Cabo suporá unha canle única para poñer en marcha novos proxectos público-privados e concorrer a programas de financiamento internacionais.

Temas: CAMPUS DO MAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta